Ruta polos Montes da Ruña. Devesa de Anllares
Os montes da Ruña érguense por riba dos 600 m, e son un miradoiro fantástico sobre a comarca do Xallas. Pasamos tamén pola fermosa devesa de Anllares, que é o bosque atlántico máis occidental de Europa.
- Lonxitude da ruta: 15 km
- Desnivel: medio (principalmente de subida)
- Dificultade: media
A ruta comeza en Olveiroa, no concello de Dumbría. Olveiroa soe ser fin da etapa que comeza en Negreira, do camiño a Fisterra e, está fortemente influenciada polo camiño. Xa visitei un par de veces esta fermosa aldea o ano pasado. Unha foi con Carlos e Suso cando decidimos ir xantar e dar unha volta ata a Pedra Brazal e Logoso. A outra foi coa Universidade en abril de 2012. Daquela o obxectivo era chegar ao Ézaro, pasando polos montes de Buxantes.
Nesta ocasión tomamos outro rumbo cara ao concello de Mazaricos, percorrendo primeiro á beira do río Xallas, río que no seu tramo final é onde se fai máis agreste, pero quedou totalmente entubado con tanto encoro, moribundo. Unha pequena historia deste proceso cóntalona o amigo Manuel Vilar, muxián gran coñecedor destas terras, da que quero resaltar dous parágrafos. Dise da Devesa de Anllares que é o bosque atlántico máis occidental e o segundo despois das Fragas do Eume. “Pero Anllares é máis que unha devesa, non é só unha paisaxe, é un lugar que forma parte da nosa memoria, un sistema de cousas, unha realidade na que están en relación xeografía e histórico habitar, polo tanto, construción cultural e memoria social. Non nos interesa a paisaxe pola paisaxe, interésanos a paisaxe como áncora da memoria social.”
E remata o artigo con este fermoso parágrafo: “Unha devesa é un espazo que os labregos sempre mantiveron para explotar a leña e a madeira. Algunhas devesas reais son hoxe inmensos eucaliptais onde foron borradas todas as pegadas doutros usos e doutras vexetacións. Como se entraba pouco nestes espazos, medraba a vexetación e facíase apropiado para que alí habitase a fauna salvaxe. De aí tamén a idea de espazo inaccesible e onde cabía o marabilloso e o sagrado. Lembrar, por exemplo, a lenda de san Cibrao nas terras do Carballiño, quen lle di a unha nai, que ten o fillo con sarna, que entren na fraga e pase ao rapaz pola fenda aberta no toro dun carballo. Se seguimos destruíndo as devesas e a nosa paisaxe, os carballos non poderán sandar a pel deste vello país e o noso corpo social enfermará e caerá definitivamente na man dos especuladores.” Recoméndovos a lectura enteira do artigo!
Ten esta ruta outro interesante punto cultural: as lacenas das abellas, marabillosa e pouco coñecida mostra do noso patrimonio. Para os que non coñecen o tema, nas aldeas as abellas podían estar en cortizos, trobos ou colmeas, pero tamén en lacenas. As colmeas e trobos podían estar nas hortas xunto ás casas. Nalgunhas zonas estaban en montes nun recinto pechado por un muro. Este conxunto de colmeas chámase nesta zona abelleiras, noutras zonas din alvariza. Pero as abelleiras nesta zona non eran moi abundantes (anque sí na toponimia).
A xeografía das lacenas parece que se estende por toda a Costa da Morte, pero tamén por algunha outra parte da Coruña e Pontevedra. O noso amigo de Sardiñeiro, Suso, que as descubriu hai ben tempo, quedou tan impresionado co tema que non para de fotografalas. A verdade é que hoxe estaba un pouco contrariado e amolado, pois en Olveiroa un veciño lle comentou que a garda civil mandou retirar das casas as poucas lacenas activas que quedaban, pois “as abellas molestaban aos peregrinos”. Manda carallo!
Tamén no alto da Ruña pudemos observar os restos dun castelo, coñecido como o castelo de Brandufe. E como hoxe estou de recomendacións, non deixedes de ler a Manuel Gago, que escribiu recentemente sobre el no seu Capítulo Cero.
- Ao norte podemos ver o encoro da Fervenza (o encoro máis grande do Xallas), as terras de Dumbria, Vimianzo, Santa Comba, Mazaricos.
- Ao oeste podemos ver parte da ría de Corcubión, co cabo de Fisterra ao fondo.
- Ao sur, suroeste podemos ver O Pindo, maxestuoso, os montes de Muros e ao fondo o Barbanza.
- E ao Leste a comarca da Barcala, zona de A Baña, e Negreira…
Terei que volver nun día claro, seguro, pois estas vistas hai que desfrutalas!
Vilar Alvarez, Manuel. Anllares: máis que unha devesa [En liña]. Terra e Tempo, 24/05/2012. Dispoñible en: http://www.terraetempo.com/artigo.php?artigo=2478&seccion=13 [Última consulta: 22 de xaneiro de 2014].
Ver Ruta polos Montes da Ruña. Devesa de Anllares nun mapa máis grande
Fran, moi boas as fotos e moi boa a información que comentas.
A min persoalmente a ruta gustoume moitísimo, é unha auténtica mágoa que o tempo nos castigase dese xeito, pero, que lle ímos facer!!!
Unha aperta para todos!
Grazas!!
Anque a chuvia non nos respetou en case toda a xornada, salvo no momento de xantar e cando rematamos xa na Picota, a ruta é fermosísima e, buscarei un día para poder subir aos montes da Ruña e poder admirar todo o que nos sinalaches dende o cumio.
Apertas!
Este roteiro gustoume moito; o anterior pouco, daba unha sensación de frio e humidade que calaba os ósos soamente con mirar as fotos, que eran tan boas coma sempre, pero a paisaxe non tiña comparación con este nin cos anteriores.
Veña, non sempre vai ser todo precioso!!!