O Incio
Visitamos por primeira vez o concello do Incio, para facer unha fermosa ruta polo val do río Cabe na parte alta do seu curso. Toda a zona está incluída na Rede Natura e forma un L.I.C. (lugar de interese comunitario).
- Lonxitude: 16 km
- Desnivel: medio (concentrado en tramos de forte pendente)
- Dificultade: media-alta
Antes de comezar a camiñar fomos ver a igrexa adicada a San Pedro Fiz do Hospital, unha das sorpresas que depara o románico en Galicia, pois os seus constructores trocaron granito como material construtivo polo mármore, conseguindo un efecto realmente espectacular. As cercanas canteiras do Incio, que forneceron de mármore á cidade romana de Lugo, facilitaron esta rareza arquitectónica medieval, pois é o único exemplar en España edificado totalmente con este material. Estamos a ter unha tempada espectacular de visitas a igrexas e rutas moi fermosas!
E tivemos moita sorte na visita, pois cando estabamos a prepararnos no adro cuberto que hai no lado sur da igrexa, apareceunos o sancristán, don Manuel o Zoqueiro, un home de 89 anos que moi gustoso se ofreceu para amosarnos con orgullo a igrexa por dentro pois, como lle aprendera o que fora o seu párroco por máis de corenta anos en San Pedro Fiz, Anxo González, “o cura do Incio”, esta igrexa había que ensinala aos forasteiros pois era un auténtico tesouro pouco coñecido.
A fachada principal, a occidental, é espectacular, pois a cor da pedra de mármore, a sensación de forza transmitida polos recios contrafortes e a delicadeza da súa portada fana digna de eloxios. Non é portada de iconografía a descifrar. O seu encanto radica no seu material e no conxunto da mesma. Hai un detalle que é moi raro ver e é a decoración periférica que enmarca a toda esta portada elaborada a base dunha greca en zigzag. En Galicia tan só se repite en San Pedro de Bembibre, en Taboada. As ferraxes da portada son as orixinais do templo, emparentándose neste detalle con outros de bela feitura como os existentes en Vilar de Donas.
No interior sorprende, ademáis do uso do mármore na edificación e da sobria decoración, unha talla en madeira de Cristo crucificado colgado da faixa absidal por medio de cadeas. Cristo de catro clavos de brazos articulados e talla algo tosca aínda que non exenta de encanto. Probablemente do século XIV.
Despois de despedirnos do Zoqueiro e de agradecerlle a súa atención, comezamos a camiñar dende a mesma igrexa e, en descenso chegamos ao río Cabe, que temos que cruzar por unha pequena ponte ao pé do Muíño de Vila, onde hai que andar con coidado, xa que é un pouco esvaradía.
Logo de visitar o Muíño de Vila en ruinas, comezamos a subida ao monte, de forte pendente, e dado que vou un chisco limitado de forzas, cústame un pouco de máis acadar o punto alto do camiño, pois imos por pistas de terra ao redor dos 800 m de altitude.
Estamos xa no treito que pertence á ruta do Ferro, unha ruta duns 12,6 quilómetros que se desenvolve entre A Ferrería e Biduedo, e onde podemos ver restos das antigas minas de ferro, como a do Couso, ou achegarnos ata o mirador da Pena de San Mamede, dende onde podemos gozar dunhas panorámicas moi fermosas de todo o val do Incio. Mágoa que as uces, que dominan esta parte alta da montaña, non romperan coa viva floración púrpura, pois iso xa sería espectacular!
As previsións meteorolóxicas para hoxe non son nada boas e vainos acompañar a chuvia durante algún treito do camiño, e con especial intensidade á hora de xantar, menos mal que poidemos acubillamos todos nunha especie de alpendre que hai na área recreativa do monte veciñal de San Pedro.
Continuamos sen máis dilación e, máis adiante, deixamos a ruta do Ferro para comezar o descenso ata o río; no tramo que queda sen facer da ruta deixamos de ver a última das covas que hai no percorrido, a impresionante Cova das Choias, para min a máis interesante de todas… Quedará para mellor ocasión (e con mellor tempo), pois non se pode ver todo nun día!
Imos ao encontro do Cabe, primeiro baixo piñeirais e despois baixo un enorme souto que practicamente nos acubillou ata a entrada na aldea de Saa. Impresionante.
Logo de cruzar Saa, recolleunos o bus que nos levou ata A Cruz do Incio, onde tomamos a cervexa de rigor mentres vía como se entretiña o Zoqueiro vendo botar a partida de tute no bar da vila. Sabe deus a de historias que sabe este home!
Fontes:
Hospital do Incio. San Pedro Félix. En Románico Aragonés [consultado o 14/04/2016]
Preciosas y preciosa foto. Gracias Fran
Grazas Felipe. Xa cha pasarei… e algunha outra que teño, tamén.
Apertas