Refuxio de Verdes a Anllóns (Ponteceso)

17-09-2011
Refuxio de Verdes a Anllóns (Ponteceso)

O Sábado, 17 de setembro de 2011, fomos percorrer parte do río Anllóns case no seu tramo final. O río Anllóns nace nos montes de Xalo, e desemboca na ría de Corme e Laxe. Percorre 54,4 km dos concellos de Cerceda, Carballo, Coristanco, Ponteceso e Cabana de Bergantiños. Foi declarado Lugar de Importancia Comunitaria no 2001.

  • Lonxitude da ruta: 15 km aprox.
  • Desnivel: baixo
  • Dificultade:  baixa-media  (agás algún punto concreto)

Comezamos a camiñar na parroquia de Santo Adrián de Verdes, ao norte do concello de Coristanco, seguindo o curso do río Anllóns ata chegar á mesma parroquia de Anllóns, xa moi preto de Ponteceso.

O paraxe natural Refuxio de Verdes é unha zona onde as augas do Anllóns se atopan cunha serie de pedras que alteran o seu curso, dando lugar a cascadas e rápidos que, xunto coa vexetación e as construcións existentes, enchen de encanto o lugar. En Verdes, o cauce do río foi desviado pola man do home para aproveitar a forza da auga nos numerosos muiños que salpican a zona, algúns en estado de abandono e, a maioría, perfectamente restaurados e visitables. O valor etnográfico de Verdes é tan destacable como a súa beleza natural e paisaxística.

Durante o percorrido, duns 15 km aproximadamente e seguindo camiños dos pescadores, poidemos ver paisaxes variadas, aínda que predominan os bosques de ribeira, algúns deles moi ben conservados, e zonas de labranza. En xeral, o camiño non tivo grandes dificultades, salvo nalgúns puntos concretos onde o terreo estivo un tanto esvaradizo.

A espadana barroca da igrexa de San Fins de Anllóns acolle as sonadas campás do poeta de Bergantiños, Eduardo Pondal, ás que se refería no seu poema máis coñecido “A campana d’Anllóns” publicado en 1862, un poema que suspira pola patria perdida. Estas campás son novas, pois a que inspirou a Pondal foi esnaquizada por un lóstrego a finais do s. XIX.

 


Ver Verdes – Ponteceso nun mapa máis grande

Ruta do val do río Aviouga

Deixar un comentario

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Scroll ao inicio