Subida ao Monte Pindo
Comeza a tempada! En xullo quedamos en argallar unha subida ao Monte Pindo para o mes de setembro, antes de que comezasen as andainas da USC, pois algún/ha aínda non subiu á Moa, e iso non pode ser a estas alturas da vida! O obxectivo medio cumpriuse, pois houbo baixas de última hora, que quedan para outra…
- Lonxitude da ruta: 9,6 km
- Desnivel: alto, tanto de subida como e baixada
- Dificultade: media-alta
Lembrar que neste día 11, cumpríronse dous anos desde que en 2013 dera inicio na Cima da Arca, ao leste do monte, o que remataría sendo o peor incendio forestal de toda Galicia dese ano. Un lume que durou dous días e supuxo a devastación do Monte Pindo, as marismas de Caldebarcos, costa de Quilmas e o canón do río Xallas. O balance destes dous anos para a Asociación Monte Pindo Parque Natural non pode ser peor. Hoxe, a vexetación, principalmente eucalipto, reconquista o macizo.
Dende o incendio de aquel setembro, subín ao Monte Pindo en xuño pasado pero o día non axudou moito pois tivemos borraxeira durante a maior parte do tempo e, logo de deixar a Moa, non fomos quen de atopar o camiño para ir ata a Cova da Xoana, polo que continuamos ata dar co camiño das peixeiras, que nos costou atopar ata que abriu o día.
A visita deixoume un sabor agridoce, ao ver como a forza bruta da Natureza fai que o verde regrese ao Pindo, pero dunha forma desordenada, como dixen, co eucalipto medrando en maior cantidade que antes do incendio. Pero a pesares de todo isto, o Pindo non perdeu o seu poder de sedución, como o proba o aumento de sendeiristas e visitantes a niveis de anos anteriores.
Saimos dende Santiago ás 8:30 da mañá, para chegar a Quilmas sobre as 9:30 h. e comezar a camiñar. Alí xuntámonos Suso, Marga, Xerardo, Manolo, José Manuel, Jaime e mais eu. E a tirar para arriba ata facer a primeira paradiña en Onde se adora, lugar onde hai un par de mesas merendeiro xa bastante perxudicadas e que aproveitamos para tirar unhas fotos pois dende alí xa hai unha altura considerable e as vistas comezan a ser espectaculares. Por certo, nunha das mesas o Jaime atopou unha cinta dos Chichos 75, alguén que se esqueceu a música ambiente…
Subimos de novo polos carreiros sen sinalizar, atravesando abas graníticas e pedregais, que transcorren por un espazo desordenado e caótico, facendo zig-zag, e labiríntico, pero guiados por unha imaxe que temos, se miramos cara atrás: o Pedrullo, Illa Lobeira e o Cabo Fisterra; pasamos polo Pedrullo, o bautizado por Suso Paso de Cervantes, nome moi acaído, por certo... e chegamos ata o Chan de Lourenzo (500 m de altitude), onde podemos encontrar o guerreiro (xigante, frade… ) do Monte Pindo, do que, segundo Jaime, din as malas línguas que moitas noites vai tomar as copas a Sardiñeiro e que logo volve para o mesmo sitio porque lle gusta ser o protagonista de todas as fotos… e aproveitamos para facernos unha aos seus pés, non vaia ser que marche!
Desde o extremo sur do Chan de Lourenzo, podemos encontrar unha zona con forte desnivel o que permite ter unhas boas vistas á praia de Carnota… Desde a distancia a praia non parece gran cousa, pero os máis de 7 quilómetros convértena na máis longa de Galicia. Atravesamos o Chan de Lourenzo de Sur a Norte para subir á Moa (635 m), ata onde hai ainda unha media hora de marcha.
Xa na Moa, cuberta de grandes pilas naturais e de pintadas vandálicas e inscricións gravadas sobre a pedra (como pesque a JATuñas, vaise enterar!). Jaime aproveita o punto xeodéxico para pousar a cámara e facernos as fotos de grupo cara o sur, coa praia de Carnota de fondo, oeste, con Fisterra e a ría de Corcubión e as Lobeiras aos nosos pés, e norte, co encoro de Santa Uxía, as terras da parroquia de Arcos e os montes da Ruña. Falta o leste porque algún alarmista dixo ¡que ven a borraxeira! e veña para abaixo a lume de carozo…
A pesares das predicións agoreiras, o día acompañou e non tivemos chuvia, anque algo alarmistas si que fomos!! O caso é que logo choveu, pero cando xa estabamos a cuberto e de paparota! Agardábanos unha boa mesa na de Lestón en Sardiñeiro, acompañados de Carmen, a muller de Suso, onde degustamos de primeiro tortillas variadas e croquetas de cecina e queixo de Arzúa. Agora imos co segundo: un polbo con fabas do que me servín tres platos… todo riquisimo! (pero logo non podía coa enchenta!), e cunha boa sobremesa cun contacontos de excepción, pois o Jaime agasallounos coas fazañas do Fachís, antigo gardapeiraos de Fisterra… ten que escribilo pois é Torrente en estado puro! Logo paseo por Fisterra e café nunha terraza do porto, xa con chuvieira e con poucas gañas de marchar cara a Santiago… e lembrándome de que volvín cumprir co compromiso de subir á Moa todos os anos. Este foron dúas veces!
Menos mal que o do polbo con fabas foi ao remate!!!!