Roteiro Fin de Ano. A Pedra Serpal
A derradeira ruta de 2013! A pesares de non termos unhas previsións meteorolóxicas que invitasen ir camiñar, coma sempre, saímos de Santiago ás nove da mañá dende a piscina universitaria, e chegamos ao mesmo lugar un pouco antes das duas da tarde, pois hai que cumprir coa familia nun día tan sinalado!
- Lonxitude da ruta: 7 km
- Desnivel: medio (principalmente de subida)
- Dificultade: baixa-media
Para acadar a Pedra Serpal, no concello de Outes, saimos camiñando dende a igrexa de San Tirso de Cando e o seu interesante conxunto formado por cruceiro, igrexa, camposanto e a capela da Nosa Señora do Carme, construída a mediados do século XVIII. Segundo reza no dintel da porta principal da igrexa, foi construída en 1744. A súa fachada ten un frontón triangular cunha fornela no tímpano, molduras decorando a porta e unha ventá na parte superior; con nave de planta de cruz latina, muros de cachotaría e tellado de tella. A Torre-campanario exenta, de catro corpos, decorada con placas, pilastras, pináculos e bolas, coroada por un cupulin. No adro está ademais a capela da Nosa Señora do Carme e un fermoso cruceiro.
Unha vez admirada igrexa e o seu entorno, camiñamos ata o lugariño de Carballido e O Vilar, onde comezamos o ascenso ao cumio do Monte Castelo (422 m). Antes de chegar ao cumio, atopamos a Pedra Serpal (ou Pedra do Berveo), un impresionante monolito granítico que é un miradoiro espectacular sobre a ría de Muros e Noia, así como do treito final do río Tambre co seu canón e a súa foz. Esta Pedra, segundo os paneis explicativos que hai na ruta, serve de faro natural para que os mariñeiros tomen referencias, ás que eles denominan “marcas”, durante a navegación. Para os amantes da escalada, a Pedra Serpal está semi equipada para esta actividade.
En todo o traxecto imos por un entorno onde a vexetación do monte é máis presente e aparece misturado o bosque tradicional galego coas plantacións de eucaliptos e piñeiros, anque hai unha flora característica, as uceiras convivindo cos toxos.
Non chegamos no mellor momento á Pedra para poder facer un descanso e admirar a paisaxe, así como facer un brinde por todos vós, pois a chuvia nese momento intensificou a súa presenza polo que non paramos moito e decidimos seguir ata a caseta que coroa o cumio do monte Castelo, que medio nos acubillou para poder facer a parada. Non vos podedes imaxinar o que alí sacamos!! Ademais do cava de rigor (estupendo o cava galego que sempre trae Pastora), houbo turróns varios, figos con noces, almendrados, coco… unha pasada! e brindamos polo novo ano, estendendo o brinde a todas e todos os habituais das camiñadas que non puderon vir:
FELIZ ANINOVO A TODAS E TODOS OS SENDEIRISTAS!!
E despois deste pequenísimo respiro que nos deu a climatoloxía, e que nos permitiu facer o brindis e a foto de grupo como se merece, continuamos a ruta, descendendo cómoda e relaxadamente ata preto do lugar de Cuns, onde nos recolleu o bus para traernos a Santiago. Esta xornada foi un gran remate para os fabulosos roteiros que desfrutamos este ano, a pesares de ser tan gris no social… vaite 2013!!
E VÉMONOS POLOS CAMIÑOS NO 2014!
Ver Ruta da Pedra Serpal nun mapa máis grande
2014 de muchas rutas y de momentos óptimos y risueños, para todos!!!! Y muchas gracias a Fran por su trabajo constante y bello.
Ola Rocío,
Facemos o que máis nos gusta e por riba pasámolo ben!!!
Un bico e moitos roteiros para este 2014!
Hai un agasallo en INICIARTE.