De Corme a Cabana de Bergantiños. Camiño dos Faros

12-12-2015
Complexo dunar do Monte Branco
Complexo dunar do Monte Branco

Seguimos coñecendo a nosa costa percorrendo o Camiño dos Faros. Nesta ocasión comezamos no porto de Corme e imos ata Cabana. O percorrido vai por zonas de alto interese paisaxístico como por exemplo o estuario do Anllóns, e pasa pola vila de Ponteceso.

O día foi perfecto para facer este tramo, pois regalounos unha espléndida temperatura, sen vento e con certo mar de fondo, o que nos permitiu gozar dunha espectacular andaina; andaina que ten dúas partes ben diferenciadas, unha primeira que nos leva moi preto da costa, para continuar, a partir da praia de Balarés, e xa ata o final da andaina, practicamente por sendeiro e sen apenas desnivel.

  • Lonxitude: 16 km aprox.
  • Desnivel: medio-baixo
  • Dificultade: media-alta

Antes de comezar a camiñar ainda tivemos tempo de dar unha volta pola vila e polo muelle, onde parei a falar cun xubilado, que seguro que se fixo vello andando ao mar desde neno, e que non para de achicar de auga o seu bote para gardalo durante o inverno, e penso, mentres fala, que é incrible que ainda teña que sair ao mar para compensar a pensión miserenta que debe ter…

Nesta andaina imos polas praias de Corme, Balarés e o seu piñeiral, onde xantamos, Monte Branco e todo o esteiro do Anllóns ata chegar a Ponteceso. Só queda cruzar a ponte do Anllóns e, xa no concello de Cabana de Bergantiños, ir pola outra beira ata A Carballa, onde se encontra a capital municipal, final do percorrido de hoxe.

A parte inicial da ruta ten unha dificultade a considerar, vai por un sendeiro cerca do mar, e hai puntos concretos que esixen ter certa destreza, habilidade e equilibrio. Ata o rochedo de Balarés imos por unha costa moi batida. Natureza en estado puro. Fascíname a forza do mar e o seu poder, o fermoso movemento das ondas e a luz hipnótica bailando sobre elas. As vistas panorámicas que temos da ría de Corme-Laxe son sorprendentes dende o Monte da Facha, polo que ben merece facer unha parada neste punto para repoñer forzas e desfrutar do día.

Iniciamos a baixada camiño da praia de Balarés, xa no interior da ría e cun coidado piñeiral que rodea o arenal, o lugar perfecto para realizar un descanso no noso camiño! Balarés foi sede dunha esgotada mina de titanio e porto de saída deste mineral, e do wolframio do cercano monte Neme, e tamén para o contrabando, tal como nos conta o historiador Luís Giadás.

A partires de aquí, o camiño suavízase e imos practicamente por sendeiro pois estamos na antesala do Monte Branco, onde apreciamos un cambio de paisaxe radical, no que a area é a protagonista.

Pasamos pola aba do monte e observamos un campo de dunas móbiles, xerado conxuntamente pola acción do mar e polos depósitos do río Anllóns, formándose unha espectacular frecha na súa desembocadura, producindo non só un sistema dunar ben marcado, senón tamén todo o corolario botánico característico destas formacións, que serven ao mesmo tempo de singular reducto ornítico.

Pola súa espectacularidade destacan as grandes matas de feo da praia (Ammophila arenaria), que medran nas cimas das dunas, e que contribúen en gran medida a sustentar o solo e permitir asi que outras especies poidan vivir nelas.

Todo o conxunto ten no cumio do Monte Branco, o seu balcón natural, dende onde se pode gozar dunha feiticeira panorámica.

O percorrido continúa bordeando a enseada, onde atopamos un observatorio ornitolóxico case enfronte da illa dos Cagallóns, dende temos unha fermosa vista do esteiro, un lugar de alto valor ecolóxico declarado Zona de Especial Protección para as Aves (ZEPA) da Costa da Morte Norte e LIC da Rede Natura 2000. Aquí atopan refuxio e alimento numerosas aves acuáticas, autóctonas e migratorias, especialmente limícolas e algunhas en perigo de extención como a píllara das dunas.

O último tramo antes de chegar á vila de Pondal (… eu nacín cabo de pinal espeso, eu nacín na pequena Ponte-Ceso), facémolo seguindo o dique de terra que separa a ancha canle das marismas que desde comezos do s. XIX e ata finais dos anos 80 do século pasado foron productivas terras de cultivo (millo), e continuamos polo paseo fluvial e polo malecón ata chegar á casa natal do poeta.

Desde aquí, cruzamos a ponte do Anllóns para continuar explorando a costa no último tramo da ruta, xa no concello de Cabana, o que nos permite ir vendo gran parte do camiño andado nun atardecer de invernía que é un regalo. Ainda tiven tempo de mercar uns roxóns ao final da ruta, na Carballa… estaban que nin diola!

Nas últimas rutas estivemos acompañados por Suso Campaña, un mozo ribeirán que estivo a realizar connosco as prácticas correspondentes ao ciclo de Actividades Físicas e Deportivas de Formación Profesional, que está a cursar. Dende a primeira ruta, o seu bon facer estivo presente así como a súa amabilidade e atención, especialmente con aqueles/as sendeiristas que máis o precisaban (entre os que me inclúo), polo que rapidamente se integrou no grupo e todos e todas nos sentimos moi cómodos coa súa presenza. Neste tempo estivemos moi contentos coa participación de Suso, tanto polo seu carácter como pola súa capacidade profesional, polo que quero nestas liñas amosar a gratitude de todos nós e desexarlle un gran futuro como técnico nesta actividade. Moitas grazas Suso e moita sorte!

Fontes:

MÍGUEZ RODRÍGUEZ, Luis J., Concepción González e Óscar García Álvarez. Guía ecolóxica do litoral galego. Vigo : Xerais, 1996. 390 p. ISBN 84-7507-973-3.

Camiño dos Faros  [consultado 10 de decembro 2015]. Dispoñible en: http://www.caminodosfaros.com/

Ruta do val do río Aviouga

3 comentarios sobre “De Corme a Cabana de Bergantiños. Camiño dos Faros”

    1. Grazas Pilar. O día axudou moito para que sairan as fotos ben, pois estou moi contento dalgunha que fixen.
      Bicos

  1. Pagaría a pena que algún día se pubricasen estes os teus roteiros, non caben descricións máis fermosas e expresivas desta terra e as súas xentes. Forte aperta

Deixar un comentario

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Scroll ao inicio