Ruta do río Chanca e ruta da Pedra e da Auga

Ruta do río Chanca e ruta da Pedra e da Auga

Unha boa opción para este setembro que estamos a ter é visitar a zona de O Salnés. Primeiramente paramos en Cambados a tomar o café e facer unha visita rápida, casi obrigada, ao cemiterio de Santa María.

Ruta do río Chanca e ruta da Pedra e da Auga

Despois desprazámonos ata a parroquia de Lores, onde comeza a ruta. O percorrido une dous sendeiros homologados: o PR-G172, Ruta do río Chanca e o PR-G170 Ruta da Pedra e da Auga (que xa fixemos hai anos comezando no monte Castrove, á beira do campo de golf). En total son cerca de 14 quilómetros sen maiores dificultades, salvo algún curto tramo do sendeiro na beira do río onde haberá que prestar atención.

O entorno goza dun bo estado de conservación, no que predominan os bosques de ribeira. Tamén son abondosos os tramos entre viñedos.

  • Lonxitude: 14 km
  • Desnivel: baixo-medio
  • Dificultade:  media-baixa

Comezamos a camiñar…

Ruta do río Chanca

Agrupámonos en Galiñáns (Meaño), xunto á ponte de Caxoi, que cruza o río Chanca, para comezar o percorrido, duns sete quilómetros, no que partimos practicamente dende o nivel do mar por unha suave e agradable subida seguindo o curso do río Chanca ata o mosteiro da Armenteira.

Ruta do río Chanca e ruta da Pedra e da Auga

Polo camiño sucédense máis de 20 muíños, de Caxoi, de Entremuíños, da Muncarela, da Senra… algúns completamente restaurados nos que se pode ver o mecanismo utilizado para moer. Un caso singular é o muíño do Pontilllón, cuxo cubo de forma cilíndrica está construído con aros de pedra superpostos que son unha mostra da mestría dos antigos canteiros.

O primeiro tramo da senda é moi apracible, imos entre viñedos, xa desprovistos de uvas, que empezan a coller unhas fermosas cores outonais. A medida que ascendemos internámonos nun espazo forestal, baixo a sombra das árbores caducifolias que hai ao longo do río. O sendeiro faise un pouco máis agreste e comeza a ter algo máis de desnivel o que, axudado pola gran humidade que hai no ambiente, fai que o ascenso se faga cun pouco máis de esforzo e suemos por todos os poros. Xa na parte final, un longo muro de pedra anúncianos que chegamos ás posesións do mosteiro da Armenteira, que bordeamos ata chegar ao centro da poboación.

 

Mosteiro de Santa María de Armenteira

mosteiro de Santa María de Armenteira merece unha visita con calma, pois é unha das xoias máis grandes da arte románica galega, que aínda conserva intacto o seu esplendor. Santa María, actualmente igrexa parroquial, foi declarada Monumento Histórico-Artístico; nesta parroquia celébrase en agosto a festa de Santo Ero, o fundador de Armenteira, e no mes de abril a coñecida Romaría das Cabezas, de propiedades milagreiras para curar as dores desa parte do corpo.

Ruta do río Chanca e ruta da Pedra e da Auga

Despois de admirar a fachada da súa igrexa (é un dos mosteiros cistercienses de Galicia que a mantén intacta), aproveitamos que se vai celebrar unha voda para percorrer o interior da igrexa, unha obra digna de admirar. Devagamos polas súas naves, acompañados pola música dos ensaios que enche o templo e, como non, facémoslle unha visita a Santo Ero.

Ruta do río Chanca e ruta da Pedra e da Auga

Conta unha fermosa lenda que nun dos seus habituais paseos polo bosque para sumirse nas súas oracións, Ero goreceuse debaixo dun carballo quedando engaloiado polo canto dun paxariño. Descansou á sombra desa árbore ata que o animaliño marchou. Este canto do paxaro provocou nel un feitizo que durou máis de 200 anos… Pasado o tempo, que el cría unha tarde, volveu cara ó mosteiro, máis o abade tiña a impresión de que aquel non era o mesmo camiño polo que viñera e, ó chegar, a súa sorpresa foi máxima ó ver seu antigo mosteiro transformado nunha construcción máis moderna e grande, na que tamén había máis monxes.

Ruta do río Chanca e ruta da Pedra e da Auga

Desconcertado, Ero dirixiuse a un deles e expresoulle a súa confusión. Entón armouse un gran balbordo no mosteiro ata que o monxe máis ancián, que oira falar do vello abade Ero, chegou cun vetusto libro e leu a seguinte historia que nel estaba escrita: “Santo Ero de Armenteira, nobre e piadoso varón, fundador e abade deste mosteiro, quen nunca máis foi visto despois de saír a meditar ao monte Castrove”. O vello abade comprendeu entón que namentres el estaba a escoitar o paxariño aquel, tiveran pasado no mundo uns trescentos anos…

Ruta da Pedra e da Auga

A segunda parte do percorrido non desmerece en absoluto, tamén é un tramo precioso. Descendemos por un antigo camiño que daba servizo aos muíños e tamén era utilizado polos romeiros o luns de Pascua para subir ata o mosteiro.

Ruta do río Chanca e ruta da Pedra e da Auga

Neste curto sendeiro pasamos por máis de 30 muíños, moitos deles de incrible factura, descendendo por un estreito carreiro paralelo ao río Armenteira no que atoparemos algún paso dificultoso. No primeiro tramo acumula maior desnivel polo que atoparemos maior numero de muíños, todos identificados polo seu nome. Imos oíndo o río (unha mágoa que baixe con tan pouca auga), en metade dun fermoso bosque de ribeira onde predomina o bidueiro e o castiñeiro.

A medida que avanzamos a pendente suavízase, despois da área recreativa seguimos por un confortable paseo xunto ao río, xa no concello de Ribadumia.

Unha ruta moi agradable para facer en familia, paga a pena.

Deixar un comentario

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Scroll ao inicio