Singradura no Joaquín Vieta
Fermoso percorrido que fixen no Joaquín Vieta dende Portosín a Vigo! Souben deste barco por Jaime e cando fun a Esteiro o ano pasado á concentración de barcos tradicionais, vino navegar pola ría de Muros e encantoume, quedando cunhas gañas enormes de ir nel… e mira tí por onde tiven esta oportunidade, que non desaproveitei, a pesares do madrugón!
O Joaquín Vieta é un patache de cabotaxe de dous paus e 18 metros de eslora, construido entre os anos 1915 e 1916, nunha das históricas carpinterías de ribeira de O Freixo (Outes). Na actualidade, con case 100 anos de historia de navegación ininterrompida, é o decano dos barcos que surcan os mares de Galicia.
Desde a súa construción permaneceu ligado á ría de Muros-Noia, servindo ás tradicionais fábricas de salgadura, facendo a tradicional Carreira de Vigo, levando conservas e productos da comarca e retornando con barrís de viño, material de obra… tamén funcionou como barco mercante, pasou por barco bateeiro e por batea mesmo. A piques de desaparecer en 2004, un grupo de amigos, que logo constituiron a Asociación Joaquín Vieta, recuperaron este símbolo da cultura mariñeira e en 2010 concluiu a súa rehabilitación para se converter en buque de recreo e museo da súa propia historia.
Hoxe erguínme ás 5:30 da mañá pois quedáramos coa tripulación ás sete no peirao de Portosín, xa que había que levar o barco ata Vigo e o tempo facía falta, pois este barco só vai a 8 nós de velocidade… un pouco máis coas velas despregadas. Houbo que agardar un pouco a que chegara o resto dos tripulantes o que aproveitei para tirar unhas fotos do peirao e da ría ao amencer, que hora máis boa! E chegaron Sementeira, Andrade, Enrique, Toto e Ramón, Moncho… uns fenómenos!
Logo de meter víveres a bordo, buscar xeo polo peirao e encher o depósito da auga doce saimos de Portosín ás 8:06 h. O tempo non podía ser mellor… despexado e vento de 6 nós N, o que fixo que nos dera de costado durante a travesía pola ría ata que tomamos rumbo sur. A imaxe do fondo da ría cara á desembocadura do Tambre é unha auténtica pasada con brumas e saíndo o sol…
Sobre ás 9:00 Enrique fíxo a chamada ao Centro de Coordinación de Salvamento Marítimo de Fisterra, ubicado no sonense Monte Enxa, comunicando rumbo e destino. Desde este Centro coordínanse todas as accións e rescates da zona, e tamén se apoian desde aquí outras zonas limítrofes tanto ao sur das Rías Baixas como na zona da Coruña e Ferrol. Tamén ten asignadas tarefas de supervisión do tráfico marítimo ao seu paso polos Dispositivos de Separación de Tráfico establecidos. Ainda me lembro da visita que fixéramos os sendeiristas da USC a este Centro en outubro de 2011, e das vistas que hai dende alí… seguro que este verán volvo subir!
Deixado xa Porto do Son a babor e o Monte Louro a estribor, imos marabillándonos desta fermosa costa, sucédense o castro de Baroña, as praias de Queiruga, Río Sieira, Xuño… deixamos os baixos das Basoñas a estribor e enfiamos ao cabo de Corrubedo, estribeira final dos montes do Barbanza, pasando sobre as 10:00 á súa altura. É para min o peor momento da travesía, pois o vento N fai que o barco se mova de máis e, xunto cos meus desprazamentos por todo o barco facendo fotos, fai que me maree… e a tripulación como se nada! Jaime facendo a garda de timón e o resto traballando, facendo café, depregando as velas…
Deixamos Corrubedo, a súa praia coas espectaculares dunas e os seus temibles baixos por babor e imos cara mar aberto, coa intención de deixar as Illas Atlánticas, declaradas Parque Nacional no ano 2002, a babor. Pasamos moi perto de algún pesqueiro de baixura e do remolcador de salvamento da Xunta Sebastián de Ocampo. É impresionante ver dende o mar a entrada á ría de Arousa polo norte de Sálvora, non hai por onde pasar! todo son illotes e baixos (Laxes do Forcado, As Polveiras… ), que impiden ver unha canle pola que cruzar… polo que require coidado e moita práctica para sortealos, de feito as embarcacións grandes fan a entrada a esta ría polo sur entre Sálvora e a península do Grove.
Unha vez collido rumbo sur, a travesía é moito máis doada, pois o barco apenas se move ao ir co vento de popa. Pasamos fronte a Sálvora sobre as 11:30 h. e fronte ás illas de Ons e Onceta sobre as 12:30… e Xan, que vai facendo a garda de timón, alértanos do salto dun peixe lúa enorme! Había ben tempo que el non vía un!
Ao navegar á altura de Ons, penso nas condicións de vida e aillamento ao que estaban sometidos os antigos habitantes, sobre todo no inverno. En calquera das illas podemos observar casas dos antigos poboadores (en Ons aínda viven alí), ou, en Ons e Sálvora a antiga fábrica de salgadura.
Xa levamos tempo vendo pola proa dous picos cara aos que nos diriximos, son as Cíes, que van collendo maior volume a medida que nos achegamos; estamos á altura do monte Facho sobre a Costa da Vela, extremo occidental da península do Morrazo. É espectacular a visión que hai dende o mar tanto dos os cantís da Costa da Vela como da Illa de Monteagudo e do seu extremo, creo que se chama Punta Cabalo, con formas que fan rebulir a imaxinación: caras de orcos, cans, cabalos…
A presenza das Illas Cíes na boca da ría de Vigo fai que afrontemos o acceso pola canle Norte, entre a illa de Monteagudo e Cabo Home sobre as 13:30 h. Qué tráfico ten esta canle e esta ría! En minutos vemos saír por babor, supoño que para Gran Sol, o Nuevo Confurco, o “cocheiro” Suar Vigo, con capacidade para levar máis de 1400 vehículos!, a toda máquina, adiantarnos por estribor o arrastreiro Pescaberbés Dos… hai que ir moi atento.
Nós, coa nosa marcha, levamos como referencia Cabo Home, Punta Robaleira, Praia de Melide, Punta Subrido, e a boia nº 4 Salaíños de Fora pois a intención é fondear na Enseada de Barra á altura de Punta Fusiño, botar o risón e xantar tranquilamente ante esta paradisíaca praia antes de ir cara a Vigo. E para xantar abrimos unhas latas de sardiña, bonito, mexillóns e Toto, na cociña, quentando unhas racións de raxo adubado, e o Enrique sacando un mencía (do Bierzo)… cómo sabe todo! Aínda botamos unhas risas co fondeo, pois o vento desprazounos da costa un bó treito sen decatarnos.
Sobre as 16:00 levamos rizón a bordo e iniciamos o último tramo da singradura, despregamos velas e proa ao Náutico do porto de Vigo. Imos pola costa de Cangas, entre polígonos de bateas, que semellan facernos unha parada de recibimento ao Joaquín Vieta cincoenta e cinco anos despois da súa última viaxe facendo a Carreira de Vigo. Qué poboada está esta beira da ría Nerga, Liméns, Cangas… e a outra está practicamente poboada polo concello de Vigo, no que apreciamos a illa de Toralla, Canido, Samil… o Museo do Mar de Galicia, o muelle de Bouzas, ata hai unhas horas cheo de mercantes, a Estación Marítima… e á súa beira o Náutico, punto final da nosa viaxe.
A entrada ao pantalán hai que facela con moito coiado e parece que Enrique xa lle ten tomada a medida pois fai unha maniobra de atraque á primeira! Parabéns! E xa está o Joaquín Vieta atracado en Vigo despois de 55 anos… pero para desenvolver unha actividade ben distinta, pois ofrecerá unha ruta turística pola ría con percorridos que inclúen as illas Cíes.
Agora só queda deixar o barco arranchado para que surque as augas desta ría durante o mes de agosto e, se podo e me deixan, virei buscalo en setembro para subir nel de novo á ría de Noia… con esta xente, homes de ferro en barcos de madeira, da que quero resaltar o seu labor encomiable na Asociación Joaquín Vieta, pelexando e esforzándose por manter vivo o patrimonio marítimo de Galicia.
A nova da arribada foi resaltada polo Faro de Vigo do día seguinte, que lle adicou a foto da súa portada, nada menos!
¡maaaarabilloso! día marineando pola costa galega… e non é certo que nos mareamos… tan sóo uns pequenos síntomas debido a frenética actividade no barco e porque ademais facía tempo que non pisábamos unha cuberta… tan sóo falta de costume… pero xente coma nós galegos mariñeiros de fortuna e o que faga falta voltaremos posiblemente na viaxe de retorno a Portosín nas encalmadas de setembro cando tan sóo escoitas a máquina e o mar parece xelatina… as fotos de Fran tamén ¡marabillosamente maaaarabillosas!
Gustoume a singradura, e a moi bo prezo.
Gracias Fran