Este día intentaremos acadar o cumio do Gilillo (1848 m). Saímos camiñando do hotel, en La Iruela, en forte ascenso ata a base do Cerro de la Laguna, a partir deste punto a pendente redúcese considerablemente. Ao pouco chegamos ao porto de El Tejo. As vistas sobre a comarca son impresionantes. Dende aquí aínda quedan uns 5 quilómetros ata chegar ao cumio. Os últimos metros de ascenso son un tanto pedregosos. A vista dende o cumio abrangue gran parte do parque natural e toda a contorna.
O descenso lévanos polo collado e polas ladeiras do Cerro de Cagahierro, ata Cazorla, onde rematamos a ruta.
A ruta é bastante longa e ten desnivel, pero os camiños son moi cómodos. A maior parte da subida faise por sombra. O descenso é prolongado e constante, con menos sombra que no ascenso.
Último día da nosa estadía pola Serra de Cazorla, e deixamos para o final a máis dura das rutas que fixemos polo seu desnivel pero, sen dúbida, das máis fermosas. Iniciamos a andaina no mesmo hotel onde estivemos aloxados estes días en La Iruela, o Hotel Sierra de Cazorla & Spa, moi recomendable para ter de posto base se se quere estar uns días por estas terras.
Nada máis sair, cruzamos ao arcén esquerdo da estrada que vai a Cazorla ata darmos cunhas escaleiras un tanto irregulares polas que iniciamos o ascenso, que coincide co mesmo camiño por onde baixamos cando rematamos a ruta dende o Porto de Las Palomas. Pasamos as instalacións do comezo da Vía Ferrata La Mocha, e continuamos pola vella senda de montaña das Ánimas, nun ascenso con bastante desnivel, cara ao Prado Redondo e enlazar co GR7, con dirección ao interior do parque natural.
Segue chamándonos moito a atención a paisaxe repleta de oliveiras ata onde alcanza a vista, que imos deixandoi ás nosas costas. Pouco a pouco, o sendeiro súbenos ata alcanzar as ruínas da casa forestal de Prado Redondo, onde nos encontramos con bifurcacións cara a outros sendeiros que levan á ponte das Herrerías ou ao Refuxio da Zarza. Todo este tramo é en ascenso constante, pero moi levadeiro, pois imos practicamente en todo momento baixo a sombra de grandes piñeirais.
Tras virar á dereita no refuxio, unha boa pendente de subida condúcenos á base do Cerro de la Laguna e a rodealo completamente, ata cambiar de ladeira. É un pracer ir gozando das vistas impresionantes sobre o agreste barranco que percorre, así como do propio camiño, amplo e ben construído á maneira tradicional, bastante chan e en boas condicións.
Tras cruzar á outra cara da vaguada, o camiño segue subindo ata alcanzarmos o Porto do Tejo. Facemos un pequeno descanso e nos reagrupamos mentres observamos as impresionantes vistas panorámicas que fan que durante uns minutos contemplemos unha das paisaxes máis fermosas deste parque natural. Preparámonos para continuar, e vemos como nos sae outro camiño á esquerda, que conduce ao Parador Nacional El Adelantado, pero nós temos que seguir cara á dereita.
Ascendemos outra vez por piñeiral con vistas intermitentes cara ao val do Guadalquivir, ata que chegamos a llanear durante un treito e tomamos un camiño ancho con bo firme. Deseguido avanzamos por unha nava ou chan, coñecida como a Lagoa de Cazorla, aínda que hoxe non é tal, pois pode chegar a encharcarse no centro. e en cuxa marxe esquerda hai unha aliñación de rochas con perfís dentados e formas moi caprichosas. que semellan fincadas no solo.
Neste espazo, o camiño ancho desaparece e continuamos subindo polo único carreiro que encontramos marcado. A nosa estreita senda continúa por solo rochoso, pero sen dificultade, con vexetación de monte baixo no que non medran outras árbores que non sexan piñeiros pequenos e retortos, ata que comezamos a ver á fronte o Gilillo, moi pelado e rochoso.
Finalmente, superada unha vella caseta de vixilancia en ruínas, chegamos a Porto Gilillo. Descansamos e reagrupámonos neste paso de montañas. A este punto regresaremos para continuar cara a Cazorla polo GR-247, tal como nos indican os carteis (9,5 km – 3 h), cando voltemos de facer cume.
Desde o porto é visible o vértice xeodésico da cima do Gilillo, onde nos diriximos decontado. Quedan só 500 metros, e seguimos rectos ata situarnos na base do macizo de rocha no que se alza o cume. Quizáis este último tramo sexa menos cómodo que os anteriores, pero para nada difícil.
Eu vou quedar neste pequeno collado e non vou facer cume. Cóntanme que a partir de aquí a subida é algo máis perigosa. Aínda que non é moi exposta, hai que ter moito coidado ao subir e baixar, xa que hai que pasar por un carreiro moi estreito e case nulo en ocasións. Ascéndeno pola dereita, seguindo os fitos de pedra que van indicando o camiño máis sinxelo. E tras moi poucos metros, chegaron ao cume. Agora toca facer fotos e deleitarnos coas vistas. Eles dende o alto e eu dende o collado.
Cos seus 1848 m de altitude, bríndanos unhas incribles panorámicas en todas as direccións. Polo leste vemos Quesada coa súa serra, a campiña de oliveiral, Sierra Mágina, coroada polo pico do mesmo nome, o máis alto da provincia de Xaén (2164 m), estendéndose as vistas ata máis aló da Loma de Úbeda, na campiña. Máis cara ao sur, disque en días claros (hoxe non o é pola calima que hai no ambiente) podemos ver ao lonxe os cumes de Sierra Nevada. As vistas meridionais, xa sobre as montañas do parque, están coroadas polo pico Cabañas e inclúen o nacemento do Guadalquivir. Cara ao leste vemos a profunda fendedura do val deste río e as montañas que o flanquean polo lado oposto, como o Calar de Juana e os Poyos da Mesa. E finalmente, cara ao norte, os interminables panos montañosos das Serras de las Villas e Segura.
Non tardan moito en regresar e emprendemos o descenso. Pouco a pouco volvemos a Porto Gilillo e desbotamos o carreiro por onde viñemos que vai por detrás das ruínas. Este punto é un fito importante da etapa porque cambiamos de vertente e a dirección do carreiro toma a orientación cara ao sueste.
O desnivel acentúase, o camiño é moi cómodo e gañamos novas vistas á vertente do arroio do Chorro e Quesada, ademáis de ver o sinuoso sendeiro marcado por onde imos descender. O camiño é ancho e ben construído, co seu asentamento de pedra seca. Por unha banda está flanqueado por grandes cantís, farallóns e rochas desprendidas, mentres que pola outra a vista pérdese ata afastados horizontes, identificando en primeiro plano pobos como Quesada e Peal de Becerro. A ausencia de arboredo permite gozar de extraordinarias vistas cara á campiña.
A medida que imos descendendo comodamente, volvemos alternar tramos de piñeiral con outros de vistas (non me canso de admirar este mar de oliveiras). Chegamos ao collado de Cagahierro onde decidimos facer a parada para xantar aproveitando as primeiras sombras sobre o camiño. Nesta hora da comida, a calor empeza a ser importante, pero non tan terrible como imaxinara. Coido que nestes días tivemos moita sorte coa temperatura, alta pero moi levadía, aínda que unhas nubes ameazantes comezan a facer acto de presenza obrigándonos a apurar o paso.
Regresamos ao camiño e xa imos ter á fronte as vistas cara a Cazorla e o castelo das Cinco Esquinas, aínda moi abaixo. A senda, que descende polas ladeiras do Cerro de Cagahierro, é panorámica nalgúns tramos. Cortamos nun par de ocasións a pista forestal, e facemos tamén unha breve parada no miradoiro de Riogazas, pois comezan a caer as primeiras pingas e non sabemos se isto vai ir a máis.
O miradoiro de Riogazas é un gran balcón desde o que vemos todas as paraxes, identificadas nun panel interpretativo que nos axuda a coñecer mellor a paisaxe que estamos a gozar, onde a Pena dos Falcóns á dereita e a Loma do Castelo á esquerda forman unha gran uve en cuxo pé está o pobo de Cazorla.
A partir de aquí xa imos camiñando por pista ata a fonte Nacelrío. Cerca deste punto está o carreiro que conduce ao sendeiro polo río Cerezuelo. Como esta ruta xa a fixemos hai dous días en sentido ascendente, decidimos continuar por el e seguir admirando Cazorla dende o alto. Imos gardando os chuvasqueiros e paraugas pois non van ser necesarios a partir de agora.
Pasamos á beira da humilde ermida de San Sebastián, ao parecer de finais do século XV, que queda á nosa esquerda. A paisaxe non pode ser máis amena, con hortos, bancais, figueiras, caquis, chopos, algunhas oliveiras… Entramos directamente en Cazorla polo Carril Solar e, en lugar de rematar a andaina na praza de Santa María coas ruínas, facémolo na praza de La Corredera, que desta hora aínda ten algún bar aberto e coas terrazas despregadas a tope de xente, que aproveitamos para tomarnos unha cervexa Alcázar e unhas boas tapas. A pesar do desnivel e da lonxitude, como gozamos nesta ruta! Sen dúbida non podía haber un mellor final para a nosa estadía por Cazorla.