Penedos de Pasarela e Traba
Este sábado gozamos dun lugar insólito. Aínda que pareza incrible, en toda a Costa da Morte tan só os Penedos de Traba e Pasarela están acubillados baixo a figura de “Paisaxe Protexida” dende 2009; unha cualificación que permite o coidado e rexeneración do espazo, e todo grazas á forza popular que conqueriu que unha empresa de extracción de pedra, que chegou a facer probas para converter os Penedos nunha canteira, non destruise este conxunto paisaxístico de primeira orde que a Natureza construíu dende hai miles de anos. A pena é que esta consideración siga entre toxos e silvas e aínda non se fixo dende aquela ningunha actuación de conservación e adaptación para a visita do lugar.
- Lonxitude da ruta: 15 km aprox.
- Desnivel: medio
- Dificultade: media
Antes de comezar a andaina, detivémonos en Vimianzo, a capital natural da Terra de Soneira, para tomar un café, dar un pequeno paseo pola vila e ir visitar o seu castelo. Ademáis de admiralo, eu merquei unha cestiña de sabugueiro ao cesteiro que as estaba a elaborar. Tamén pudemos desfrutar doutros postos coma o do liño ou vendo como traballaban as palilleiras.
O itinerario transcorre polos concellos de Vimianzo e Laxe. Comezamos a andaina dende o sur, na aldea de Pasarela, parroquia de Calo, e vai entre zonas de piñeiros e algún eucalipto, que aproveita María para recoller as primeiras”cantharellus” do ano. Adentrámonos pronto por montes enchidos de penedos de tamaños variados e formas diversas o que pode dar moito xogo á nosa imaxinación.
A primeira parada facémola na Gándara da Barca onde, entre outras, atopámonos cunha impresionante pedra cabalgada. A sorpresa polas dimensións das pedras é xeral e subímonos a elas como se xogáramos coas súas formas, para admirar a paisaxe dende elas… impresionante!
O sendeiro transcorre principalmente por pistas, e ten numerosos puntos onde a paisaxe é sorprendente. Moi pronto volvemos deixar o sendeiro para subir ata a Pena Forcada, lugar onde facemos un primeiro descanso, pois paga a pena desfrutar das vistas cara ao fondo do val que une Vimianzo con Traba, onde ademais do citado penedo se atopan a fermosa Dama, o Oso e a Tartaruga.
A fame comeza a aparecer e decidimos facer unha paradiña unha vez que subimos ao Peón. Unha vez asentados sobre unha boa rocha gozamos dun merecido descanso, coas vistas sobre o inmenso areal de Traba e a súa lagoa e, ao fondo, o Roncudo que axudaron a respirar a Costa da Morte máis pura. Como ben dixo Rocío noutra ocasión, xantar neste restaurante non ten prezo! Non ten estrelas Michelín, pero tampouco lle fan falla, pois sería imposible poñerlle prezo a estas fantásticas vistas sobre a praia de Traba, e ás nosas costas a vila de Camelle.
Coma no Monte Pindo, as formas graníticas son dunha extraordinaria beleza, pois as pedras fan voar a nosa imaxinación: a Pedra da Cachucha, formas como a Balea, a Barca, o Oso, a Furada, o Dinosaurio, a Dama… dan conta do que é esta paisaxe. Sen dúbida, unha paisaxe para desfrutala e tamén para conservala!
Que che vou poñer primo! 🙂 Fas unhas rutas espectaculares, unhas fantásticas fotos e moi bos comentarios e indicacións. Ben sei que non é o mesmo, pero disfrutando das túas rutas. Grazas!