Ruta polos montes de Cervantes

Ruta por Cervantes

A ruta comeza moi preto de Pedrafita do Cebreiro, nunha aldea do concello de As Nogais que se chama Pintinidoira (que nome máis fermoso!). Aínda que practicamente todo o percorrido é polo concello de Cervantes. É unha ruta na que chama poderosamente a atención a paisaxe de montaña e durante o traxecto son abondosos os puntos onde poder observar gran parte da Serra dos Ancares.

  • Lonxitude da ruta: 16 km
  • Desnivel: medio (de baixada e de subida)
  • Dificultade: media

Antes de comezar a camiñar fixemos parada en Pedrafita, que algún/algunha xa aproveitou para mercar pan, queixos do cebreiro ou embutidos, e outros deixárono para a tarde, cando regresamos a tomar a cervexa.

A Serra dos Ancares localízase nas montañas orientais de Galicia, entre os límites das provincias de Lugo, León e Asturias. A súa zona oriental está ocupada por parte dos municipios de Cervantes e Navia de Suarna, e os cumios máis importantes da Serra son: Penarrubia (1822 m), Corno Maldito (1849 m), Tres Bispos (1795 m), Mustallar (1935 m), Penalonga (1898 m), e o Miravalles (1969 m) e Cuiña (1998 m) xa na parte leonesa da Serra.

Tamén é interesante salientar o bo estado de conservación dalgúns bosques que cruzamos, así como o pequeno faial da Pintinidoira, un dos poucos que hai en Galicia, un auténtico tesouro natural!

Durante gran parte do percorrido pudemos divisar tamén o Castelo de Doiras, situado nunha posición estratéxica, nun alto de difícil acceso dominando o río Cervantes, un dos principais atractivos da arquitectura militar chamado tamén de Puente de Doiras, Ferreira ou da Ferraría, quizás pola súa proximidade á ferraría de Fonquente. Foi restaurado polo seu actual propietario.

O camiño a percorrer é bo, case non hai asfalto, pero son destacables os desniveis tanto de subida como de baixada. E quixera salientar finalmente, a grata sorpresa que nos provocou ver xente (e xente nova) polas aldeas que cruzamos! xa que ultimamente as andainas por esta zona oriental de Lugo eran por aldeas abandonadas.


Ver Ruta polos montes de Cervantes (Sur de Ancares) nun mapa máis grande

Ruta do val do río Aviouga

2 comentarios sobre “Ruta polos montes de Cervantes”

Deixar un comentario

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Scroll ao inicio