Camiño de San Rosendo III. De Parderrubias a Ourense
Na primeira ruta de 2014 percorremos o camiño de San Rosendo entre A Merca e Ourense, e para iso tivemos que madrugar un pouquiño, pois saímos ás oito da mañá camiño de Parderrubias. A miña curmá Marisa agasalloume con este poema de Celso Emilio Ferreiro, moi acaido tanto por ser a primeira ruta do ano como por que imos andar pola súa terra. Grazas!
Mentras imos andando.
O tempo soa a frauta melancólica
de pastor isolado; a birimbao de vento
nas marelas acacias ao caír a tardiña.
Un soar monocorde
que ven baixando a tombos dos curutos,
chega até o val e trócase en paxaro.
Mentras imos andando.
………………………………
Mentras imos andando. Celso Emilio Ferreiro
- Lonxitude da ruta: 23 km aprox.
- Desnivel: medio (principalmente de baixada)
- Dificultade: media
Se vos lembrades, o ano pasado comezamos a facer o camiño de San Rosendo, o tramo que leva dende Santa Comba de Bande a Ourense, do que realizamos duas etapas, de Santa Comba de Bande a Bande en febreiro e de Celanova a Bande en maio. Este este ano temos previsto facer o treito entre Celanova e Ourense, que dividimos en dúas partes, e que iniciamos hoxe polo tramo final o que leva dende preto de Parderrubias, no concello de A Merca, ata a capital da provincia.
É unha ruta longa, principalmente por pistas e camiños. Atravesa zonas gandeiras e bosques ben conservados, así como pequenas aldeas. Os últimos quilómetros antes de entrar en Ourense son por paseos fluviais.
Non vou facer o chiste fácil co topónimo de Parderrubias, anque máis dunha parella, loira, morena tinguida… se inmortalizou ao pé do cartel. Uns comentaban que o topónimo procedía da mención ás vacas rubias e outros a penedos graníticos que brilarían co sol (en Salceda de Caselas hai outra Parderrubias e os seus veciños dan esta última versión).
Unha vez reunidos comezamos a camiñar e ao pouco chegamos á aldea de Nigueiroá onde podemos ver á esquerda do camiño un fermoso conxunto de hórreos, a aira dos canastros.
Saindo de Nigueiroá diriximonos cara Loiro, xa no concello de Barbadás, atravesando bosques de frondosas e pinos. Fixemos a entrada por unha fermosa casa restaurada que resultou ser o tanatorio! xa entrando na aldea podemos ver á nosa dereita a sorprendente fachada románica da igrexa parroquial de San Martiño, que nos recibiu ao son do Ave María de Schubert (teño entendido que soa cada hora dende as nove da mañá ata as dez da noite!). Anque é visible o despoboamento rural, Loiro é un claro exemplo de aldea galega e merece ser visitada, anque tamén amosa algunha que outra desfeita.
Saindo de Loio e continuando o noso camiño dirixímonos cara a Enfestada e logo pasamos cerca da aldea de Alén e Sobrado do Bispo, na que veraneaba antigamente o Bispo de Ourense. De allí nos dirigimos hacía Moreiras e As Airas atravesando todo o val fluvial do Regato de Santa Olaia. Imos disfrutando da vexetación entre a que atopamos érvedos (Arbutus unedo), unha impresionante sobreira que case nos pasa inadvertida do grande que era… e algún phallus impudicus que aínda non cheiraba moito.
Máis adiante, saímos de Barbadás polo barrio de Os Rosales ata chegar ao regato de Soutolongo. No fondo do val cruzamos o regato e seguimos por un denso bosque ata a súa confluencia col Regato de San Bieito.
A partir de aquí, os dous regatos forman o río Barbadás, que percorremos por un paseo fluvial ata a súa confluencia co río Barbaña que, por certo, poderían ter un pouco máis limpo, pois estaba bastante descoidado o seu cauce. Esta será a paisaxe, á beira do río, ata o final da ruta, cruzamos varios barrios de Ourense como Laxas, O Polvorín ou Os Remedios. Fixemos unha pequena parada para descansar e admirar os Mananciais de As Burgas (67ºC), con augas medicinais recomendadas para problemas de pel, reuma e artrite.
O bus agardábanos ao pé do pavillón dos Remedios, onde demos por rematada a ruta e, unha vez feitos os estiramentos que hoxe fixeron moita falta, uns optamos por ir paseando ata a Chavasqueira, cruzando pola Ponte Vella, e os que tiñan gañas de disfrutar dun baño nesas termas apuraron o tempo e colleron o bus que os acercou ata alí. Como xa sabiamos que estaban anegadas, optaron por ir ás de pago e ben que as disfrutaron!
Aínda tivemos tempo de celebrar os cumpreanos de Marga e Belén que entre as dúas cumprian 100 anos redondos! e que nos agasallaron cunha deliciosa rosca… Parabéns a você…!!
Non estivo mal para comezar o ano… nada mal.
Ver Camiño de San Rosendo III. De Parderrubias a Ourense nun mapa máis grande
Ola Fran!
Consultei cun amigo filólogo e díxome que “Parderrubias” indica proximidade, cerca de… (cerca de min, preto de min, par de min). Ou sexa que por alí cerca, debeu de haber algún topónimo Rubias: Cercaderrubias, Pretoderrubias, “Parderrubias”…
Apertas,
Suso
Foi boa, 100 anos e con moita corda (repartidos lévanse mellor…hahahaha), vémonos noutra, Fran, grazas a todos os que brindastes con nós…as fotos quedaron cunhas cores perfectas! Bicos
Fantástica fotos coma sempre