Ruta do Bosque Mixto de Caboalles

Ruta do Bosque Mixto de Caboalles, Villablino
Ruta do Bosque Mixto de Caboalles, Villablino

Regresamos a Villablino para poder gozar desa fermosa zona montañosa leonesa quizais na estación máis interesante, o outono. Tiña os meus temores de que o outono aínda non se notara con plenitude, coma nos Ancares ou o Courel, pero xa dende que entramos no Bierzo con todas as viñas de mencía cun morado espectacular, decateime de que non ía ser así. Como sempre que vimos a estas terras, estivemos aloxados no albergue Francisco Giner de los Ríos, en réxime de media pensión, pois é unha garantía de comodidade e bó servizo.

  • Lonxitude: 9 km
  • Desnivel: baixo-medio
  • Dificultade: media-baixa

A ruta comeza en Caboalles de Arriba, xunto ao Centro do Urogallo, un estupendo centro de interpretación dos valores naturais, paisaxísticos e culturais da comarca, o cal fomos visitar. A verdade é que paga a pena facelo, porque ilustra moi ben a terra pola que imos andar estes días.

O urogallo é unha ave emblemática dos bosques de montaña, en proceso de desaparición na península ibérica. Quedan algúns exemplares na Cordilleira Cantábrica e nos Pirineos.

Despois fixemos unha pequena ruta de ida e volta, sempre por camiño, que nos levou ata o alto de Cerredo. Durante o mesmo podemos gozar dunha estupenda mostra dos bosques que hai na comarca de Laciana (L.laciana) e Alto Sil. Atravesamos un bosque mixto de gran interese onde, xunto aos carballos, medran fresnos, álamos, tilos, olmos, faias, bidueiros… Proba do manexo tradicional do territorio, o bosque aparece salpicado por prados de sega ao longo do percorrido.

Xa no alto aproveitamos para xantar e gozar das fermosas vistas dende o merendeiro alí instalado, entre vacas e mastíns. Estamos xa no límite con Asturias, de feito fixemos a pequena gracia de cruzalo, por iso de dicir que estivemos nas dúas comunidades…

O camiño é fermoso, moi fermoso e, xa na baixada, imos saboreando mellor a paixase, ao que axuda a posición baixa do sol. Un diazo outonal, cunha temperatura moi agradable, que se vai convertendo en fresca a medida que o sol se vai deitando. Puidera parecer que é só un camiño para acceder ás cabanas onde gardan o gando, pero chocoume o transitado que está; supoño que axuda que os visitantes do centro de interpretación se animen a facer o mesmo percorrido que fixemos nós. Aínda así, cruzámonos con paisanos que imaxino estarían facendo a súa ruta do colesterol, ou coa rapaza que se exercitaba subindo polo camiño á carreira e que ao día seguinte nos ía saudar de novo dende o cumio do Cornón, amosándonos orgullosa dende alí os puntos máis salientables de toda a comarca de Laciana e Somiedo. Por se nos lés, un bico.

Xa en Caboalles, e despois de comentarnos Víctor o plan para o día seguinte, consistente en alterar a orde das rutas, motivado sobre todo porque entramos no período de caza, e explicarnos que mañá faremos a ruta de subida ao Cornón, sen dúbida a raiña desta saída, fómonos cara a Villablino a instalarnos unha vez máis no albergue. Unha ducha reparadora, a xa tradicional visita ao As del Jamón para surtirnos de embutidos e queixos de primeira calidade desta zona e tomarlle unhas cervexas antes da cea, completaron unha xornada que apunta unha estancia pola comarca de Laciana moi completa.

Ruta do val do río Aviouga

1 comentario sobre “Ruta do Bosque Mixto de Caboalles”

  1. Marisa Castiñeira

    Facia tempo que non te comentaba, primo, as veces leo e non digo nada. Pero esta é preciosísima.
    Qué marabilla de paisaxe e ruta!

Deixar un comentario

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Scroll ao inicio