Ruta dos Regatos do Maquiáns. Carballeda de Avia

25-01-2025
A aldea de Muimenta dende o miradoiro da Cruz

Visitamos por primeira vez este concello da comarca de Ribadavia aínda que xa no seu día estivemos preto cando fomos a Leiro, concello limítrofe, a coñecer o Monumento Natural Pena Corneira.

Imos facer parte da Ruta dos Regatos de Maquiáns. A senda en total ten 23 quilómetros, pero nós percorreremos pouco máis de 15. Conta o itinerario con interesantes mostras de patrimonio cultural e etnográfico como algúns muíños e conxuntos de hórreos nalgunhas das aldeas polas que pasaremos. No patrimonio natural destacan os bosques e os regatos. Son salientables tamén as diferentes formacións graníticas que poderemos ir observando mentres camiñamos. Nas zonas altas tamén gozaremos dunhas estupendas vistas sobre a comarca. Podemos atopar lama nos camiños. Se chovera moito os días anteriores é probable que haxa que variar o percorrido inicialmente previsto. Non é unha ruta con grandes dificultades.

MIDE

  • Horario: 5:00 h.
  • Desnivel de subida: 610 m
  • Desnivel de baixada: 507 m
  • Distancia horizontal: 15,3 Km
  • Tipo de percorrido: Travesía
  • Severidade do medio natural: 3
  • Orientación no itinerario: 2
  • Dificultade no desprazamento: 2
  • Cantidade de esforzo necesario: 3
  • Dificultade: Media

Comezamos a camiñar…

Tras o paso de Éowyn e antes de que chegue Herminia a partir do domingo, dúas profundas borrascas que están sacudindo Galicia nesta semana, este sábado decidimos achegarnos ata Carballeda de Avia, un concello no que nunca fixeramos ningunha ruta, pois o tempo deu unha pequena paréntese neste inicio de ano que está a ser de moita chuvia en Galicia.

Como sempre, antes de iniciar a andaina na mesma capital municipal, tomamos un café e demos unha pequena volta por Carballeda. Logo, reagrupámonos fronte á casa do concello, onde está instalado o panel da ruta que imos realizar, a PR-G 260, Ruta dos Regatos do Maquiáns.

O regato de Maquiáns ou Maquiás é un pequeno afluente do Avia que nace nas inmediacións de Pena Corneira e deslízase polo concello de Carballeda de Avia pasando polos muíños de Veronza ata chegar á mesma Ribadavia, onde se une ao citado Avia, sendo o responsable do abastecemento de auga potable da vila de Ribadavia.

Igrexa de San Miguel de Carballeda de Avia
Nada máis comezar a andaina pasamos pola fermosa igrexa de San Miguel
A Veronza dende Carballeda

En Galicia existen moitos muíños e regatos co nome de «Maquías» e derivados, e polo nome deste río, aquí temos un caso. Coido que xa falamos algunha vez da relación entre a palabra maquía e os muíños e é que esta era a parte de fariña que lle correspondía ao propietario e responsable do muíño a cambio da moenda.

Logo das presentacións, partimos de Carballeda, e dirixímonos cara o Monumento Nacional-Igrexa de San Miguel de Carballeda, pasamos por diante e detémonos un pouco para admirar a súa portada. Por camiños e carreiros dirixímonos a continuación cara á ermida de San Lourenzo de Veronza, onde se celebra cada agosto a procesión nocturna dos fachicos arredor da capela.

Pequena fervenza na área recreativa dos muíños de Veronza
Salpicando os suaves outeiros vemos innumerables bolos de granito
O camiño próximo ao Maquiáns polo medio dos belos bosques é unha marabilla

Pouco a pouco ímonos introducindo nos fermosos bosques que poboan esta zona chegando, algo máis adiante, á fermosa área recreativa dos muíños de Veronza, cun bo conxunto de muíños flanqueados polo arroio de Maquiáns. Ademais dos muíños destacan as formacións graníticas polas que pasamos. A erosión descubriu estes penedos e moldeounos, salpicando os suaves outeiros dos innumerables bolos de granito, de formas redondeadas e de gran tamaño.

Continuamos próximos ao río polo medio dos belos bosques, con algunha que outra árbore caída no camiño que ralentiza o noso paso, ata chegar á aldea de Muimenta, bonita poboación con casas tradicionais de pedra. Accedemos á aldea pola zona de menor altitude, e dirixímonos ao Parafonso, un espectacular conxunto etnográfico de vinte e catro hórreos como principal testemuño do patrimonio cultural e agrícola da aldea. A continuación, dirixímonos cara ao Eirado, para desviarnos ata a igrexa de San Xiao, de principios do século XIII, aínda que bastante transformada.

En Muimenta vemos un espectacular conxunto etnográfico de vinte e catro hórreos
Portada da igrexa de San Xiao
Muimenta
Dende o Miradoiro da Cruz temos aos nosos pés a aldea de Muimenta

Non nos detemos moito, pero dános tempo para admirar o seu exterior camiñando polo seu adro. A portada está conformada por unha dobre arquivolta de arco de medio punto, completándose a fachada cun amplo van e un remate en espadana, con pináculos nos extremos, xa de época barroca. Son tamén de admirar os canzorros sobre os muros laterais do templo.

Desandamos uns poucos pasos e retomamos o camiño para ascendermos ao Miradoiro da Cruz, que resulta espectacular, con boas vistas da serra, pois encontrámonos aos pés de Pena Corneira, onde abundan os bolos ou afloramentos rochosos de gran volume e formas redondeadas. Aos nosos pés, a aldea de Muimenta, e podemos divisar á fronte o encoro de Castrelo de Miño e a raia seca, o perfil montañoso que se percibe ao fondo que sitúa a fronteira de España con Portugal.

No tramo alto da ruta, con boas vistas da serra, abundan os bolos de gran volume e formas redondeadas.
Paso pola aldea abandonada da Xunqueira, no medio do bosque
Agrupándonos na presa que serve de captación de auga para os muíños

Continuamos agora por zonas elevadas con amplas vistas da serra, en percorrido algo máis monótono pero imprimímoslle unha marcha un pouco máis forte pois a ameaza de chuvia está próxima. Pasamos pola aldea abandonada da Xunqueira, no medio do bosque e, encamiñámonos ata unha pequena presa que serve de captación de auga para os muíños polos que imos pasar a continuación.

Baixamos e algo máis adiante conectamos coa Ruta dos muíños de As Fermosas. Detémonos unha miguilla pois Víctor decide adiantarse para avaliar a situación da ruta.  Paramos diante dunha ponte de madeira que se sitúa nun cruzamento de camiños equipado con todo tipo de frechas e panel informativo do camiño natural Roteiro dos Muiños.

Algunha que outra árbore caída no camiño que ralentiza o noso paso
Muíño de abaixo no regato de Fermosas

Iniciamos o descenso polo regato de Fermosas cara aos Muíños de abaixo, un tramo moi fermoso con muíños, pasarelas e pontes polos que discorre o regato. Na primeira pasarela de madeira que piso para salvar o primeiro muíño dou un resbalón que bato co cú no chan e, grazas á mochila, a cousa non foi a maiores. Continúo dolorido pero sen maiores complicacións.

Comeza a chover con certa intensidade e nunha escampada aproveitamos para parar a comer neste entorno. Sen moita pausa, pois a chuvia regresou con máis forza, continuamos ata chegar ao pobo de Vilar de Condes, pasando antes polo curioso e fotoxénico Muíño do Puzo, onde o río e o muíño forman unha piscina natural, e polo cruceiro e Igrexa de Santa María.

Muíño do Puzo e piscina natural en Vilar de Condes
Eirado dos Canastros

Cruzamos a aldea e atopámonos cun novo conxunto de hórreos asentados sobre unha inmensa rocha, que recibe o nome de Eirado dos Canastros. Neste tramo final do camiño, o Jaime ven queixándose dun xeonllo e ten que parar en Vilar de Condes pois non lle permite camiñar máis.

Nós seguimos e novamente penetramos en bosque por fermosas corredoiras, invadidas de acacias que comezan a estar en flor. Achegámonos ao regato de Campolongo e subimos a un alto cheo de formacións graníticas con amplas vistas cara ao val do río Miño, acompañados por un fermoso arco da vella dibuxado no ceo.

Regato de Campolongo
Arco da vella
No final da ruta volvemos admirar formacións graníticas

Descendemos polo sendeiro e cruzamos o regato por unha antiga ponte ata chegar á aldea de Saá, lugar onde establecemos o final da ruta xa que non había seguridade de poder continuala, pois nestes días de chuvia o caudal dos regatos varía rapidamente e cobre os denominados pasos das poldras.

Xa en Carballeda, comentamos o desenvolvemento da xornada e coincidimos en que, sen dúbida, a ruta resultou moi variada ao discurrir por diversidade de entornos, destacando tanto o patrimonio natural como o patrimonio cultural e etnográfico. Paga a pena percorrela!

Deixar un comentario

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Scroll ao inicio