Ruta da Ribeira Sacra do Miño. PR G-162 (I)
Esta é a primeira das tres etapas que faremos do sendeiro homologado PR-G 162, coñecido como Ruta da Ribeira Sacra do Miño. Deste xeito temos ocasión de coñecer as marabillosas paisaxes e a fermosa natureza deste destino xeográfico así como o seu rico patrimonio cultural.
A ruta desta xornada comeza preto de Santo Estevo de Ribas de Miño, unha das xoias do románico nesta zona. O percorrido transcorre por zonas boscosas e pasa polos lugares de Galegos, Piñeiro e Montecelo antes de chegar a San Paio de Diomondi, outro tesouro do noso patrimonio. O sendeiro baixa ata o río Miño, no lugar de Belesar, aproveitando o trazado do Camiño de Inverno. Logo volve a subir por zonas de viñedos e bosques ata Bexán e remata en Mourelos. A paisaxe, os bosques, os viñedos e o románico son os elementos fundamentais desta xornada.
Os camiños en xeral son bos pero hai algún tramo incómodo. Son destacables o descenso ata Belesar, así como o ascenso posterior. Hai que facelos con calma.
- Horario: 5:15 h.
- Desnivel de subida: 803 m
- Desnivel de baixada: 615 m
- Distancia horizontal: 15,1 Km
- Tipo de percorrido: Travesía
- Severidade do medio natural: 3
- Orientación no itinerario: 2
- Dificultade no desprazamento: 2
- Cantidade de esforzo necesario: 3
- Dificultade: Media
Comezamos a camiñar…
Este curso académico, a Fundación USC programou, coido que acertadamente, percorrer de novo as tres primeiras etapas da Ribeira Sacra do Miño, senda que iniciáramos hai dez anos, aló polo 2014. Tal como me pasara cando percorremos por segunda vez o Camiño dos Faros, teño unha sensación pracenteira ao revisitar esta ruta. O pracer de revisitar é como o de reler, volver a empezar descubrindo o que antes non se vira ou non se reparara nel.
Coido que a memoria permítenos sermos conscientes e gozar do contraste dos recordos co momento que vivimos. E neste caso dáse completamente. Ademais, desta vez imos toparnos cunha paixase esplendorosa, coas cores outonais caendo sobre o Miño, cousa que daquela non poidemos gozar por percorrela no mes de marzo, a pesar de acompañarnos a chuvia na segunda parte do percorrido, como daquela.
Logo de recoller ás compañeiras que veñen dende Lugo e tomar un café en Chantada, desprazámonos ata Santo Estevo coa intención de facer a primeira etapa desta fermosa travesía, hoxe homologada co PR G-162. Dende Chantada o bus tomou dirección a Monforte de Lemos pola estrada LU-533, e despois de cruzar o viaduto de Belesar, deixounos xusto no desvío en dirección á Igrexa de Santo Estevo de Ribas de Miño.
Santo Estevo de Ribas de Miño
Preparámonos e imos camiñando ata Santo Estevo por unha estrada con moi pouco tráfico e gozando dende o primeiro momento da outra beira do val do Miño, no concello de Chantada, deixando atrás o encoro de Belesar. Para iso achegámonos ao seu inicio, que ten lugar na fantástica contorna na que se atopa a igrexa de Santo Estevo de Ribas de Miño.
Chegamos a Santo Estevo e temos un momento para gozar do templo e do seu entorno. O que máis chama a atención é a súa adecuación ao terreo, para o que foi preciso rebaixar a ladeira así como construír unha cripta para soster a base do templo. A fachada é unha obra espectacular do románico galego, cunha portada flanqueada por dous arcos cegos decorados con piñas e rosetas. Destaca a decoración da porta central con seis estatuas radiais de músicos, e un personaxe relacionado co sol e a lúa, que mostra un motivo circular. Na escultura destes personaxes e na súa disposición apréciase a influencia do Mestre Mateo e o Pórtico da Gloria. Por riba dos arcos podemos ver o gran rosetón, característico deste mosteiro e considerado dos máis espectaculares de Galicia. A espadana sitúase na parte posterior sobre un muro de suxeición do terreo que conforma o adro.
Pouco a pouco imos deixando o lugar e por fermosos carreiros fómonos aproximando ás aldeas de Galegos, Piñeiro e Montecelo, todas elas pertencentes á parroquia de Diomondi. Pero antes de chegar a estes lugares, apenas un quilómetro andado, desviámonos un pouco do camiño para ir coñecer as ruinas da Capela de San Pedro de Cela (s. XI-XIII), emprazada nunha ladeira de forte pendente. Os eremitorios comezaron a xurdir no s. VIII e aínda que do actual conxunto arquitectónico consérvase a planta románica da igrexa, segundo lemos no panel explicativo alí instalado, o sartego coa súa tapa que hai no adro é un elemento a ter en conta para datar moito antes este lugar de culto, na segunda metade do s. VI.
En Montecelo atopámonos coas ruínas da igrexa de Santa María do Camiño, da que só permanecen en pé os arcos da nave e parte dos muros. A historia conta que foi construída entre 1720 e 1750 no mesmo terreo que antes ocupaba unha capela dedicada tamén a Santa María do Camiño e cunhas orixes que poderían remontarse á Idade Media. A súa advocación á Virxe do Camiño sen dúbida débese ao feito de estar situada xusto á beira do antigo camiño real de Monforte a Chantada, cuxo trazado coincide hoxe co Camiño de Inverno. Nas inmediacións consérvanse un cruceiro e un peto de ánimas.
San Paio de Diomondi
A nosa seguinte parada será na igrexa románica de San Paio de Diomondi, construída no ano 1170, segundo a inscrición que se conserva no dintel da porta principal. Ángel del Castillo, no seu Inventario de la riqueza monumental y artística de Galicia, destaca Diomondi como “uno de los más hermosos y completos ejemplares de nuestra arquitectura románica de la segunda mitad del siglo XII, en su tipo, acabado indudablemente en el mencionado año de 1170, interesante por muchos conceptos”.
Estamos ante outro magnífico exemplo de románico compostelán, tendo grande semellanza coa de Santo Estevo de Ribas de Miño. A fachada ten tres portas, as laterais cegas e a central ábrese cun arco de medio punto con catro arquivoltas que descansan sobre fustes de mármore dunha soa peza, no que destaca a rica decoración escultórica da súa portada, onde se combinan motivos de tipo vexetal e xeométrico con figuras de seres mitolóxicos. O templo pertenceu orixinalmente a un mosteiro cuxas orixes foron vinculadas pola tradición ao bispo Odoario, unha figura destacada do século VIII.
Encostado á igrexa atópase un dos poucos exemplos de arquitectura civil que hai en Galicia desta época, o antigo palacio de verán dos bispos de Lugo, que hai dez anos atopamos en ruinas e hoxe habilitado como un albergue público. Decidimos parar a xantar pois hai previsión de chuvia próxima e que mellor lugar para facer un descanso e xantar comodamente diante desta marabilla arquitectónica!
O noso camiño continua e ata chegar a Belesar vai coincidir co Camiño de Inverno. A ruta agora vai ir sempre en descenso e tras pasar o lugar da Portela iremos notando que a pendente empeza a incrementarse. O camiño discorre moi encaixado no terreo e xa se aprecian varios tramos empedrados. Máis adiante o camiño inicia un trazado con tres cóbados para suavizar a pendente e facela máis levadía, este tramo é o que recibe o nome de Cóbados de Belesar e está cuberto dun empedrado tradicional practicamente ata o final do percorrido, ás beiras do Miño. Hai que baixar con coidado, sobre todo se se atopa mollado xa que pode escorregarse facilmente.
Nos últimos trescentos metros o bosque ábrese para poder gozar da fermosa paisaxe que nos ofrecen o río e as viñas. Que marabilla! As vistas nesta parte do camiño son espectaculares. Ao fondo e nas beiras do Miño xa podemos ver os dous núcleos que conforman a localidade de Belesar, repartidos en ambas as marxes e pertencentes aos municipios do Saviñao e Chantada. Belesar é un dos puntos clave do Camiño de Inverno a Compostela, que admiramos dende a mesma beira do río e poder gozar desta paisaxe tan espectacular.
A chuvia comeza a se intensificar e non queda outra que continuar o noso camiño por este lado do río. Protexidos con chuvasqueiros e paraugas, toca unha subida continua entre os socalcos e o esforzo fai que valoremos aínda máis aos traballadores destas viñas. A pesar da chuvia, é unha subida fácil, na que temos que salvar o desnivel para chegar ao alto e algún pequeno treito con lama, pero que compensa pois ímonos marabillando a cada paso ao ver o val dende o alto. Comezamos a recuperar pronto as vistas cara ao río rodeados de viñedos, podendo apreciar estupendamente a viticultura heroica que se fai nesta zona, da que xa teño falado noutras entradas.
A pesares de que o día non quedou moi luminoso, este arranque é marabilloso, cunhas excelentes vistas do pobo de Belesar e amplas panorámicas de ambas ribeiras. Na paisaxe destaca a ponte de Belesar, nun lugar que durante moito tempo foi o principal enlace entre as comarcas de Lemos e Chantada.
Chegamos a Bexán, unha aldea semi abandonada que parece estar colgada sobre a Ribeira Sacra e que perdeu case todos os seus habitantes no último medio século. Se non fora pola que está caendo, o lugar merece unha pequena visita para gozar da súa arquitectura. Bexán ten unha pequena capela, a de Santo Antón, construída no 1639 e restaurada hai relativamente poucos anos. Continuamos polo medio da aldea e, como hai dez anos, vemos como unha gran parte das vivendas están en estado ruinoso, pero tamén seguimos gozando das vistas espectaculares ás ribeiras de Chantada, distinguindo no alto, entre nubes, Nogueira de Miño, coa súa espectacular igrexa de Santa María de Nogueira, situada na cima do famoso meandro Cabo do Mundo, que admiraremos na seguinte etapa.
Seguimos a nosa travesía por carreiros que van entre castiñeiros e carballeiras que nos comezan a regalar os seus ocres outonais. Pasamos xunto aos lugares de O Castro, Barrio e A Reguenga, antes de rematar esta etapa en Mourelos, diante do seu cruceiro.
A pesar da chuvia na última parte do percorrido, gozamos moito da ruta, por ter un gran valor cultural e paisaxístico. Queda para decembro a segunda parte deste PR G-162!