Ruta da Ferrería
Esta fin de semana fomos camiñar a Chandrexa de Queixa, onde fixemos un par de rutas verdadeiramente espectaculares (xa sei que é un adxetivo que uso moito…). Estivemos aloxados en réxime de media pensión no Hostal González, máis coñecido como Casa Gerardo, en Celeiros (Chandrexa, Tfno. 988 334 019). Altamente recomendable.
Ruta da Ferrería
- Sábado, 21/05/2011
- Lonxitude: 18 km aprox.
- Desnivel: medio
- Dificultade: media
Unha vez que deixamos as nosas pertenzas no hostal, subimos de novo ao autocar que nos levou ata o comezo da ruta, practicamente na cola do encoro. O percorrido levounos a Ferrería, fermoso lugar ao que chegamos seguindo o río Queixa pola súa beira nunha mañá estupenda para camiñar cunha temperatura moi agradable. Despois, e atravesando bosques nos que por momentos o camiño se perde, facéndose moi necesario ir atentos, subimos ata o cumio do Pico de Paredes, rodeando o Alto das Cancelas, onde fixemos a parada para dar conta do bocadillo e repoñer forzas. Dende aquí tivemos unhas maxestuosas vistas que nos circundan do encoro de Chandrexa, da Serra de San Mamede, ao lonxe… de recente lembraza nun anterior roteiro.
Retomamos con máis alegría se cabe o camiño, O Marco, Campo da Muller Morta, Campo de Paredes, Pico de Paredes cambiando totalmente a perspectiva e o horizonte que se presenta ante nós que agora son o Val de Seara, Montes do Invernadeiro, Trevinca… A chuvia vólvese ameazante, pero sen inmutarnos seguimos camiño por pistas anchas. Enseguida volvemos ver o encoro de Chandrexa e, logo dunha pronunciada baixada en zigzag chegamos á estrada que tomamos á dereita ata Santa Cruz de Queixa, onde nos agardaba o autobús que nos retornou a Celeiro.
Queda un último esforzo, que tivemos que facelo de verdade, para dar conta da deliciosa e abundante cea que nos tiñan preparada Gerardo e a súa muller. Un caldo e sopa exquisitos, e que dicir da fabada e dos callos de primeiro; do cocido con androlla … e do cabrito ao forno, uns flans de vinte e catro ovos que nunca vira na miña vida e tarta de mazá de postre, acompañadas de licor café, augardente de herbas e de menta. Mágoa non poder quedarse uns días máis para dar conta como se merecen semellante comida. Con almorzo pasou algo parecido: froita variada, torradas e bica con café con leite.
Ver Ruta da Ferrería nun mapa máis grande