Pico Sacro

31-12-2016
Pico Sacro

Un ano máis facemos a que xa comeza a ser a tradicional ruta de Fin de Ano e, de novo, buscamos un bo lugar onde poder gozar de boas vistas mentres brindamos polo novo ano. Nesta ocasión imos ata o Pico Sacro, a pouco máis de 10 km de Santiago, unha das montañas máis míticas e coñecidas de Galicia.

  • Lonxitude: 8 km
  • Desnivel: baixo-medio
  • Dificultade: baixa

Comezamos a camiñar en Lestedo rumbo ao Pico Sacro. O tramo ten certo desnivel, xa que temos que acadar o cumio do monte.

Pico Sacro

 

Os 600 m sobre o nivel da mar, a súa silueta con forma puntiaguda e a morfoloxía, a base de rochas de cuarzo cristalizado, fan que o Pico Sacro sexa unha referencia para os que vivimos perto del; cumpre ademais un papel esencial na tradición do traslado do corpo do Apóstolo Santiago e marca para os peregrinos o último tramo da Vía da Prata antes de chegar a Santiago.

En torno ao monte hai unha manchea de lendas que teñen de protagonistas a personaxes mitolóxicas da tradición galega: os mouros ou as serpes que habitan nas misteriosas covas que hai cerca do cumio. Pero a de máis sona é a da Raiña Lupa, personaxe mítica que gobernaba a bisbarra e aliada dos romanos, época na que ocorreron uns feitos recollidos no Códice Calixtino. Os discípulos do Apóstolo foron onde ela para que lles facilitara un carro e uns bois e así poder transportar o corpo ata o “Campo das Estrelas“. A Raíña Lupa mandounos ao Pico Sacro, agardando que o dragón e os bois que alí habitaban os mataran. Os discípulos, cando ían morrer ante o dragón, fixeron o sinal da cruz ocasionando a súa morte e viron como as bestas se amansaban. Este feito provocou a conversión da Raíña e os seus vasalos ao Cristianismo.

Pico Sacro

 

Pero imos ao choio! Coma noutros anos, intentamos chegar ao cumio sobre as 12 da mañá e aproveitar o momento para desexarnos un bo comezo de ano. Coma sempre, as gañas de pasalo ben en todos nós é patente dende o momento en que subimos ao bus, pero no cumio do monte aproveitamos para  brindar con espumoso polo novo ano, estendendo o brinde a todas e todos os habituais das camiñadas que non puideron vir.

Pico Sacro

 

Coma sempre, despregamos de todo, pois non vos podedes imaxinar o que alí sacamos!! Ademais do espumoso galego que triunfa cada ano, houbo moito doce elaborado, o mazapán que trouxo Antonio da confeitería Roch, o doce máis tradicional e auténtico de Moratalla la bravía, un clásico no día de hoxe! os figos con noces de Carme e Jesu e dátiles con queixo de San Simón cos que nos agasalla Suso, almendrados, bombóns, qué sei eu que máis… ah! e os “hojaldritos” e melindres que trouxeron Marga e Xerardo de Dinguilindine como novidade (tachán): os carajitos de Salas que trouxeron Paz e Luís, unha pasada!

Logo baixamos a Lestedo cantando baixiño… e se houbera máis espumoso tamén o baixabamos! Feliz ano 2017!

Pico Sacro

Rematamos así outro ano máis de andainas e non queremos deixar de pasar a ocasión para agradecer a vosa participación e o voso apoio a este blog, para que este proxecto siga adiante coa mesma ilusión do primeiro día. Non pretendemos facer unha memoria ao uso do acontecido ao longo do ano, pero sí que queremos salientar os dez anos de andainas coa USC, que se dí pronto, o reencontro con Ana, despois dunha pequena ausencia, ou a agardada volta de Elvira, que seguro se producirá pronto. Un bico. Como pronto imos ter aos inolvidables Helmut e Johanna, aos que lles mandamos un saúdo agarimoso.

É un pracer, unha honra e un luxo compartir un ano máis o vídeo, no que deixo moitas imaxes no caixón e no que pretendo pór cara aos verdadeiros protagonistas dos roteiros! Rir, falar, comer, camiñar, amar… diso se trata.

 

Ruta do val do río Aviouga

1 comentario sobre “Pico Sacro”

Deixar un comentario

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Scroll ao inicio