Ruta dos tres pazos


2.767 visitas – 1 estrela2 estrelas3 estrelas4 estrelas5 estrelas (2 votos, media: 5.00 de 5)
Loading...
Pazo de Albariña. Foto Jaime
No exterior do Pazo de Albariña. Foto Jaime

Organizou Manolo tan ben o roteiro por Brión en novembro pasado, que o comprometimos para que nos fixera outra andaina polas terras barcalesas e cumpriu, vaia se cumpriu! Hoxe fomos camiñar ben perto de Santiago, xa que nos desprazamos ata o concello de Negreira para percorrer a denominada por Manolo Ruta dos Tres Pazos, pois visitamos o Pazo de Baladrón, o Pazo de Albariña e o Pazo do Cotón. Non teño moito que escribir pois Manolo xa o comentou fabulosamente cando nos convidou a facer a andaina:

  • Percorrido: 18,570 km
  • Tempo: 3 horas 40 minutos
  • Dificultade: Baixa 
RUTA

Chegamos a Negreira sobre as 09,00 horas, e aparcamos no Campo da Feira ao carón do rio, (os domingos hai feira), almorzo no bar Porto café e croissant, anque o Suso agasallounos cun par de bolsas de churros recén feitos nun posto do mercado; sobre as 09,30 horas saimos do campo da feira cara ao Paseo Fluvial “Rio Barcala”, (non tivemos a sorte de veremos planear polo rio, a fermosisima raiña do paseo fluvial, a garza real “Pepita”), e logo o Refuxio de Pescadores de Cobas, aos 2 km.

Abandonamos o río Barcala e continuamos polo (pantasmal) polígono industrial a carón do Rio Albariña, por detrás das instalacións polideportivas ata chegar ao lugar de Duomes de Abaixo, en A Baña, 2,750 km  e dende aquí subimos ao Monte de Bergando ata chegar o lugar de Fontemiróns, A Baña, 2,820 km. Pouco antes de rematar a subida ao Monte Bergando, a man esquerda vemos o peche dunhas instalacións da Escola-granxa Bergando, vixiada por tres  impresionantes cans e, como xa nos advertiu Manolo, un ladra de xeito esaxerado como dicindo “que queredes, largo de aquí, fora!!!”, o segundo ládralle ao primeiro como dicindo “por que te metes con eles, déixaos en paz”, e o terceiro, calado, mira para eles como dicindo “que lles pasa a estes dous” (o pequeno ten pinta de ser o peor de todos!); dende a aldea de Fontemirón, chegamos a un fermoso “bosque encantado”, o Monte de Quenxo poboado de árbores autóctonas, e atravesando a sua finca, chegamos o Pazo de Baladrón, 2,72 km, pazo non moi importante, pero si preto do curruncho mais fermoso de Galicia, segundo un importante estudo feito polo experto… Manuel Figueira, Ponte Maceira. A visita ao pazo, que amablemente nos amosou o seu dono, prolongouse un pouco máis do previsto pois non estaba contemplado ver o interior e pagou a pena, pois esto non se pode ver todos os días.

Ao sair agrupámonos na Ponte Vella, unha construcción romana, refeita na Idade Media. As raíces da romanización fanse patentes coa existencia na súa base dun aparello regular moi diferente ó resto do conxunto da construción. O resto da construción complétase cun arco de medio punto central, peitoriles, lombo e arcos laterais.

Despois seguimos ata debaixo da Ponte Nova, 2,72 km, onde estaba previsto optar por dous trazados da ruta: Ruta Curta ata o Pazo de Albariña 2 km, e para os “rapidos e intrépidos sendeiristas” a Ruta Longa tamén ata o Pazo de Albariña 5,410 km,  percorrendo máis de 3 km a carón da ribeira do Rio Tambre, por unha senda usada unicamente polos pescadores, atravesada por varios regatos e que nalgúns lugares pode ser vertixinosa, pero moi fermosa. Nin que decir ten que optamos todos por esta última!

No Pazo de Albariña, Varela ou do Capitán fomos recibidos polo seu caseiro que nos permitiu admirar os xardíns e o exterior do edificio. Impresionoume o enorme carballo situado na entrada do pazo, edificio con aires medievais e engadidos doutros estilos, froito das reformas ao longo do tempo. Está construído con planta en forma de L e dúas alturas. Ten un torreón moi marcado e con grosos muros nun dos seus brazos. O conxunto está rodeado dun gran muro de pedra e un xardín con dous hórreos e pombal, marabillounos a todos (nada que ver co anterior!). Conserva unha colección de pías recollidas na terra da Barcala. É salientable a floresta que ten con especies singulares, que é visitada por centros escolares.

Do Pazo de Albariña, na parroquia de Logrosa, atravesando o lugar da Chancela, chegamos á vila de Negreira, que bordeamos seguindo o Paseo Fluvial do Regato de Duomes, ata chegar ao punto de partida no Campo da Feira, 1,460 km, lugar onde está o Pazo do Cotón, que visitamos xa con retraso e que amablemente nos amosaron os seus donos.

Unha marabilla de ruta polo concello de Negreira, con Pontes, Pazos e Casas, Igrexas, Cruceiros, Tallas, Escolas de Americanos, Hórreos, muíños e pombais…

E a comer!!!

XANTAR NA CASA RUSO – ÓNS, BRIÓN

Pudemos escoller entre un cocido completo, con orellas, filloas, viño mencía, rioxa, café, chupitos, etc ou polo de curral, con entrantes caseiros (mexillóns recheos, ovos encapotados, empanada de uvas pasas e chicharróns, croquetas) e dous postres a elixir: arroz con leite, leite fritido, tarta de améndoa…

Había tempo que non desfrutaba tanto, pois armouse tal pifostio entre os da mesa do cocido e os da mesa do polo, que desde un principio marcaron distancia e non quixeron mezclarse con nós, que foi moito. O cocido, a fartar! da mesa do polo de curral non sei moito pois non permitían nin achegarse (jajaja). Agora en serio, un manxar de deuses! Está claro que Casa Ruso é unha desas xoias que temos e que hai que coidar con moito mimo.

Logo había que estirar un pouco as pernas e fomos ata o Pozo Negro, que é o último salto que ten o río Chavielos, tras unha pequena serie de fervenzas, antes de desembocar no río Tambre.

De novo, parabéns para Manolo!! de verdade, pois nos tiñas preparado todo dun xeito espectacular e, como dicía a outra vez, Manolo, cando queiras repetimos! Moitas grazas!!!



Galería

Ruta dos tres pazos


3 comentarios en “Ruta dos tres pazos

  1. Xa sei que me repito, grazas de novo Fran. O paseo dan gañas de facelo, se fosen menos quilómetros, moi bonito e moi boas as fotos. A comida non debeu de estar pero que nada mal.

Deixa un comentario

*

This site uses Akismet to reduce spam. Learn how your comment data is processed.