Ruta polo val de Otal e Ordiso
Pau de buxo fai culleres,
pau de buxo fai culleres
Non sei que teñen os homes
que fan hinchar ás mulleres!
Comentoume María que esta copla a cantaba o seu pai, cando estabamos a falar do abraiados que andabamos coa cantidade de buxo que hai por estas terras, e de qué exemplares maís grandes e fermosos; aquí os Seivane tiñan para facer un bó feixe de gaitas! Tamén falamos das similitudes de moitos termos que hai por aquí coa nosa lingua pois, por exemplo, ao buxo chámanlle bucho e Bujaruelo, o val onde andamos, fai mención ao buxo!
Nesta ocasión tivemos que desprazarnos en bus ata o comezo do val de Bujaruelo, na ponte dos Navarros, dende aquí nos trasladamos en taxis 4×4 conducidos por Mari Luz e Salvador, uns máquinas, ata o refuxio de San Nicolás de Bujaruelo (1345 m), onde comezamos o noso percorrido ata o val de Otal. Os 6 km de pista que hai que percorrer están poeirentos, e non me imaxino como quedaríamos se tivéramos que facer este treito andando nesta época (é un tramo do GR-11), coa cantidade de tráfico que hai por ela.
- Lonxitude: 15 km
- Desnivel: medio
- Dificultade: media
O percorrido non ten maiores dificultades, pois transcorre por pistas e camiños bos. O val de Otal é unha fermosura e encontráste de súpeto con toda a súa inmensidade, pois ao chegar subindo non te decatas ata que estás nel; dende onde estamos hai unhas vistas impresionantes de todo Otal. Quizais non sexa esaxerado dicir que Otal é un dos vales máis fermosos de Pirineos. Aproveitamos para facernos unhas fotos e falar cuns camiñantes que o van percorrer lonxitudinalmente.
Nós seguimos camiño de volta, pois temos por diante outro val, pero máis angosto. Baixamos e continuamos o noso percorrido polo val de Bujaruelo, ata a ponte de Oncins, dende onde vemos con envexa como uns nenos se están a bañar no río. Aquí comeza a subida, todo por parte do GR-11, que cruza os Pirineos de oeste a leste, e paralelos ao río Ara. Imos por un camiño cómodo e facemos unha parada no Salto do Pich, onde hai xente facendo barranquismo, unha gozada! (Pastora, serán os bombeiros de Sevilla?).
Continuamos ata chegarmos ao Refuxio de pastores del Vado, punto máis alto da andaina de hoxe (1600 m). Dende o refuxio podemos ver o val de Ordiso coa súa ponte en primeiro termo. Permanecemos un bó rato admirando a paisaxe, practicamente en silencio, interrompido polo son dos cencerros das vacas que hai pastando no fondo do val. Todo o itinerario ten un altísimo valor natural e paisaxístico.
Arredor do parque de Ordesa hai toda unha “paisaxe humanizada”. A man do home foi modelando a paisaxe, creando nas abas, terrazas, bancais ou faixas onde poder cultivar e recoller a herba, ou mallatas para a pernocta do gando e o seu pastor, como a que vemos en Ordiso.
Iniciamos o regreso sobre os nosos pasos e detémonos a descansar e xantar á beira da ponte colgante do Burguil, sobre o río Ara. Na baixada, o traxecto tamén goza dunhas estupendas vistas e, dende a Ponte de Oncins, imos por unha senda entre prados ata a ponte medieval. O camiño ata San Nicolás é dunha beleza pasmosa, pois imos á beira do río e cos montes escarpados de telón de fondo. Comentounos Mari Luz cando nos levaba no todoterreo, que esta zona non está incluída no parque natural de Ordesa porque por ela percorren liñas de alta tensión dende Francia.
Aproveitamos para tomar no refuxio a cervexiña e tamén nos refrescamos os pés nas frescas augas do Ara, ao pé da ponte medieval. Agardamos a que nos recollan novamente os 4×4 para levarnos ao comezo do val e de ahí a Broto. Outro día espectacular!