Roteiro polo Sarela
Esta é unha das andainas que fago pola cidade con moita regularidade, e nunca me canso dela! E como había tempo que non publicaba nada de Santiago, decidín facelo co Roteiro por Compostela que fixemos este mércores: fomos camiñar polo río Sarela.
- Lonxitude: 8 km aprox.
- Desnivel: baixo
- Dificultade: baixa
Despois de xuntarnos na piscina universitaria, comezamos a camiñar dende a carballeira de San Lourenzo, xusto onde comeza o camiño a Fisterra, e baixamos ata Ponte Sarela para, dende alí, ir remontando o río, que nestes días está espectacular pois baixa bastante cheo. Unha fermosura!
Capela do Carme de Abaixo, a ponte do Arcebispo, diante da capela, e seguimos río arriba polo parque de Galeras, onde o Sarela recibe as augas do río Corgo. Santa Isabel, Ponte de Asén, co seu fermoso lavadoiro sobre o río… (Ai, teño unha moza en Asén (Alxén), ai, outra no Castiñeiriño, ai, quérolle máis á de Asén (Alxén), ai, porque dorme no muiño, […]).
Xa se escoita como están xogando á chave antes de chegarmos ao Muíño de Lermo, para min, parada obrigada, pero hoxe continuamos xa que imos a bo ritmo e en alegre conversa pois aínda temos que chegar case ata O Romaño e facer o camiño inverso para voltar de novo ata o campus. Durante este percorrido predomina o bosque de ribeira (ameneiros, salgueiros, algún que outro loureiro… ), alternando con algunha que outra leira que chega case ata o río.
É un privilexio ter tan próximo este espazo tan fermoso, que se pode percorrer con múltiples variantes, subindo ao Pedroso, ou ao Monte de Deus… e apto para todas as idades. Unha gozada!
Sempre che digo que as paisaxes dos ríos son as máis fermosas, hai neste roteiro un par de fotos que semellan pinturas de Monet. Bicos, mil bicos e mil felicidades neste o teu día de santo!!!
Moitísimas grazas!! Un bico para tí tamén!