Ascenso a Peña Ten
Desprazámonos ata La Uña, localidade situada ao norte da comarca de Riaño, preto xa de Asturias e o porto de Tarna. A ruta comeza por un camiño moi cómodo, ao pouco de saír do pobo, que vai entre zonas de pastos rodeado de paisaxes moi fermosas onde se mesturan zonas de bosques, prados e rochedos. O camiño lévase moi ben durante os primeiros cinco quilómetros. A partir de aquí comeza a forte ascensión a Peña Ten (2142 m), por un sendeiro estreito con moi forte pendente, que atravesa zonas de mato baixo ladeira arriba. En tres quilómetros sube cerca de 800 m de desnivel. O último tramo antes de chegar ao cumio é por unha aresta onde hai que extremar as precaucións xa que cara ao leste é completamente vertical.
As vistas durante a ascensión, e principalmente no cumio, son impresionantes. Vese gran parte da cordilleira cantábrica, desde Peña Ubiña ata a montaña de Palencia, cos Picos de Europa moi preto de nós. O regreso é polo mesmo percorrido.
MIDE:
- Horario: 6 h.
- Desnivel de subida: 1020 m
- Desnivel de baixada: 1020 m
- Distancia horizontal: 16 km
- Tipo de percorrido: Ida e volta
- Severidade do Medio Natural: 3
- Orientación no Itinerario: 2
- Dificultade do desprazamento: 3
- Cantidade de esforzo necesario: 4
- Dificultade: media/alta
Comezamos a camiñar…
Na terceira xornada polas montañas de Riaño, achegámonos a unha das maís míticas. En concreto, fomos ata o pobo de La Uña, no val de Valdeburón, dentro do Parque Rexional de Picos de Europa, para afrontar o ascenso á cima de Peña Ten. Cos seus 2142 m é un dos cumes emblemáticos da montaña de Riaño e Ponga, no límite entre León, concello de Acebedo, e Asturias, concello de Ponga, concello que visitamos en marzo de 2017, sendo este o seu cume máis alto.
O seu aspecto e os circos glaciares que o rodean fan que destaque no horizonte sexa cal for o punto onde nos atopemos, elevándose sobre os vales leoneses e asturianos do Esla e o Sella e presidindo unha soberbia paisaxe de altos portos, faiais e circos glaciares. Trátase dunha mole de pedra calcaria, tapizada nas súas abas polas pradería do val de Valdosín en León e de Arcenorio en Asturias.
O bus deixounos superado o pobo de La Uña nuns 800 m aproximadamente, onde se puido abeirar para deixarnos, onde unha pista de terra se aparta da estrada que continua cara ao porto de Tarna, lugar que vai constituir o noso punto de partida, unha vez cruzado un paso canadiano. Tras prepararnos e escoitar as indicacións de Víctor sobre o desenvolvemento da xornada, comezamos a camiñar sobrepasando o cartel informativo do PR LE-20 Porto de Ventaniella e cruzar o río Esla por unha pequena ponte.
Tomamos así o camiño de Ventaniella, unha pista cómoda que nos vai introducindo no val alto do Esla. A pista avanza entre prados pola marxe esquerda do val, superando a ancha Veiga de San Miguel na que conflúen o Arroio de Riosol e o Esla. O día é claro e o sol apreta dende primeira hora. Ademais, non imos gozar de ningunha sombra en toda a xornada, polo que a provisión de auga para o camiño e a protección solar son fundamentais.
Pouco máis arriba pasamos á beira dun bonito penedo, Pena do Castiello, que se converte entón en referencia do camiño e, pouco máis adiante, o val estréitase precedendo ás magníficas amplitudes de Valdosín, que exemplifican á perfección as características dos vales da montaña cantábrica: veigas humanizadas, ocupadas por extensos pasteiros, ladeiras salvaxes tapizadas polo faial, e cumes impoñentes. Valdosín é un dos mellores portos gandeiros de León. Trátase dun val resgardado, fresco e con bo acceso onde centos de vacas e cabalos pastan baixo bosques e colladas.
Este val tamén conta cun bo acceso a Asturias a través do alto de Ventaniella, comunicando León co concello de Ponga, pero nós non imos chegar a el. Desviámonos á dereita cara ao pequeno val que forma o arroio das Curvas. Tras pasar un pequeno refuxio na majada de Lario, desviámonos cara á esquerda e empezamos a subir pola pradaría que nos leva ata a majada de Polvoredo onde hai outro refuxio. Aquí facemos a primeira parada da xornada. Buscamos a sombra dos seus muros pero hai moi pouca. Aínda así gozamos dunha vista cara ao faial de Valdosín.
Toca subir. Dende este refuxio retomamos o camiño, que vai ser longo e pesado. Empezamos a subir pola pradeira el Cantil, para continuar por nun pequeno tramo con maleza que nos regala unha cor amarela espectacular e, un pouco máis adiante, atopamos uns fitos que nos levan cara a un pequeno canal encaixado con pequenos chanzos de pedra que nos indican que estamos acometendo a subida polas Pedrices de Pena Ten.
Seguimos ascendendo por unha empinada canle herbosa ata alcanzar un collado. Insisto na cor amarela das xestas en flor. Afrontamos así unha esixente subida ata enlazar co estreito carreiro que conduce ata a cima. Antes de continuar facemos unha pequena parada para reagrupar o grupo e decidir quen continua. Eu, despois de barallalo, decido quedar pois non me atopo o ben que quixera, e o lugar é magnífico para facelo….
O grupo que continuou contame que subida pola estreita crista non tivo ningunha dificultade seguindo o carreiro marcado. Á súa dereita tiñan o corte vertical da crista que forma o circo glacial e á esquerda, a ladeira herbosa co val da Majada de la Castellana ao fondo.
Acadaron sen problema a cima de Pena Ten (2142 m), onde se sitúan un punto xeodésico e a caixa de correos de cume. Polas imaxes que me ensinaron, desde alí gozaron dunhas vistas espectaculares de Picos de Europa, as Ubiñas, os Mampodres, Maciédome, os Tiatordos, Burín (Pico Yordas), a serra do Sueve ou o Espigüete, son só algúns dos puntos que se podían ver perfectamente dende o teito do concello de Ponga, ou o cercano pico Pileñes (2012 m)… vaia, un marabilloso balcón sobre gran parte de Asturias, León e as montañas de Palencia.
Toca baixar. Tras descansar un intre e facer a foto de grupo, crestearon de novo na volta seguindo o carreiro ben marcado nun primeiro momento, cara ao oeste, ata que atoparon unha senda de baixada pola cara sur, aínda que non semella que o fagan por un camiño definido tal como están descendendo ladeira abaixo.
Unha vez reagrupados no punto onde quedamos agardando, non tardamos moito en continuar a baixada polas Pedrices. Case non me dá tempo a prepararme, pois decido gardar a cámara de fotos para que me permita ter maior mobilidade na baixada. O que pola mañá me pareceu unha parede, agora, na baixada de las Pedrices, o sendeiro non se fai tan mal, aínda que os xeonllos están bastante afectados.
Case sen decatarnos chegamos á majada de Polvoredo, onde o refuxio, e continuamos polo camiño que hai detrás del que nos pon na Majada de Lario, xa en ambiente distendido e gozando da paisaxe. O andar é rápido, ainda que non hai moitas gañas de que isto remate. Retomamos as amplitudes de Valdosín, co serpenteante curso do Esla, e acompañámolo de novo polo sendeiro PR-LE 20 Puerto de Ventaniella ata o punto de partida na pequena ponte que cruzamos á mañá.
Sen dúbida unha ruta de dez. Como estamos a gozar estes días!
Como case sempre que andamos por estas terras, baseámonos nas descricións de Rutinas Varias. Aínda que desta vez a ruta que fixemos ten un percorrido diferente, dá gusto ler as fermosas e detalladas crónicas e gozar das súas fotografías. Moitos parabéns!