Polo val e montes do concello de Láncara

16-11-2024
Ponte de Carracedo
Ponte de Carracedo

Imos percorrer gran parte do val de Láncara, comezando a ruta na parroquia de Carracedo, preto da igrexa de San Vicenzo. Esta zona do concello sitúase sobre unha ampla chaira atravesada polo río Neira, esta chaira está rodeada de numerosos montes, entre eles a serra da Illoa, que é o noso obxectivo. A serra da Illoa é unha pequena aliñación montañosa situado entre os concellos de Láncara e Baralla. A súa liña de cumes sitúase ao redor dos 600 m de altitude, e culmina no monte de Illoa, de 624 m de altitude.

Gozaremos dunhas fermosas vistas tanto no fondo do val como durante o ascenso e descenso da serra, onde predominan os piñeirais e algunha explotación gandeira. Tamén pasaremos por algún bosque autóctono, veremos algunha mostra de patrimonio, como a ponte de Carracedo e a igrexa de San Pedro de Láncara.

O itinerario ten poucas dificultades e o desnivel non é moi forte, aínda que si continuo nalgún treito. Os camiños son en xeral cómodos. Se chovese moito os días anteriores pode haber lama nos camiños.

MIDE

  • Horario: 5:15 h
  • Desnivel de subida: 393 m
  • Desnivel de baixada: 382 m
  • Distancia horizontal: 17,6 Km
  • Tipo de percorrido: Travesía
  • Severidade do medio natural: 3
  • Orientación no itinerario: 2
  • Dificultade no desprazamento: 2
  • Cantidade de esforzo necesario: 3
  • Dificultade: Media

Comezamos a camiñar…

Logo de tomar un café na Pobra de San Xiao, capital do concello de Láncara, desprazámonos ata o comezo do percorrido. Este sitúase en San Vicenzo, nunha parada na que nos deixa o bus, á beira do rego de Rielo, espazo que nos permite prepararnos e reunirnos para escoitar a presentación e as primeiras explicacións de Víctor. Cruzamos a estrada e dirixímosnos por un camiño cara a Ponte de Carracedo, construída para salvar a principal conca fluvial do concello, o río Neira, que nace nos Ancares e vai desembocar no Miño pola súa marxe esquerda.

A ponte está moi próxima e non tardamos moito en chegar a ela. Atopámonos ante un dos elementos máis representativos do concello, pois sempre foi un importante lugar de paso sobre o río Neira para as xentes que se dirixían a Lugo e seguían as importantes vías de comunicación en dirección a esta cidade.

Dende que partimos xa vemos a paisaxe que predomina no val de Láncara
A ponte de Carracedo ten unha pronunciada forma de lombo de mula
No percorrido vemos elementos fermosos como esta cancela

Hai quen di que ten unha orixe romana, teoría que reafirmaría a presenza dunha antiga vía romana, coñecida como Camiño dos Romanos. Aínda así, a súa estructura é medieval. Ao ver a ponte de Carracedo dámonos conta da súa antigüidade, malia que pasou por múltiples reformas durante séculos, a última nos anos 90 do século XX.

Cruzamos a ponte, cunha pronunciada forma de lombo de mula, que na parte central conta cun pequeno templete que albergou a imaxe de San Miguel, e continuamos camiño. Nun primeiro momento imos entre terreos dedicados a pastos e millo forraxeiro, pois estamos nunha zona eminentemente gandeira.

Camiñando entre prados e terras de labor
Pequenos tramos de lama ralentizan o noso paso
Fermoso muíño sobre o río Neira en estado ruinoso

Logo de superar un pequeno tramo de lama no camiño que nos ralentizou un pouco, continuamos por estrada e volvemos cruzar o río para chegar ata a praia fluvial de Láncara, área recreativa que leva o nome de Manuel Fernández Arrojo, Manolo de Benita, un dos impulsores e fundadores da Asociación cultural Val de Láncara, recoñecéndolle así a súa dedicación desinteresada por este pobo.

O lugar ten parque infantil, grelladas e mesas, tamén ten baños. A auga cristalina abrigada por ameneiros, hoxe case espidos, pode disfrutarse desde as dúas beiras, grazas a unha ponte de madeira que probamos a cruzar, pero está moi esvaradía nesta época do ano.

Praia fluvial de Láncara
Fermoso carballo en Balse
Superado o lugar de Balse, entramos na carballeira

Non nos detemos moito e continuamos pola pequena estrada ata Balse. Un fermoso carballo é o punto de referencia para desviarnos á dereita. Deixamos a beira do río e pouco a pouco iniciamos a subida unha vez superada a granxa, primeiro baixo carballos, castiñeiros, e logo entre prados e terras de labor. A medida que gañamos altura, empezamos a gozar de boas vistas cara atrás, descubríndose un val moi fermoso, moi verde e salpicado de casas e pequenos núcleos de poboación, ata que damos coa pista asfaltada que nos dirixe ata Carballal e Vilasantán, xa no concello de Baralla. Nesta parte da ruta estaremos entrando e saíndo dos límites municipais dos dous concellos.

Cruzamos Vilasantán e antes de chegar ás últimas casas da aldea, viramos á dereita internándonos nun fermoso souto. A partir de aquí, volvemos a subir por un camiño rodeado de bos exemplares de castiñeiros, ata que damos cunha pista forestal entre piñeiros nas Cruces. Xa a certa altura, deixamos a Serra da Illoa e continuamos ascendendo para dirixírmonos ata as proximidades de Penas Longas sempre por pistas forestais que temos que bordear nalgún tramo pola lama que hai nelas.

A medida que gañamos altura, empezamos a gozar de boas vistas
Chegando a Vilasantán, xa no concello de Baralla
Cruzando un fermoso souto subindo pola Serra da Illoa

Acadado o punto máis alto da ruta, e rematado xa o groso da subida, aproveitamos para facer un descanso e comer á beira do camiño. Uns poucos decidimos ir ata un descampado e xantar alí para gozar das vistas, aínda que só tiñamos panorámica cara os montes e serras do outro lado do val. Aínda así, pagou a pena desprazarse ata alí.

Continuamos e, a partir de agora, imos en descenso en todo momento, moi moderado, o que nos permite ir de conversa a pesar de levar un bo ritmo. Neste tramo de camiño volvemos gozar de boas vistas cara a aldea de Lama e a súa contorna, pero pronto recuperamos as vistas que deixamos pola mañá cara ao val de Láncara, pois o regreso facémolo polo mesmo camiño a partir de aquí.

Na parte alta do percorrido, rodeados de piñeirais, e algún eucaliptal tamén
Pequeno vertedoiro con residuos agrícolas
Vistas cara o outro lado da serra de Illoa

Baixamos cara a Balse en busca do río Meira e temos que deternos baixo o fermoso carballo á beira do río para deixar paso ás vacas que deixaron os pasto e van camiño da corte. Pregúntolle ao mozo que as conduce e confírmame que son criadas para carne, mentres que as frisonas que nai da outra beira do río, mantéñense para producir leite.

Polo visto ata agora, podemos supor a economía na que está baseada o val de Láncara, a gandaría, sobre todo vacún, e tamén a explotación forestal, pois os montes polos que andamos están cubertos de piñeiros. Tamén chamoume a atención a cantidade de maceiras que vimos en todo o percorrido. Víctor comentou que, cando veu preparar a ruta no mes pasado, viu como familias enteiras se dedicaban a apañar mazás que depositaban en grandes sacos que eran retirados por tractores, ata que viñera o camión a recollelas.

Pronto recuperamos as vistas cara o val de Láncara
… e continuamos camiñando á beira do río Neira
No final do percorrido, ademais do val, vemos a Serra da Illoa ao fondo

O último quilómetro e pico da ruta transcorre pola pequena estrada que percorremos pola mañá, pero desta vez facemos un pequeno desvío de ida e volta para achegarnos ata a igrexa parroquial de San Pedro de Láncara. Mentres a visitamos, comezan a chegar veciñas e veciños e aínda conversamos algo con eles, sobre a despoboación, o envellecemento… e volvendo ao tema económico, pregunteilles polo tema das mazás e, efectivamente, corroboraron que eran recollidas para levar para Asturias, aínda que alguén tamén comentou que algunha ía para Chantada, onde se extrae a sidra Maeloc, con mazás de variedades galegas.

Regresamos, cruzamos a pequena ponte sobre o río Neira xunto á que hai un muíño en estado ruinoso e imos cara a Casa Enriqueta, onde nos agarda o bus. Logo de facer os estiramentos e cambiarnos, entramos no bar e sorprendeunos moi gratamente. É un lugar peculiar, pois ademais do bar ten moitos servizos. Hai xente de cidade que isto pódelle estrañar, pero na zona rural é moi frecuente (hoxe xa non tanto), entrar nun sitio e poder tomar un café ou un viño e saír coa compra feita, pois é tenda, ferraxería, droguería… e o seu dono atendeunos a todos nun plisplás. Que dilixencia! Hoxe en día, cada vez quedan menos negocios emblemáticos coma este.

Como detalle, fíxome que tras da barra hai un par de fotos e recortes de periódicos de veciños de Láncara con Fidel Castro, pois o seu pai era natural deste concello e aínda se conserva a súa casa non moi lonxe de aquí.

Deixar un comentario

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Scroll ao inicio