Polas parroquias de Boqueixón

12-07-2012
Polas parroquias de Boqueixón
Para finalizar a tempada de Roteiros fixemos esta ruta que transcorre por zonas rurais do veciño concello de Boqueixón, onde se ergue un dos montes máis míticos e recoñecidos de Galicia, o Pico Sacro, pero desta vez fomos camiñar polas parroquias de Vigo e Lamas, ao norte do concello.
Reunímonos fronte á igrexa Parroquial de Santa María de Lamas. A súa construción iníciase no século XVIII, constituíndo un claro exemplo do barroco galego. Curioso é o cruceiro que presenta un varal circular con adorno vexetal en espiral, imitando o estilo das do pórtico do Paradiso da catedral, sustentado nunha plataforma cuadrangular e pedestal cúbico con remates. Capitel cilíndrico con volutas e imaxes nas catro caras. Cruz circular, no seu anverso contemplamos ao Crucificado e no reverso, a Piedade. A súa orixe remóntase ao século XIX.
Comezamos a camiñar por pistas ata chegar e buscar a Fervenza de Vigo. No lugar de Rubio, o río Záramo forma unha fermosa caída de auga de cinco metros de altura no seu curso alto. Segundo din, a súa forza foi a impulsora do primeiro xerador de enerxía eléctrica que funcionou en Boqueixón.
Logo achegámonos ata o Castro de Carabán, asentamento fortificado da Idade de Ferro, que se localiza en propiedade particular e en deficiente estado de conservación.
Rematamos a nosa andaina ao pé da Igrexa Parroquial de Santa Baia de Vigo, con vestixios anteriores á actual fábrica que data de mediados do século XVIII.
En fin, un concello por descubrir moi cerquiña da casa que paga moito a pena. Ata setembro…


Ver Polas parroquias de Boqueixón nun mapa máis grande

Ruta do val do río Aviouga

Deixar un comentario

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Scroll ao inicio