De Compostela ás Torres de Altamira
Quedamos o Antón, Jaime e mais eu ás nove da mañá na Carballeira de San Lourenzo, quilómetro 0 do camiño a Fisterra e Muxía, pois a nosa idea era pasar a mañá, a ser posible polo monte, cara ás Torres de Altamira e alí parada para o bocadillo e despois buscar unha baixada polo monte cara a Bertamiráns, onde Jaime deixara o coche o día anterior, e volta para casa unha vez descansados e ben alimentados cunha ración de chicharróns baixo a parra de Casa Abelleira.
<p”>Ao chegarmos á carballeira de San Lourenzo, xa nos agarda Antón xesticulando como queréndonos dicir que chegábamos tarde, pero… hai Antón A<ntonciño!… o son implacable da Berenguela dando as nove fai que cales pronto e cambies de tema rapidamente.
Solucionado o do retraso atravesamos a carballeira e baixamos por Ponte Sarela cara a aldea de Sarela de Abaixo onde se te paras e botas a vista atrás pódeste despedir das torres da catedral e da cidade… un paseo moi recomendable en calquera época do ano e cunhas vistas de Compostela moi fermosas… E a partires de aquí os quilómetros veñen marcados polas aldeas: k3 Moas de Abaixo, K4 Piñeiro, K6 Quintáns… ao pasar pola Portela de Villestro saúdanos un vello coñecido, sempre atento ao paso do camiñante para levantar a man e saudar desexando bo camiño!
No K8 estamos no Alto do Vento, así que parada na parrillada do mesmo nome á beira da estrada para un café mañanceiro. Temos de compañeiras de terraza a unhas peregrinas que polo acento deben ser venezolanas, pero para acertar e acertar ben Jaime aínda afinou máis… eran de poniente, da outra beira do Atlántico; e tan perto e tan atento estaba o Jaime que escoitou a conversa dunha delas que chamaba preocupada á pensión na que durmira esa noite en Compostela.
A pobre marchara coa chave do cuarto e, despois de explicarse con detalle por teléfono e coas amigas, o cotilla do Jaime deuse por enterado de que a paisana da pensión convenceuna de que non tiña importancia e que ao voltar a Compostela lle devolvese a chave.
Esta sencilla solución foi celebrada pola nosa compañeira de terraza con gabanzas e grazas ao Santo Patrón, un novo milagre que fixo con elas o apóstolo no camiño… e este xa era o número trece! trece milagres e aínda lles faltaban 90 Km para chegar a Fisterra… mi madriña!
Rematado o cotilleo, imos polo medio das casas de Aldea Ventosa de Ames cara ao monte e tócanos baixar por camiño e pista forestal ata a aldea de Capeáns (K10,5). Unha vez pasado un regato con muíño rehabilitado saimos á estrada onde se divisa ao lonxe a carpintería O Peto e o monte que tocará subir; uns chámano Alto das ovellas e outros Alto de castiñeiro do lobo.
Pero antes de chegar temos que pasar pola aldea de Pousada (K11), unha fermosa aldea de vellas casas rehabilitadas. Ao sair da aldea saudamos a un porco celta, vello coñecido de Jaime e Antón, e digo vello porque hai catro anos sorprendeunos e saiu a saudalos con inusitado dinamismo e acompañounos ao longo do cercado con moi animada alegría xuvenil, pero desta vez se lle notaba un saber estar veterano ao porco celta, ademáis dunha saudable (gastronomicamente falando) presencia física e só se molestou cando chamamos a súa atención para a foto levantando a cabeza a modo de saúdo.
Despedímonos del con sana gula e dirixímonos “costa parriba” á Capela de San Xoanciño onde fixemos unha pequena parada para refrescarnos na súa fonte e tomar forzas para o ascenso que nos levará ata a aldea de Pegariños… qué bonito nome!
A pequena Ermida de San Xoanciño está, como moitas, sen campá; cousas dos cacos? e no dintel da súa porta ten a inscrición coa data de construcción e o seu promotor, ademáis dun tremendo foco que desentona mesmo enriba da porta! Neste entorno, a uns cen metros da capela está o Cruceiro de San Xoanciño.
En Pegariños (K12,5) tamén temos fonte desde 1936 segundo a placa, así que nos refrescamos, un trago e seguimos por unha pista de monte á esquerda que nos leva ata encontrarnos no K13 outra vez co camiño a Fisterra, pero antes nos sorprendemos cunha área de descanso en plena natureza, un detalle… séntese como se estivese na súa casa!… alguén que pensou que había que axudar no cansino pasear e que mellor que ofrecerlle cómodo asento en plena natureza e con vistas ao val, nun sofá de sky vermello… impresionante!
No encontro co camiño a Fisterra tamén nos sorprende o recente arranxo do mesmo (hoxe é un día de sorpresas… ), e ver como se gastan os cartos públicos alegremente nunha reparación que se esfumará coas primeiras chuvias.
Non hai beiravías anchas e profundas que conduzan a auga, non hai aliviadeiros da auga das beiravías cara o monte, non hai apenas peralte nas curvas, non hai cortes no firme do trazado para que a agua de superficie non colla forza e arrastre os áridos… non hai técnicos e políticos que non se decaten que con sorte todo esto durará o que dura un inverno?
En Carballo (K14) o camiño sigue por asfalto hacia Negreira – Fisterra e nós desviámonos á esquerda por unha pista de monte á sombra de carballos ata Portanxil.
Chegados á fábrica cruzamos con precaución a estrada AC-544 que une Bertamiráns con Negreira, un domingo de abundante tráfico, e paramos na fonte a repoñer líquidos pois xa pouco nos queda para as torres.
A cen metros da fonte e á dereita da estrada que leva a Brión collemos por un camiño que nos conduce aos labradíos da aldea de Torre, é hora de xantar e non hai un alma, así que nos adentramos polo camiño frondoso que vai ás Torres de Altamira.
Nas Torres de Altamira (K17,5) facemos a parada para xantar e damos boa conta das viandas que traemos nas mochilas. Ata ese momento o tempo portouse, pois as nubes non deixaron apenas que se vira o sol e o paseo tivo o seu punto de frescura e ata houbo momentos en que amagou con caer algunha pinga.
A vista desde o alto qué dicir! máis ben que ver… pois como case sempre a ringleira de eucaliptos está onde non ten que estar e impediunos contemplar o camiño percorrido e gran parte do Val da Amahía e así poder darlle a razón ao cartel moi pouco informativo que está alí chantado:
Se considera a la tribu prerromana de los Amaeos el origen del topónimo, dominaban la fértil comarca de Amahía, entre los ríos Ulla y Tambre; en medio el río Sar.
Según dice el refrán “A Amaía, pásala con día”, para disfrutarla, para descubrir en cada paso las variedades de su paisaje, con su ondulante relieve, de pocos contrastes, con deliciosos valles y ríos. Parajes de hondo simbolismo romántico que inspiraron a grandes creadores, Rosalía de Castro, Valle Inclán, Castelao…
Deixamos as torres e a aldea de Torre buscando un camiño de monte que nos leve a Bertamiráns, pois non tiñamos planificado o camiño de regreso, e acertamos á primera tomando un camiño que nos leva en baixada dun quilómetro e entre eucaliptos á aldea de Aguiar (K19).
Ao chegar a Aguiar atravesamos a estrada e seguimos de fronte, sempre baixando ata pasar por un cruceiro esnaquizado (que pena!), seguir ata encontrar un cruce no que á dereita baixa por asfalto cara á civilización e á esquerda sube outra vez a Aguiar, así que non é difícil tomar a decisión de seguir de fronte polo vello camiño que nos leva directamente á aldea de Enxo (K20) atravesando o Rego Ameneiral que baixa recollendo as augas desde Portanxil.
En Enxo collemos á dereita e volvemos a atravesar o Rego Ameneiral dirixíndonos por asfalto ata a ponte da autovía de Noia que atravesamos e viramos á esquerda cara á aldea de Castrigo (K21,5).
En Castrigo voltamos a encontrarnos co Rego Ameneiral que baixa con auga limpa e cristalina e no que se poden observar pequenas troitas. Muíño, lavadoiro e fonte nun entorno recuperado con acerto, no que podemos beber auga fresca na fonte que está baixo a cuberta do lavadoiro e refrescarnos os sufridos pes na canle que leva a auga ao muíño e, como o lugar o merece e nós tamén, nos tomamos un descanso e enchémolo de fotos.
Continuamos despois cara Bertamiráns pola pista asfaltada e a altura do Grupo Escolar viramos á dereita por un camiño arbolado onde aínda non entrou a especulación urbanística para volver pasar á beira do Rego Ameneiral e acompañalo un rato ata entrar na zona urbana pola aldea de Casaliño.
E como en todos os pasos polas aldeas, sáennos saudar os vixiantes das casas (os cans de palleiro ou tamén coñecidos como cans de rasa canina), e entre ladrido e ladrido alegre ou ameazante chegamos ao final do paseo incorporándonos á estrada a través dos edificios do novo Bertamiráns (K23), ata hai pouco aldea en cruce de camiños e onde aínda está aberta a taberna Casa Abelleira agora máis modernizada pero conservando as mesas de pedra e o tupido emparrado que fai agradable a estancia ao sol das cinco da tarde, tomando unhas cervexas con chicharróns.
Un percorrido de 23 km, na sua maioría por camiños de terra e sen ningunha dificultade, que se pode realizar pausadamente desfrutando do entorno e da boa conversa, cuneteando como diría Jaime, para chegar antes das cinco da tarde a Bertamiráns e coller o bus de volta a Compostela.