Pena de Fornos. Santalla de Bóveda

19-12-2015
Pena de Fornos. Santalla de Bóveda
Pena de Fornos. Santalla de Bóveda

Xa hai anos que visitamos o monumento de Santalla de Bóveda, un dos nosos tesouros histórico-artísticos que, curiosamente, non é moi coñecido. Iniciamos a xornada facendo a visita a este edificio de época tardo romana da man de don Nicandro Ares, membro correspondente da RAG e estudoso da toponimia galega que, a pesares da súa afonía, deleitounos cos seus coñecementos sobre o monumento. Moitas grazas por adicarnos a mañá deste sábado! Mágoa que tiñamos que ir camiñar, porque a súa exposición foi moi enriquecedora.

Santalla está próxima á vía romana XIX, no tramo que une Lucus Augusti con Iria. De planta rectangular, o espazo conta cunha pequena piscina no centro e bóveda de canón decorada con frescos de singular importancia, que aínda hoxe presenta dúbidas sobre a función desta cripta soterrada: lugar romano de baños, templo adicado á deusa romana Cibeles ou templo adicado a Prisciliano? Non obstante, trátase do testemuño material máis importante da relixión romana e do inicio do cristianismo en Galicia.

  • Lonxitude: 14 km aprox.
  • Desnivel: medio
  • Dificultade: media (a dificultade pode aumentar se hai lama nos camiños)

Logo de despedir a don Nicandro ao volante do seu Citroën (conduce con 90 anos!), iniciamos o itinerario que parte e remata na mesma aldea de Santalla. O percorrido vai por corredoiras e pistas entre paisaxes rurais ben conservados, onde alternan as zonas de prados con pequenos bosques e tamén ribeiras e aldeas, con moitas casas habitadas e moi ben restauradas (estamos a 16 km de Lugo). Así cruzamos por Cabanas, Vigo (cun conxunto protexido polo Plan Xeral de Lugo, e de visita case obrigada para os amantes da arquitectura tradicional agraria), Remesar ou San Pedro de Mera, presidida por unha igrexa de sinxela construción, coa tipoloxía barroca máis habitual nas parroquias rurais de Galicia.

Logo, continuamos a ruta ata o alto da Pena de Fornos, onde gozamos dunhas panorámicas moi boas da comarca luguesa. Inicialmente tiñamos pensado acadar tamén o cumio do Picato, pero o trazado da nova autovía non invita a achegarse ata el. Dende aquí divísanse as montañas do Courel e Ancares, o Xistral ao norte, a Cova da Serpe… e aos nosos pés a parroquia de Bacurín, parroquia senlleira do Camiño Primitivo a Santiago.

Bacurín é terra suavemente montañosa que se ven elevando cara a Pena dos Fornos. Atravesada polo río Mera, ten cantidade de fontes e regatos e está sucada por fermosos camiños, corredoiras e congostras que merecen ser andadas de vagar á sombra dos carballos e outras árbores que as protexen, pisando os mantos das súas follas secas neste final de outono tan espectacular!

Os camiños vellos e a sua contorna teñen un encanto especial: valados de pedra, sons relaxantes, vexetación frondosa, cambios de luz, … vamos, que se disfruta cada momento que transcorre por eles! e, por suposto, tamén para admirar a paisaxe, facer algunhas fotografías e charlar un pouco con algún gandeiro ou veciña que cruzas polo camiño.

A igrexa románica de Bacurín é un dos máis belos exemplos do románico rural galego. Situada nun lugar solitario, ao carón do pazo de San Miguel, ben conservada e construida probablemente a principios do s. XIII. Destacan a porta principal de tres arquivoltas sobre tres pares de columnas con capiteis de decoración vexetal, unha porta lateral de dobre arquivolta, con tímpano bilobulado e, sobre todo, a ábsida abovedada de dous tramos, recto e semicircular, cunha bela fiestra. No beiril do lousado da ábsida hai dezaseis canzorros románicos, lisos ou con decoracións vexetais e figuras de gran volume e boa calidade escultórica, algúns deles de forte feitío erótico.

Xa camiño de Santalla, cruzamos a aldea de Bacurín que se organiza ao redor do vello Camiño Primitivo que parte de Oviedo, coas súas casas de labranza e os seus airosos cabazos de pedra e madeira, que chaman a atención pola súas pequenas dimensións e estreitez.

Desexarvos unhas boas festas e que gocedes dos bos momentos dos roteiros, tanto ou máis ca min! Felices festas!!!

Ruta do val do río Aviouga

2 comentarios sobre “Pena de Fornos. Santalla de Bóveda”

  1. Todas espectaculares, pero as fotos do sacerdote e as dos tres perros pousando resultan especiais. Pero ¿onde están as fotos da igrexa de Bacurin?. Moitas cousas boas nestas festas, forte aperta

  2. anxeles glez.castiñeiras

    Fran, quero felicitarte por manter roteiros, con esas fotos e comentarios tan bos. Unha vez máis lamento non poder ir a esta ruta e perderme as explicacións de Don Nicandro, que comentaronme foron impresionantes; pero sempre me queda botarlle unha ollada o teu blog.
    Bo nadal e que o vindeiro ano nos depare boa saúde para seguir camiñando.

Deixar un comentario

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Scroll ao inicio