Ruta da Auga
Que gañas tiña de retomar os roteiros! E que millor que ir ata Guitiriz e facer unha magnífica ruta para esta época do ano, xa que é un percorrido que non ten desniveis. O percorrido forma parte da rede de sendeiros homologados do noso país: é o PRG-99, sendeiro que atravesa este municipio, sendo unha das mellores maneiras de coñecer Guitiriz. Ah! e fundamental a torta de millo, que ten moita sona a desta vila, e sobre todo a da Panadería David, pois aproveitamos tamén para facer unha parada e visitar a vila.
- Lonxitude: 19 km
- Desnivel: moi baixo
- Dificultade: media
Toda a ruta transcorre practicamente á beira dos ríos Ladroil e Parga, e con abundante sombra, polo que ten un alto interese natural. Comezamos no balneario de Pardiñas, inaugurado no 1948. As súas instalacións encóntranse nun piñeiral onde cada agosto se celebra o famoso festival folk. e dirixímonos ao lugar do Pazo. Antes de chegarmos a Guitiriz pasamos pola interesante e coidada área recreativa de Sete Muíños.
Logo de pasarmos Guitiriz, xa tomamos a beira do río Ladroil ata chegar a Parga, onde hai unha interesante carballeira adaptada como zona recreativa e onde repuxemos forzas baixo unha feble choiva, que nos acompañou a ratos toda a mañá.
O sendeiro une tres fontes de augas curativas. Comeza xunto á carballeira de Pardiñas na fonte de San Domingos (creo que moi boa para cuestións estomacais), continúa coa de San Xoán de Lagostelle, no impoñente Balneario de Guitiriz e remata na de Valdobín, e a súa apracible área recreativa. A fonte de Valdobín, de augas medicinais suavemente olorosas, foi construida en 1950; por iniciativa dos veciños e comuneiros de San Estevo de Parga, no ano 2002 a fonte cubriuse con templete heptagonal e foi acondicionada esta área recreativa. As súas augas sulfuradas e fluoradas son recomendadas para doentes do fígado e dos riles, afeccións da pel e trastornos dixestivos e do apetito.
Rematamos a andaina na capela de Santo Alberte, fermosa igrexa de estilo gótico (do pouco gótico que hai na provincia de Lugo), situada nunha fermosa paraxe e que forma parte do Camiño Xacobeo do Norte. De regreso, paramos de novo na vila de Guitiriz, a tomar a merecida cervexa e facer acopio de máis tortas. Creo que deixamos a vila sen elas…
Ver Ruta da Auga nun mapa máis grande
Me enamoró la capilla de San Alberte y su entorno natural. Me hizo sentir vibraciones positivas. De esos lugares que elegirias para quedarte. Ruta especial y bella.
E a sorte de encontrala aberta!!
Nos sempre temos sorte. Ou non?