De Noia a Porto do Son (pola costa)
Comezamos esta ruta na praia de Testal, nas proximidades de Taramancos, no concello de Noia, e lévanos ata Porto do Son, todo pola costa, cruzando diferentes e numerosas praias.
- Lonxitude da ruta: 17 km aprox.
- Desnivel: moi baixo
- Dificultade: media
Como final de tempada fomos disfrutar dunha ruta que conta con numerosos puntos de interese natural e paisaxístico, pois todo o percorrido se desenvolve cun marco incomparable de fondo: a ría de Muros e Noia co monte Louro sempre presente. Ao comezo do percorrido, tivemos un pouco de chuvia fina, pero as previsións meteorolóxicas cumpríronse e ao rematar a andaina algúns ata puderon desfrutar dun baño na praia do Son, anque para min esta ría ten as augas máis frias de todas.
Logo de deixarnos o bus no porto de Testal comezamos a camiñar coa dúbida de poder manter o percorrido inicial pois a marea, coa preamar sobre a unha da tarde, podía provocar pequenas variacións no mesmo. A praia de Testal está en Taramancos e é a máis longa das praias de Noia. Por certo, nas cercanas obras da variante que atravesará a ría de Noia atopouse un xacemento en maio de 2011, o Poboado de Espiñeira, mentres se removían os terreos. O sector escavado está en grave perigo de desaparición, xa que coincide exactamente co trazo do vial e a Dirección Xeral de Patrimonio aínda non fixo pública a súa decisión (supoño que non modificarán o trazado, non vaia ser!), pois a escavación de urxencia xa hai tempo que rematou.
Así, fomos pasando por pequenas praias como Boa e Hornanda, e zonas rochosas e esbaradías ata chegar a Portosín, onde fixemos unha pequena parada para repoñer forzas. A antiga Portosinus dos romanos é hoxe unha vila da que pouco queda do que foi núcleo de pescadores, a igrexa, o cemiterio e algúns grupos de casas, o resto, son edificios altos e de dubidosa estética. Logo, a magnífica praia de Coira, circunvalada por un paseo marítimo, tras a que se chega a outra praia excelente, a de Langaño, máis solitaria, e a do Pozo. Dous quilómetros máis adiante está a mellor, a enorme praia de Aguieira, un limpo areal de dous quilómetros de lonxitude, e onde bordeamos o seu sistema dunar; a costa faise rochosa e despois de xantar ás portas do campamento Virxe de Loreto, accedemos a Caveiro, Herbas Pitas e, finalmente, a praia de Suiglesia no Son.
Porto do Son (Porto d’Oçon) é unha das vilas máis bonitas da ría, a pesares de estar bastante afectada pola presión urbanística recente. O muelle ábrese ao final dunha gran explanada con xardíns, aparcadoiro, parque infantil e paseo, coa lonxa ao fondo. En Porto do Son fixemos unha pequena parada dunha hora, que aproveitei para tomar un café na casa de Antonio e coñecerlle á familia, e tamén ir á de miña irmá, para despois desprazarnos ata o castro de Baroña, rehabilitado dende o mes de abril coa fin de lograr consolidar e restaurar as zonas críticas que ten o asentamiento, pois soporta o paso de visitas en masa que provocan unha enorme degradación sobre o xacemento.
Este poboado da Idade do Ferro constitúe un exemplo sumamente representativo de castro costeiro. Está situado sobre unha pequena península de relevo abrupto e que se interna no mar. Aínda que estivo ocupado dende a Idade do Ferro ata ben entrada a época romana, a súa apariencia actual tería a súa orixe no cambio de Era (s. I a.C- s. I d.C.), momento no que o asentamento viviu unha expansión urbanística e demográfica.
Estrutúrase a partires dun complexo sistema defensivo, cunha primeira liña de foso e muralla que protexe o istmo, seguida doutra que delimita os recintos habitacionais e acada características monumentais. Aquí ábrese a entrada principal coa escalinata de acceso. No interior, agrupados en tres plataformas, atópanse máis de trinta estruturas arquitectónicas que se adaptan á accidentada topografía da península e son de planta simple, de forma circular ou ovalada. A maioría serían vivendas, aínda que algunhas servirían como espazo para o desenvolvemento de actividades artesanais.
Agardo que pasedes un bó verán, incluídos os que ides a Espinama, e vémonos en setembro para continuar coñecendo o País con todos vós.
Ola. Interésame moito os roteiros que facedes. Como me podería informar para anotarme?
grazas
Ola Teresa:
Esta é unha actividade organizada pola Fundación USC Deportiva e o Servizo de Deportes da USC, e eu son un mero participante da actividade, pero o que sí che podo dicir é que o pasamos moi ben e hai un ambiente marabilloso entre nós.
Podes botarlle unha ollada á páxina do Servizo de Deportes da USC, pero o sendeirismo ata setembro non se retoma.
Moitas grazas, e se tes algunha dúbida e che podo axudar, estarei encantado de facelo.
Apertas,
Fran
Magníficas las fotografías, todas, pero las del Castro especialmente.
Moitas grazas! Extrañamente, non puden descargar todas as fotos da cámara. A ver se non as perdo e as podo descargar máis adiante.
Como sempre, preciosas fotos e o texto moi ilustrativo.
Bo verán para ti tamén, Fran!
P.S.: Ímoste botar moito de menos en Picos de Europa!!
Grazas! Pasádeo ben en Picos e desfrutade do verán!!