Pena de Francia. Dozón
Para iniciar a ruta temos que desprazarnos ata o concello de Dozón, situado na comarca do Deza, no interior da provincia de Pontevedra. Faremos unha ruta circular que nos levará ata o monte da Pena de Francia, que se eleva case ata os mil metros de altitude e permite ver unhas panorámicas da contorna moi boas.
Pero a ruta ten máis alicientes, como as corredoiras polas que camiñaremos, atravesando fermosísimas zonas de bosque moi ben conservado e zonas de prados e pasteiros atravesados por regos. Tamén veremos a igrexa do antigo mosteiro de San Pedro de Vilanova, pouco antes de rematar a ruta.
O percorrido non presenta moitas dificultades salvo a lama que poidamos atopar. Vai entre corredoiras, pistas e camiños. Iso si, temos que ter en conta a lonxitude do mesmo.
- Lonxitude: 20 km aproximadamente
- Dificultade: media
- Desnivel: medio
Comezamos a camiñar…
Primeira andaina organizada pola USC neste curso académico 2020/21, pero que polas restricións sanitarias nos obrigan a limitar o número de participantes pois, a pesar de ser unha actividade ao aire libre, hai que gardar medidas de seguridade tanto no transporte como na propia actividade, gardando as distancias entre nós.
Logo de deixarnos o bus e tomar un café repartidos entre os dous bares que hai abertos en O Castro, a capital municipal atravesada pola estrada N-525, ainda tivemos un pouco de tempo para percorrer o lugar, lugar de paso para os peregrinos que se dirixen a Santiago percorrendo a Vía da Prata, no que teñen un albergue á súa disposición. Logo, reunímonos no pequeno parque onde Víctor nos explica o percorrido e as normas que debemos seguir durante a travesía.
Nada máis comezar a camiñar, e situada tamén en O Castro, atopámonos coa Igrexa de San Salvador, que constitúe a única mostra do Neoclásico no concello, conservando a data no interior do teito: 1803. Chama a atención o baldaquino do campanario, de cantaría, presentando un balcón do mesmo material, estando o conxunto enmarcado por pináculos. O edificio conta con profusa decoración no seu exterior: esculturas, cruces de mármore, un reloxo de sol, e un bebedeiro que amosa un cráneo de pedra sobre el. Neste templo poden selar as súas credenciais de peregrinos os camiñantes a Santiago.
Logo dun pequeno treito por estrada, o percorrido vai principalmente por corredoiras e pistas entre paisaxes rurais ben conservadas, onde alternan as zonas de prados con pequenos bosques e tamén ribeiras e aldeas, con moitas casas habitadas, poucas restauradas pero con lugares moi fermosos. Así, partindo dende O Castro, cruzamos por Reboredo, Piñeiro, Moi ou O Mosteiro, onde nos agarda unha fermosa igrexa de sinxela construción, coa tipoloxía románica máis habitual nas parroquias rurais de Galicia.
De momento, o día está aguantando e non chove. En realidade, non chove tanto como parece. As anchas follas das árbores fan de eficaz paraugas, pero tamén de amplificador natural que fai supor que cae unha forte chuvieira cando, en realidade, non son máis ca unhas gotas.
Os vellos camiños e a súa contorna teñen un encanto especial: valados de pedra, sons relaxantes, vexetación frondosa, cambios de luz, vellos muíños… vamos, que se goza cada momento que transcorre por eles! e, por suposto, tamén se goza admirando a paisaxe, facendo algunhas fotografías ou charlando un pouco con algún gandeiro ou veciña con gañas de falar que cruzas polo camiño.
Ademáis o outono é o tempo dos regalos. Nos bosques de carballos e castiñeiros próximos ás aldeas maduran as landras e as castañas, que xa comezamos a pisar nalgún tramo; e tamén dos fungos, dos que xa vemos agromando algunha que outra lepiota nos prados así como algún boletus á beira do camiño polo que andamos. Pena de non andar a eles!
Esto non impide que nos atopemos con atropelos ao patrimonio etnográfico, como o hórreo emparedado que vemos ao paso pola aldea de Moi, que nos deixa atónitos. Hórreo incrustado, ladrillo, bloque, fachada cega de aluminio, canalón, teno todo… Unha barbaridade!
Ao sair de Moi, o tempo, máis ou menos soportable ata agora, non vai durar moito e no momento central da andaina a chuvia e a falta de visibilidade van provocar que desistamos de achegarnos ata a Pena de Francia, a 914 metros de altitude, onde se levanta unha das áreas recreativas e naturais máis destacadas deste concello, pero o mal tempo que nos coincidiu persiste e non invita a achegarse ata el. Segundo nos comentou Víctor, dende aquí nun día claro divísanse as montañas do Courel e Ancares, o Xistral ao norte, a Cova da Serpe…
Decidimos quedar na pequena ermida, que toma o nome do lugar no que se erixe a capela da Morena, a Virxe da Pena de Francia, que celebra a súa romaría o primeiro domingo de setembro. Aos pés desta ermida atópase a Carballeira do Rei, lugar onde os devotos da virxe celebran a festa o día da Romaría da Pena de Francia. A amplitude deste espazo fálanos da súa importancia, unha das romarías máis senlleiras da contorna, nun lugar perfectamente acondicionado que aproveitamos para repoñer forzas. A pesar de ter bancos e mesas de pedra, a gran maioría decidimos facelo de pé e sen moita pausa por mor de non arrefriarnos coa molladura, para continuar camiño de contado.
Facémolo por pistas sen moita dificultade e desnivel. Aínda nos queda por visitar un dos monumentos máis representativos de Dozón, para min unha auténtica sorpresa pois non o coñecía, a igrexa do Mosteiro de San Pedro de Vilanova, do S.XII. Cando chegamos ao lugar do Mosteiro, podemos intuir claramente que o nome proven do edificio que se sitúa na súa entrada, xunto a un camiño empedrado, que nos pon de relevo a monumentalidade do templo, cuxas pegadas son visibles hoxe en día nos muros dalgunha ds casas do lugar, posto que aproveitaron a pedra do desaparecido mosteiro, o cal foi abandonado coa desamortización de 1835, e nas que podemos observar escudos do mosteiro.
Nos seus comezos era un mosteiro feminino bieito do que hoxe só se conserva a igrexa románica case sen engadidos ou modificacións. Temos que destacar a conservación actual do campanario románico, e a ubicación deste chama a atención, xa que en lugar de estar na fachada principal, a occidental, encóntrase na parte norte, salientando tamén a profusa decoración exterior que non se encontra en todas as construccións deste estilo en solo galego.
Non queda moito para chegar ao Castro e, xa sen a compañía da chuvia, seguimos admirando a paixase dominada por grandes explotacións gandeiras, que semella ser a actividade económica principal deste concello.
Xa no Castro e logo dos estiramentos, ímonos tomar a merecida cervexa, e comentar a xornada que, fóra da chuvia e a pouca visibilidade que tivemos no momento central da camiñada, non estivo mal. A andaina, para ser a primeira actividade longa despois do parón do verán, non me pareceu esixente e moi recomendable para realizar. Haberá que volver a gozar das vistas con mellor tempo!