Camiño de San Salvador 3. Poladura de la Tercia – Bendueños
Non pintaba nada ben a tardiña de onte en Poladura, pois viamos como as nubes comezaban a superar o sistema montañoso que tiñamos que superar hoxe e non sería nada bo facer a etapa raiña con néboa, pero unhas mulleres do lugar tranquilizaron onte a Xerardo, asegurándolle que íamos ter un fermoso día. E acertaron de cheo!
- Lonxitude: 30 km (3,7 km/h)
- Desnivel: Medio
- Dificultade: Alta
Hoxe compre madrugar. O mellor, ou o peor, dos albergues é que un non se ten que preocupar do despertador. Os compañeiros de habitación, menos os húngaros que van a outro ritmo, con voces susurrantes, luces das linternas que che dan na cara, entrando e saindo coas súas mochilas… xa están dispostos a iniciar canto antes a nova etapa. É o meu segundo contacto con este trasego matutino e non deixa de sorprenderme a frescura que amosan uns e outros ao gañar a rúa, coma se fora o primeiro día que se lanzan ao camiño, e o de onte non fora máis que un quecemento. Nótase que estamos diante da etapa raiña!
Logo de erguernos ás seis da mañá, saímos de Poladura coa fresca e xa comezamos a subir. Imos ascendendo polas rampas máis duras da etapa que nos levan a visualizar ao lonxe a Cruz do Salvador no Alto de los Romeros, onde aproveitamos para descansar, contemplar a espectacular paisaxe que nos rodea, facernos as fotos de rigor e botar unhas risas coa foto de grupo que está a preparar Jaime con carreiras incluidas. Logo de 4 km andados acadamos a Collada del Coito, o punto máis alto do Camiño do Salvador, 1578 m. Baixamos un pouco de cota para volver subir ata o Collado del Cuclillo.
A partir de aquí o resto da etapa pica sempre para abaixo, aínda que hai varios e duros repeitos antes de chegar á colexiata románica de Arbas. Logo de visitalo por fóra e facer un merecido descanso no seu adro, veu ao noso encontro o friki francés pinta Coronel Tapioca coa súa tablet pois andaba medio perdido (digo eu); Xerardo indicoulle a ruta a seguir e xa non o voltamos a ver no que quedou de camiño.
O percorrido leonés da ruta do Camiño do Salvador ten un fermoso final a 1379 m de altitude no mirador do vello Parador de Pajares (actualmente en desuso). Desde el comprobamos o enorme contraste ao abandonar a placidez dos bucólicos e estendidos vales da montaña leonesa, e entrar na agreste e frondosa orografía asturiana, sen tregua nas súas vertixinosas pendentes que chegan ata o fondo do val. Coido que este contraste fai desta etapa a máis bela do camiño.
O soberbio circo montañoso que se contempla desde o mirador de Payares está formado pola cara norte da liña de cumios que forman o límite asturleonés. Destaca cara ao oeste o conxunto formado pola Pena Ubiña (2417 m) e o macizo dos Castillines á súa dereita.
Entramos en Asturies polo Puertu de Payares, e decidimos baixar cara a Bendueños por San Miguel. Como o ano pasado Xerardo xa baixara polo pobo de Payares e comentara a dureza da mesma, gustoume moito a idea. Comezamos así unha longa baixada que nos levou por San Miguel del Río. As árbores dan sombra, as vistas son fabulosas, e a conversa resulta tan agradable que a etapa vai transcurrindo cunha placidez descoñecida. Eu vou a modo, enfrascado nun descenso máis duro do que imaxinaba.
Pequeno descanso en San Miguel para refrescarnos coa auga da fonte, ao pé dun teixo, que non é o texu de Salas ou o de Santa Coloma, o máis lonxevo de Asturias, pero ten un bó porte. Os cristiáns asimilaron o carácter máxico que lle deron ao teixo as antigas civilizacións, por iso normalmente sitúanse xunto a igrexas e ermidas, e María e Fina non perden a ocasión de abrazarse a el.
Etapa raíña, longa e dura, e co inconveniente de non atopar ningún sitio para comer calquera cousa, pois só atopamos en Llanos de Somerón un local dos xubilados aberto no que poidemos tomar unha cervexa e compartir unha bolsa de patacas fritas. Creo que este é un gran inconveniente para quen se anime a facer esta variante e rematar en Bendueños ou Campomanes. Como ben dí o Jaime, co doado que é facer bocadillos ou un par de ovos fritos con chourizo! Aínda nos queda baixar a Fierros por unha estrada sen tráfico para, finalmente, e despois dunha longa travesía por un magnífico bosque chegar a Herias, onde nos recolleu a albergueira Sandra, unha galega ben xeitosa, para levarnos ao seu bonito albergue situado ao pé do Santuario de Bendueños.
Nós quedamos no albergue de Bendueños, aberto non hai moito, moi bonito e acolledor, e só para nós, pois os nosos compañeiros de cuarto tiñan pensado chegar a Campomanes. É a primeira noite que estamos nós sós, e agardamos reencontrarnos con eles mañá en Mieres.
Sandra, foi todo atencións, dende subirnos no seu coche dende Herias ata o albergue, levarnos a roupa a lavar á sús casa, ata traernos unha reparadora e deliciosa cea. Hoxe toca lentellas, ensalada de arroz e carne guisada!
Brindamos polo percorrido ata o de agora e pola etapa. Unha etapa que non deixou indiferente a ninguén, foi espectacular! E mañá erguerémonos co propósito de írmonos ao norte, ao norte, ao norte, pase o que pase, sempre, sempre, sempre ao norte.