Circular por Ribeira

16-09-2017
Circular por Ribeira

Ruta circular polo concello de Ribeira, visitando o pobo mariñeiro de Aguiño, percorrendo o litoral da boca norte da Ría de Arousa, toda a liña da costa ata as praias de Anguieiro e a do Vilar; a volta faise polo parque de San Roque. Moi doada e con excelentes vistas.

  • Distancia: 19 km aprox.
  • Desnivel: Baixo
  • Dificultade: Media

Comezamos a camiñar…

A ruta iniciámola na mesma praza do concello de Ribeira e, con algunha que outra dúbida para chegar á rúa Monumento, acadamos pronto o monte que hai a continuación e que nos comeza a amosar, a medida que ascendemos, unha panorámica de toda a vila e arredores moi ampla, presidida pola maxestuosa serra do Barbanza.

Circular por Ribeira

Xa no alto, imos por un frondoso piñeiral ata a Garita, uns grandes bolos graníticos aos que nos encaramamos, pero a vexetación non permite ter unha visión boa da paisaxe. Estamos a pouco máis de 100 m sobre o nivel do mar, entre Ribeira e Castiñeiras.

Circular por Ribeira

Dende aquí iniciamos o descenso cara Aguiño, parroquia por onde vai discurrir a maior parte do andaina. Camiñamos pola pasarela marítima do complexo litoral Catia-Castro que bordea a praia do Castro practicamente valeira, como se nos estivera agardando a nós sós, na que vemos as primeiras dornas varadas no areal, moi coidadas, e decidimos percorrer o Carreiro, o paseo que se adentra no mar sobre os illotes. A vista da costa dende o Carreiro é moi fermosa!Circular por Ribeira

Pasado o porto de Aguiño continuamos pola costa, admirando a un grupo de cinco arroaces que deben estar en pleno almorzo, e tamén para deixar correr a imaxinación coas formas que o vento, a auga e o tempo labraron nas masas rochosas da contorna e nos numerosos illotes que se divisan desde o camiño. Pero hai dúas cousas que chaman a nosa atención: os restos do peirao de orixe fenicia da Covasa e o fermoso lavadoiro que hai á beira do mar.

Circular por Ribeira

Na pequena cala da Covasa, vense claramente os restos dun antiquísimo peirao, chamado o porto fenicio polos habitantes o lugar. Os restos do histórico espigón están formados por enormes bloques de pedra ordenados en tres chanzos e que penetran case setenta metros no mar. O seu estudio dá diferentes conclusións segundo os investigadores, pois uns aseguran que o porto é de orixe fenicia e outros aseguran que foi feito para a industria da conserva. O máis probable é que os fomentadores cataláns o utilizaran para desembarcar a sardiña para a salgadura que traían de Sálvora, pero de momento non é doado demostralo.

Circular por Ribeira

Un pouco antes de chegar á Punta de Couso atopamos, ao pé mesmo do mar, o curioso conxunto de fonte, pilón e lavadoiro da Penisqueira alimentados por unha surxencia nun con, rodeado por un valo necesario para protexer ás lavandeiras dos salseiros das ondas que baten nas pedras. É moi curioso pois está nun lugar pouco común para este tipo de construcións. Unha fermosura.

Tamén están ao pé do mar en todo este tramo viveiros, cocedeiros de marisco, fábricas de fariña… moitos deles abandonados, que aproveitan esta proximidade para captar directamente auga do mar.

Antes de chegar á praia de Anguieiro, entre a praia do Porto das Dornas e a pequena e fermosa cala rochosa de Porto Baixo, detémonos ante un talud no que hai excavado un muro. Seica pertence a un castro costeiro cun único recinto, delimitado por unha muralla pétrea formada por dous muros paralelos, visible hoxe en día de forma parcial, e que probablemente tivese un foxo no perímetro. Este xacemento foi descuberto de casualidade no ano 1978 cando se facían unhas tarefas ilegais de extracción de area, algo moi corrente naquela época, e en decembro do ano 2004, fixéronse nel unhas pequenas excavacións para sacar á luz a súa gran muralla defensiva.

Circular por Ribeira

Por certo, xa entramos no Parque natural de Corrubedo e lagoas de Carregal e Vixán, polo que compre camiñar polos carreiros, pois estamos ante un excelente exemplo de complexo barra-lagoa litoral en Galicia, que conta cun extenso sistema dunar de gran valor natural e paisaxístico e alberga moitos tipos de hábitats nun espazo relativamente reducido, e hai que coidalo.

Camiñar por esta xoia de praias de Anguieiro-Vilar é unha gozada, sobre todo nun día coma hoxe no que non hai practicamente ninguén no areal (só uns cantos surfistas á altura do posto de vixiancia), o que nos permite ir disfrutando do mar aberto, con Corrubedo e a gran duna móbil como telón de fondo, e escoitando o contínuo son das ondas. Paga a pena vir calquera día do inverno e darse un paseo por ela.

Circular por Ribeira

A maior parte do percorrido non ten desnivel, pero quédanos un repeito ata a aldea de Castro, antes de comezar o descenso polo parque de San Roque que nos leva ata o punto de partida en Ribeira, na praza do concello.

Sen dúbida unha andaina moi recomendable, case un paseo a pesar da súa lonxitude, e quédanos para outra a visita á gran duna móbil, Corrubedo, o faro, ou subir ata a Pedra da Rá e o castro da Cidade, ou achegarnos ata o maxestuoso dolmen de Axeitos… sen dúbida un concello que paga a pena percorrer, a pesar do maltratado que está urbanisticamente.

Deixar un comentario

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Scroll ao inicio