Ruta da Broa
Viaxamos nesta ocasión ao concello ourensán da Merca para realizar un fermoso percorrido circular coñecido como Ruta da Broa (denomínase “A Broa” ao territorio conformado polas parroquias de Corvillón, Entrambosríos, Olás e Zarracós, todas elas pertencentes ao concello da Merca e situadas na marxe esquerda do río Arnoia).
- Lonxitude: 14 km
- Desnivel: medio
- Dificultade: media
Aproveitando a parada na Merca para tomar o café, e despois de botar unha partida ao futbolín (estando Suso, non deixa pasar a oportunidade de lembrar ao seu paisano Alexandre de Fisterra), achegámonos a unha das xoias do noso patrimonio: o maior conxunto de canastros de toda Galicia, pois conta con máis de 30 hórreos. Os canastros foron trasladados á localización actual na década dos anos 70 do século pasado, e están compostos, principalmente, de cámara de madeira, de forma rectangular e con porta na fronte, descansando todo o corpo sobre piares de pedra e cunha cuberta de tella do país a dúas augas. Unha preciosidade!
O percorido comeza na aldea de Fontao e pouco a pouco imos descendendo ata chegar á “presa do Cholas” no río Arnoia. Este treito é dunha enorme beleza, pois imos por camiños de carros recuperados que pasan por carballeiras e soutos centenarios, bosques ben conservados e fermosas paisaxes. Continuamos por camiño ancho pola marxe esquerda, deixando á nosa dereita os restos da presa, pontella e muíños en ruínas ata á aldea abandonada da Ponte Ermida e, dende aquí iniciamos a subida á aldea de Covas do Río, onde facemos un pequeno descanso na aira da Otilia; logo, continuamos polo carreiro que vemos en fronte para saír a un fermoso souto, amosándome o Carlos á dereita os penedos chamados o coto das Moás, que non dou fotografado ben.
Seguindo as indicacións (moi difícil perderse pois o percorrido está moi sinalizado), atravesamos Entrambosríos, pasando a carón da capela do Carme, para saír de novo á estrada, e logo continuar polo camiño que en lixeiro ascenso nos leva ata Olás, onde sorprende o seu conxunto de canastros, contrucións de importante valor patrimonial e etnográfico. Gran parte do treito final ata Fontao, fixémolo por camiños cheos de lama (pero lama, eh!), e a punto estiven de botar un balado abaixo… como dí Jaime son o apalpador das pedras!
Este sábado escoitei cantar o cuco sobre as catro da tarde, cando estabamos a rematar o percorrido (adoita chegar de África entre marzo e abril), e o Jaime lembrouse da canción que cantaban de nenos en Santa Isabel… Cuco rei, cantos anos vivirei, vintecinco non o sei… e cantos cucús contes ata que o cuco deixe de cantar, eses serán os anos que che quedan de vida, e onte disque chegou contar ata os 105 (o que me agarda!); tamén se adoita contar os cucús para saber canto che queda para casares, aproveitando o silencio entre canto e canto, pregúntaslle “—Cucú, rabo de zorra / cantos anos me dás de aquí á miña voda?”. O Suso lembrou que hai que comer a lamprea antes de que cante o cuco pois “se xa se escoitou o cuco dise que a lamprea está cucada e xa non ten tanta calidade porque xa avanzou moito a tempada…”; tamén se dí que mentras canta o cuco, non non se debe comer raia nin polbo. Refr.: Dendes que vén o cuco, fóra o pulpo.
Ainda tivemos tempo de ir coñecer a igrexa románica do século XII de San Pedro da Mezquita, un dos mellores exemplos de arte románica da provincia de Ourense, declarado Monumento Histórico-Artístico en 1931. Na igrexa podemos ver unha boa mostra de escultura románica, con numerosas representacións humanas, animais e vexetais, sobre todo na fachada principal. Mágoa que estivese pechada e só poideramos ver o seu exterior.