Ruta por Pena Corneira
A chamada Pena Corneira é un espectacular penedo granítico con forma de corno, que semella un xigantesco menhir apuntando ao ceo. É visible dende boa parte do Ribeiro. O espazo natural de Pena Corneira está declarado monumento natural e sitúase gran parte del no concello de Leiro (e co limítrofe de Carballeda de Avia). A paisaxe é ben fermosa, son abondosos os bolos graníticos entre os bosques ben conservados, algúns destes bolos acadan proporcións inmensas e moitos están cubertos por alfombras de liques. A ruta sae da interesante vila de Leiro, e pasa por bosques e aldeas, antes de acadar o cumio de Pena Corneira. A ruta ten un alto valor pola súa paisaxe, polos bosques, polas igrexas, os camiños…
A súa riqueza non só reside na súa paisaxe, senón nas propias formas das rochas, únicas no mundo e na súa orixe, de fai 300 millóns de anos, froito dunha masa de magma que se solidificou a causa da estrutura profunda dun antigo volcán.
- Lonxitude da ruta: 15 km
- Desnivel: medio (máis de baixada que de subida)
- Dificultade: media
Iniciamos a andaina no Paseo Fluvial de Leiro, xunto á pasarela, e dirixímonos ao Camiño Real que nos leva ata Lebosende, xa visitado cando fixemos a andaina dende Pazos de Arenteiro, e de alí a Paredes onde poderemos visitar a área etnográfica do “Regato do Foxo” formada por 6 muíños e 30 cabaceiros. Tras un curto tramo de estrada, encamiñámonos cara á área recreativa de Pena Corneira, a través dunha singular paisaxe formada de carballos, castiñeiros e os espectaculares “bolos” de granito. Chegados a este punto atopamos unha área de descanso con fonte, mesas e asadores, así como dúas derivacións da senda que nos acercan á propia Pena Corneira e a un miradoiro con excelentes vistas sobre a comarca.
Segundo Clodio González Pérez, aquí estivo o castelo de Pena Corneira (do que non quedan máis que insignificantes restos entre a mesta vexetación). Por el pasou o arcebispo compostelán Diego Xelmírez e o futuro emperador Afonso VII, fuxindo das hostes da raíña Dona Urraca.
A estrada chega ata a mesma igrexa de Lamas ou Pena Corneira. Un sinxelo e precioso templo románico agora sen culto, que se conserva tal e como se ergueu no século XII, ata nin sequera lle chegaron a rebaixar os tizóns da fachada (os perpiaños que en vez de ir en horizontal –a soga- van cruzados para facer máis consistentes os dous paramentos do muro). Estas pedras imprímenlle á obra rusticidade e encanto.
A poucos metros da igrexa érguese un cruceiro moi antigo, estudado por Clodio González Pérez non hai moitos anos (“O cruceiro de Pena Corneira ou de Lamas. Aproximación estilística e ensaio de datación”, 2011), e unha ampla e frondosa área de lecer: fontes, sombras, mesas, bancos… non hai bares nin restaurantes.
E logo subir ata a mesma Pena, seguindo un sendeiro ben sinalado, sempre á sombra, sobre todo de carballos e castiñeiros. Non hai grandes desniveis nin tampouco perigos, agás os normais dunha caída. Un lugar idóneo para pasar un bo día no medio da Natureza.
Esta crónica está feita antes de acometer a ruta, pois non puden participar nela, pero grazas a Suso e a Rocío, animeime a publicala coas fotos deles. Agardo que vos guste.
Ver Ruta por Pena Corneira nun mapa máis grande