Ruta de Cornatel e Ferradillo
O domingo 25 desprazámonos dende as Médulas ata o cercano castelo de Cornatel, e alí comezamos unha fermosa ruta que nos levou ata Ferradillo, no termo municipal de Priaranza del Bierzo.
- Lonxitude da ruta: 13 km aprox.
- Desnivel: medio-baixo
- Dificultade: media-baixa
Na época da repoboación, a zona das Médulas adquire novamente certa importancia. As fontes citan algunhas poboacións e xurde o castelo de Cornatel coma símbolo do poder político dos señores que dominan o territorio. O castelo está perfectamente adaptado ao territorio, localizándose nunha zona elevada que permite controlar o circundante Val do Sil. Dátase no sécullo X, e no s. XIII pertenceu aos templarios ata o ano 1313 en que se suprime a orde Relixiosa e é entón cando pasa á coroa.
O Conde de Lemos reconstrúeo entre o 1470 e 1482, momento ao que pertencen algunhas das construcións que actualmente se poden visitar: a torre da homenaxe, as casas colgantes ou o chamado Torreón do Comendador, nun sainte rochoso. O castelo foi recuperado recentemente para uso público tras uns completos traballos de excavación arqueolóxica, consolidación dos restos constructivos e rehabilitación integral dalgúns espazos.
Nada máis deixar o Cornatel iniciamos un forte ascenso superando un desnivel duns 400 m en 2 km. Estamos en torno a uns 1200 m e as as vistas son espectaculares, e que irán multiplicándose ao longo da xornada. A paisaxe e, ainda, o seu outonal colorido animaban a camiñar e continuamos cun lixeiro descenso por un cortalumes que houbo que tomar con calma, para iniciar progresivamente a lixeira ascensión por unha pista ata Ferradillo a 1247 m de altitude.
Ferradillo é un pobo situado ao fondo do val, que chegou estar case abandonado e agora está rexurdindo grazas a un importante proxecto de restauración e posta en valor, en parte debido á Asociación de Amigos de Ferradillo. A finalidade desta asociación é a recuperación dos sinais de identidade do que foi o pobo de Ferradillo e o seu entorno natural, tradicións, costumes, vocabulario, música, etc. Nel podemos apreciar moi ben a arquitectura típica berciana, representada por casas de pedra e teito de pizarra de planta rectangular e dous pisos, o inferior adicado a cortes e o superior a vivenda; neste sitúase a cociña e o forno que sobresae cara ó exterior. Xeralmente con solaina de tableiros.
Despois de descansar e falar con xentes do lugar, deixamos Ferradillo para dirixírmonos ata o cumio de Peña Palomares, a 1242 m de altitude, un estupendo miradoiro natural sobre a comarca de Ponferrada. A chuvia que nun principio só ameazou, desatouse no tramo final do percorrido ao comezar o descenso, o que motivou adoptar un pouquiño máis de precaución, por medo ás caídas. A chuvia seguiu presente á hora de facer a parada para xantar, tendo que refuxiarnos dela nuns cubertos en Villavieja. Desde aquí e ata o Cornatel, camiñamos por un espectacular tramo en ascenso do Camiño de inverno a Santiago, entre soutos e co castelo á vista!
As dúas rutas que fixemos teñen un altísimo interese natural, paisaxístico, cultural e patrimonial, destacando a súa biodiversidade. Gran fin de semana!
No castelo de Cornatel recolleunos o autocar, que nos levou ata Villafranca, onde demos un pequeno paseo pola vila, tomar un delicioso pastel cun café… e dar por fin rematada a xornada, antes de regresar a Santiago.
Ver Ruta de Cornatel e Ferradillo nun mapa máis grande
¿E quen é o artista das esculturas das árbores?
Pois supoño que algún veciño. A árbore ten moitos máis animais tallados, coma o raposo (ou lobo) que non puxen.