Ruta por Santa Mariña de Augas Santas

14-10-2023
Na fachada destacan tres grandes rosetóns que iluminan o interior da igrexa

Volvemos ao concello de Allariz para coñecer nesta ocasión Santa Mariña de Augas Santas e a súa contorna. Faremos un percorrido con moitas mostras de patrimonio, tanto cultural como natural. O Santuario de Augas Santas forma parte dunha interesante ruta arqueolóxica que recorre os lugares históricos e relacionados coa lenda e martirio da Santa. Comeza e remata no santuario de Santa Mariña, pasa por un xacemento de orixe galaico-romana no Monte do Señoriño, polo Castro de Armea, pola inacabada basílica da Ascensión e o Forno da Santa e outros lugares de interese. O sendeiro transcorre principalmente entre bosques autóctonos nun estado de conservación moi bo. Tamén pasa por lugares como Armea, Os Casares ou A Lamela. Non ten moitas dificultades pero se os días anteriores chovese moito pode haber moita lama.

Lenda do martirio de Santa Mariña

Temos unha incrible lenda desta mártir da época romana cunha vida na que se mestura a lenda, a tradición e a haxiografía, e un culto antiquísimo que chegou ata os nosos días, que dota de sentido moitos elementos que veremos na aldea e na primeira parte do percorrido. A lenda encádrase no fenómeno histórico da romanización e cristianización que sufriu Galicia, e cóntanos o seguinte:

Mariña, filla de Teódulo, un gobernador local romano, á morte da súa nai é entregada a unha muller de Piñeira de Arcos (Ourense) para que a críe. A muller era cristiá, polo que bautizou á nena, algo que fixo que o seu pai non quixese saber máis dela. De nena era pastora e dise que baixo un carballo púñase a fiar. Aos quince anos, o prefecto romano Olibrio namórase dela e, ao non resultar correspondido e non abandonar Mariña o cristianismo, iniciou a súa vinganza con torturas horribles ata privala da vida.

Primeiro encerrouna nos calabozos do castelo, para logo colgala, azoutala, peiteala con peites de ferro e máis castigos. Pero sorprendentemente, tres días despois de cada castigo, Mariña estaba curada de todas as feridas. Chegan a queimala con teas ardendo e mesmo a chimpan a un estanque atada de pés e mans, pero sobrevive enigmaticamente a todo.

Como decisión definitiva ordenan queimala nun forno, pero sae viva por un buraco coa axuda de San Pedro, que a levou a aliviar con auga as súas feridas. Finalmente, Olibrio condúcea a xuízo e manda que a decapiten. Na execución, a cabeza da Santa cae dando tres botes, e en cada un deses lugares xorde un manancial. A auga das fontes continúa a manter a súa virtude sanadora e reconfortante.

E agora que xa coñecemos a lenda, comezamos a camiñar.

MIDE

  • Horario: 3:50 h.
  • Desnivel de subida: 395
  • Desnivel de baixada: 395
  • Distancia horizontal: 12 km
  • Tipo de percorrido: Circular
  • Severidade do medio natural: 3
  • Orientación no itinerario: 2
  • Dificultade no desprazamento: 2
  • Cantidade de esforzo necesario: 3
  • Dificultade: Media/Baixa

Comezamos a camiñar…

O noso percorrido empeza na igrexa, pois aproveitamos para visitar o interior (é raro atopala aberta se non hai culto ou se non se concerta visita) cuxa construción se iniciou no s. XII e os templarios terminárona durante o s. XIII, e que estaba sobre unha igrexa anterior levantada no lugar onde se enterrou a Santa Mariña. A fachada posúe tres grandes rosetóns que iluminan o seu interior, onde tamén se acha o sepulcro da Santa.

Sobre o sepulcro da santa construíuse en pedra o mausoleo ou Camarín da Santa
Como en Xunqueira de Ambía, os arcos formeiros soportan unha falsa galería, dando esbeltez e elegancia ao templo
Os arcos faixados soportan un fermoso teitume de madeira do século XV

Traspasada a porta, atopámonos cunha igrexa de tres naves e catro tramos separados por tres pares de pilares cruciformes con semicolumnas adosadas, das que parten arcos formeiros e arcos faixados que soportan un fermoso teitume de madeira do século XV. Como en Xunqueira de Ambía, os formeiros soportan unha falsa galería, elemento que caracteriza dun xeito peculiar estes templos, dando esbeltez e elegancia, evitando a sensación de pesadez dos muros lisos. Dise que existiu un templo anterior do século VIII ou IX, no cal se descubriu o sepulcro da santa e sobre o cal se construíu o mausoleo ou Camarín da Santa que hoxe se sitúa no interior da igrexa. A esta hora do día, é fermosísimo o efecto da luz tamizada polo rosetón. Que sorte ter atopado aberto o templo!

Regresamos ao bus a recoller as mochilas e prepararnos para comezar a andaina dende alí mesmo, dende a marquesiña da parada do bus. En realidade, imos facer dous percorridos pola preciosa contorna deste sorprendente Santuario de Santa Mariña. Desde aquí, e percorrendo unha fermosa zona de bosque autóctono, pola que pasa o Camiño de Santiago, iniciamos un percorrido curto duns 3,2 Km facendo pequenas paradas, e irmos descubrindo a realidade histórica e a lenda deste lugar máxico.

Logo de falar cunha veciña que nos ofrece noces que anda a apañar na súa finca á beira da estrada, imos estrada abaixo na busca da primeira parada. Á altura dun cruceiro cun peto ben fermoso coincidimos cunhas peregrinas ata pasar pola aldea de Armea, cando damos co xacemento de Monte do Señoriño, un descubrimento feito por un veciño no ano 2011. Son restos dun asentamento romano ou quizais galaico-romano, do que se dicía que podía ser incluso un santuario castrexo. Con todo, as primeiras hipóteses apuntan cara a un lugar onde habería lagares e almacéns, polo que probablemente, e segundo os estudos da UVigo no ano 2013, o lugar fose unha vila romana ao bordo do camiño para o seu control, ademais de funcións domésticas e administrativas.

Peto de ánimas e cruceiro
No xacemento do monte do Señoriño é impresionante o traballo na pedra

O xacemento do monte do Señoriño localízase xusto por onde pasa o Camiño Real, de aí a súa posible función de control viario, abandónase a mediados do s. II d.c., quedando o terreo como lugar de cultivo ata os nosos días. O asentamento está situado a escasos metros do castro de Armea, a nosa próxima parada.

Pronto abandonamos o Camiño de Santiago baixo un frondoso bosque para achegarnos ata as escavacións do Castro de Armea. Sorprende a magnitude do poboado, xa que non esperaba atopar algo tan extenso e ben conservado como o que aquí hai, un castro que data dos séculos IV–III a.C., aínda que estivo habitado ata o s. IV da nosa era, xa romanizado.

O castro amósanos as rúas perfectamente aliñadas e pavimentadas
No recinto dalgunha casa consérvanse restos de muíños de man
Nalgunha casa consérvanse restos do que puido ser un patio interior

Camiñamos polas súas rúas, perfectamente aliñadas e pavimentadas, chamándonos a atención as canles de augas pluviais que nos rodean, a rede de saneamento que podemos observar, casas, adros con pórticos dos que se conservan algunhas columnas, e un traballo coidado e impresionante de cantaría. Podemos intuir que era un poboado cun gran número de casas, e nalgunha delas mesmo se conserva a lareira decorada.

Andamos entre pedras con moitísima historia, ata chegar a unha subida que nos leva á zona máis alta, onde se amurallan as cimas, o Outeiro dos Pendóns e o Outeiro dos Fornos. Mágoa que dende aquí non poidamos admirar as vistas de todo o val nesta hora, pois a néboa aínda non despexou de todo, pero enténdese moi ben por que se elixiu este punto para construir o poboado.

Saíndo do xacemento, penetrámonos na zona máis máxica e curiosa do percorrido. Aínda que estamos facendo o percorrido ao revés para explicar a lenda da Santa, agardo que se entenda o relato. Continuamos o carreiro ata chegar ao Carballo e as Pioucas da Santa, dúas fendeduras nas que a lenda conta que San Pedro aliviou as dores das queimaduras a Santa Mariña. En realidade, as estruturas das pioucas son un lagar rupestre ao estilo do Torcularium romano, unha prensa que, ao baixar, levaría por rebose o xugo extraído dun froito da pía máis grande á mais pequena.

Continuamos para encontrarnos en pouco tempo co Penedo da Moura, unha enorme mole de pedra xusto á beira do sendeiro. Tras as variadas lendas que hai en Galicia sobre a figura da moura ocúltase a personalidade dun numen, unha deusa moi vencellada á terra, que habita en ricos palacios do interior das covas e das grandes rochas. Nelas pódese penetrar maxicamente traspasando misteriosas portas pétreas que tan só se abren en determinadas datas do ano. Posúe tamén a moura unha gran forza física, pois unha das tarefas que acostuma realizar é construir dolmens ou outros megalitos coas grandes pedras que transporta, ou simplemente se limita a transportalas sen realizar ningunha construción, como ocorre con este Penedo da Moura, situado a 50 m da Cova de Santa Mariña, que poidera ser o elemento orixinario do culto nese lugar.

As Pioucas da Santa
O Carballo das Pioucas substitúe na tradición ao orixinal, fendido por un raio
Penedo da Moura, unha enorme mole de pedra xusto á beira do sendeiro

Avanzamos eses cincuenta metros polo carreiro ata chegarmos a un lugar impresionante e sorprendente. Á nosa dereita atopamos os restos dunha porta, que ao atravesar trasládanos a outros tempos. Trátase da inconclusa basílica da Ascensión, moitas veces chamada da Asunción, unha construción románica do s. XIII, inacabada probablemente pola desaparición dos templarios nestas terras.

A basílica da Ascensión mantén unha cripta na que hai unha Pedra Formosa que daba acceso a unha posible sauna ou quizais a un forno crematorio
Na cripta está o Forno da Santa, onde a lenda conta que se tentou queimar á santa
Lápidas medievais na estancia principal da cripta

Nun dos laterais unha pequena porta condúcenos á cripta subterránea chamada O Forno da Santa. Aproveitamos para baixar a ela mentres un grupo de excursionistas agarda a que o fagamos nós. Este lugar era algo que estaba a desexar ver polo moito que me ten falado Suso del, dende que se desviou ata aquí, percorrendo hai anos o Camiño de Santiago, parecéndolle un lugar alucinante. Polo que estivemos a ver, na cripta hai tres estancias, nas que podemos atopar un altar, lápidas medievais, unha piscina pétrea, a Pedra Formosa, e a xoia do lugar pola lenda que o rodea: o forno no que San Pedro salvou a Santa Mariña de morrer queimada. Subimos da cripta marabillados e sorprendidos por ter encontrado algo así.

Xa queda pouco para chegar a Santa Mariña, pero aínda temos máis elementos lendarios por ver. Pronto nos encontramos co Asento da Santa, onde a lenda nos conta que Mariña pasaba longos días de pastoreo alí sentada e por iso tamén deixou as marcas dos seus tacóns na rocha.

Asento da Santa. É máis que posible que estea relacionado con outros usos previos á cristianización do lugar
Fermoso camiño empedrado que conduce a Santa Mariña

Por camiño empedrado entramos no núcleo de Santa Mariña, moi ben conservado, onde destaca impoñente o santuario. Como xa visitamos o interior da igrexa, continuamos polo lateral, onde está situado o Pazo de verán do Bispo, construído a principios do s. XVIII, e chegamos á entrada da capela de San Tomé, onde se atopa o Pozo da Santa, a primeira das fontes atribuídas á lenda, onde bateu a cabeza da santa ao ser decapitada. A estas augas atribúeselles poderes milagrosos, e tamén se esparcen por casas, terras e persoas para apartar calquera elemento maligno.

Fonte Santa, con tres canos de onde emana a auga milagrosa
Fermosa cabeceira de tres ábsidas da igrexa

Continuamos cara á zona posterior do templo, onde accedemos á Fonte Santa, segunda das fontes da lenda. Dispón de tres canos de onde emana a auga milagrosa, e unha pequena canalización que verque nun lavadoiro. Facemos unha pequena parada para admirar o entorno e a armoniosa cabeceira de tres ábsidas da igrexa, sobre os que se abren tres rosetóns que iluminan o interior, e continuamos cara a segunda parte do percorrido.

Na segunda parte do percorrido imos por fermosas corredoiras entre frondosos bosques
O Val da Rabeda, unha paisaxe moldeada polo sistema agrícola tradicional
Sobre unha rocha cunha fendedura con forma de orella, aséntase a Santa da Pedra

Pronto entramos pola parte leste nun bosque moi ben conservado que, pouco a pouco, vainos conducindo ata a Santa da Pedra e continúa por fermosas corredoiras entre frondosos bosques. Imos paralelos ao Val da Rabeda, que podemos contemplar dende algún miradoiro natural. A vista abrangue unha ampla área, caracterizada pola combinación de terras de labor, prados e o monte arredor de pequenas aldeas, pero tamén apreciamos como se foron introducindo nos últimos tempos construcións de gran escala: polígonos industriais e empresariais, grandes equipamentos, parques eólicos ou grandes infraestruturas de comunicación, como a do tren, que pasa mentres contemplamos esta paisaxe.

Pronto chegamos ao cartel que nos indica o desvío ata a Santa da Pedra, unha rocha de grandes dimensións onde existe unha fendedura con forma de orella. Dela tamén se conta que sempre hai auga, e que serve de remedio para os problemas de oídos. Continuamos por detrás da rocha e iniciamos unha forte subida, que nos leva á parte máis alta do percorrido.

Portal co escudo en pedra nos Casares
Na parte alta da ruta, o camiño segue sendo moi fermoso
Inscricións de cruces numeradas nos muros dunha casa na Lamela

Logo desta forte subida, dirixímonos ata Os Casares, o núcleo máis grande dos tres polos que pasaremos, onde hai unha pequena concentración de hórreos e unha porta brasonada que chama a atención. Facemos unha parada para xantar antes de pasar por Areás, e continuamos a andaina en descenso por unha congostra estreita e profunda que nos deixa nun camiño encharcado antes de entrarmos na Lamela. Nesta última aldea chámanme moito a atención as inscricións de cruces numeradas gravadas nos muros dunha casa, a modo de Via Crucis (a verdade é que non cheguei a comprobar se había 14 estacións).

Logo de falar cunha veciña, marabillada polo paso de tanta xente pola súa aldea, continuamos. Volvemos pasar polo camiño anegado e camiñamos de novo por pista ancha que nos deixa nunha pequena estrada no lugar da Costa. Dende aquí, toca subir pois temos que recuperar a cota ata chegar de novo ao desvío da Santa da Pedra, polo que só compre continuar polo mesmo camiño para regresar ao Santuario, onde nos agarda o bus.

Comeza a entrar a luz de atardecer, o que fai moi agradable o regreso
O núcleo de Santa Mariña encóntrase moi ben conservado
O Santuario destaca entre todas as casas da aldea

Máis que unha ruta, foi un paseo totalmente recomendable, moi entretido, cargado de misterio e de misticismo, que concentra moitas cousas interesantes nunha curta distancia e que nos deixa unha grata sensación por todo o comentado.

Deixar un comentario

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Scroll ao inicio