Ruta por Outeiro Maior. Entre Lugo e Castroverde

27-01-2024
Bosque de San Fitorio
Bosque de San Fitorio

Desprazámonos ata o concello de Lugo, á parroquia de Teixeiro, para facer un percorrido circular que nos levará por amplos e cómodos camiños (salvo algún tramo curto) por zonas de plantacións forestais e miradoiros naturais con fermosas vistas. Aou pouco de comezar, veremos as lagoas artificiais de Teixeiro, unha zona recreativa e de lecer. Tamén acadaremos o alto de Outeiro Maior, un dos puntos máis altos do concello, situado a 728 m de altitude. Pero, sen dúbida, o “tesouro” mais prezado do percorrido será o Bosque de San Fitorio, unha fermosa e nova carballeira que case acada as 100 ha. de superficie.

Os camiños son cómodos en xeral, salvo algún punto que pasa por algunha laxe que pode ser algo esvaradía.

MIDE

  • Horario: 4:35 h
  • Desnivel de subida: 467 m
  • Desnivel de baixada: 467 m
  • Distancia horizontal: 18,0 km
  • Tipo de percorrido: Circular
  • Severidade do medio natural: 3
  • Orientación no itinerario: 2
  • Dificultade no desprazamento: 2
  • Cantidade de esforzo necesario: 3
  • Dificultade: Media/Baixa

Comezamos a camiñar…

Logo de deixar a A-6 e tomar a estrada N-640 cara a Meira-Asturias, o bus deixounos na mesma beira da estrada, nun bo aparcadoiro pegado á igrexa parroquial de Santa María de Teixeiro, fronte á aldea de Teixeiro, na outra beira da estrada, que conserva interesantes mostras de arquitectura popular. A pesar de estar en pleno inverno, o día está estupendo para camiñar, gozando de moi boas temperaturas, moi por riba do que deberían ser nesta época do ano.

Desde Teixeiro, iniciamos a andaina e continuamos por camiños e pistas ata chegar aos coñecidos Lagos de Teixeiro, lagos artificiais encadeados, construídos en 1981 polo antigo organismo do ICONA, e situados xunto a unha fermosa área recreativa. O espazo semella que pasou por tempos mellores pois, a pesar estar dotado de numerosas mesas e bancos de pedra, está nunha situación de gran decadencia e nun evidente estado de absoluto abandono.

Os lagos de Teixeiro constitúen un lugar de lecer e para facer deporte por parte de moitos lucenses desde hai moito tempo
O espazo caracterízase polos seus piñeirais e polos seus lagos artificiais encadeados

Desde o primeiro momento, internámonos por sendeiros que atravesan grandes piñeirais que poboan esta zona ata chegar a dous fantásticos miradoiros naturais.

No primeiro, sobre os pinos que temos diante, e por detrás do mar de nubes que se xenera na conca do Miño, vemos unha serra chea de eólicos, é a serra da Carba, no norte da comarca da Terra Chá, co Monseivane como punto de maior altitude, monte que visitamos hai unha chea de anos, na zona de San Simón da Costa, famosa polos queixos afumados de San Simón. Cara ao oeste da serra, por detrás dela, ata apreciamos a cheminea da central térmica das Pontes, un elemento industrial que nos serve moi ben de referencia para ubicarnos.

Deixamos o penedo que nos serviu de miradoiro e moi próximo a el subimos a outro que nos ofrece unhas panorámicas totalmente distintas. Cara ao sur gozamos de fantásticas vistas da cidade de Lugo e toda a comarca e cara o leste divisamos o cordal de Ancares, co Mustallar, o Penalonga e, á esquerda de todo, o pico Cuiña, o máis alto da serra.

Detalle das fantásticas vistas da cidade de Lugo
O cordal da Serra de Ancares, no último plano
Sucesión de subidas e baixadas, antes de chegar ao Outeiro Maior

Logo de deleitarnos nestes dous miradoiros naturais, nunha fermosa e entretida sucesión de subidas e baixadas, acadamos a altitude máxima da ruta no Outeiro Maior (728 m). Levamos practicamente 7 km de andaina e estamos a gozar dun dos momentos máis interesantes da ruta, as belas vistas cara o Courel e, máis ao norte, da Serra dos Ancares, cos seus cumes principais.

Pero aínda nos quedaba algo por saborear e que lle dá un valor engadido a esta ruta. O tesouro de hoxe é a carballeira de San Fitorio, un bosque Veciñal en Man Común da parroquia de San Pedro de Labio. A cidade de Lugo ofrécenos en toda a súa periferia unha contorna natural magnífica, representada en gran parte pola contorna fluvial do río Miño e por espectaculares bosques autóctonos que o limitan en todo o seu percorrido, e este de San Fitorio é unha boa mostra.

Internándonos na carballeira de San Fitorio
O tesouro mais prezado do percorrido é este Bosque de San Fitorio
O espazo polo que andamos está dominado practicamente polo piñeiral

Logo de explicar Víctor o que nos imos atopar, suxírenos que ese quilómetro e pico que percorreremos polo bosque o fagamos en silencio e gozar mellor do entorno polo que andamos. Cando xa levamos andado un bo treito, vexo que María e Jaime agáchanse na beira do camiño, pois están fotografando unhas trompetas dos mortos ou cantarelas mouras, un cogomelo outonal exquisito, raro nos nosos bosques, e que pode prolongar as súas saídas ata ben entrado o inverno, xa que as trompetas toleran ben o frío.

Xa próximos a abandonar o lugar, decidimos parar para xantar e facémolo no entorno dun cartel chantado na beira da pista. O cartel xa ten os seus anos. Nel nos indica que estamos nun dos 79 sitios de ReinForce, unha Estrutura de recursos, desde Portugal ata Escocia, cuxo obxectivo foi poñer en común a capacidade de 12 institutos (en Galicia o Centro de Investigación Forestal de Lourizán), para afrontar un problema transnacional, é dicir, a adaptación aos impactos do cambio climático nos bosques atlánticos. Isto pode explicar por que temos aquí este bosque tan ben conservado, e podermos gozar del.

Algunhas fincas aínda manteñen peches tradicionais levantados en pedra seca
Fermosa mostra de arquitectura popular na aldea de Teixeiro

Quédanos 9 km por andar e continuamos por anchos camiños e pistas, entre piñeirais e eucaliptais cada vez maís presentes, que nalgún tramo están delimitados por fermosos peches de pedra. Un aspecto característico destas paisaxes do Alto Miño é a influencia da composición xeolóxica das rochas na elaboración dos peches das fincas. Os peches de pedra predominan en lugar dos noiros. Os muros poden ser de varios tipos e aquí predominan os grandes bloques, de chantos, destacando a súa orixinalidade.

Quedan por superar dous novos lagos artificiais, para finalizar de novo no punto de inicio desta fermosa ruta circular.

Deixar un comentario

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Scroll ao inicio