Ruta polo Parque Natural de Fragas do Eume
Desprazámonos desta vez ata As Neves, capital municipal do concello da Capela, para facer unha das rutas que paga a pena facer en Galicia, pois ímonos adentrar no Parque Natural das Fragas do Eume, declarado Parque Natural en 1997 e que constitúe a mellor representación do bosque Atlántico Termófilo de toda a Europa Atlántica tanto pola súa extensión como pola conservación… a pesares do incedio que o atacou en abril de 2012.
- Lonxitude: 15 km aprox.
- Desnivel: medio (forte nalgúns puntos)
- Dificultade:media-alta
A ruta polo Parque Natural do Eume iniciámola na parte alta, preto de As Neves, dirixíndonos, antes de adentrarnos no parque, ata o Fontardión, o punto máis alto da nosa andaina e ten unhas amplas vistas pois, a pesares de que o día non era nada limpo, acertamos a ver a ría de Ares, as Pontes ou Meirama coas súas chemineas funcionando.
Dende o Fontardión fomos cara ao Mirador de de Teixido na parte alta do canón do Eume, dende onde temos unha fermosa panorámica do encoro, da presa do Eume, o seu canón e a zona de escalada. Xa estamos contemplando a zona de reserva do parque.
Logo de deixar o mirador, pouco a pouco imos baixando cara ao río, primeiro pasando pola aldea de Teixido e logo, como hai que salvar un forte desnivel, baixando en zig zag ata a vella central da Ventureira, polo que hai que tomalo con calma. Ata nos cruzamos cun grupo familiar de sendeiristas que ían botando os fígados, porque a pendente é das boas! Uns diciamoslle Veña que non queda nada de subida! e outros, veña que aínda queda o peor!… deberon de acabar de nós ata os miolos.
Decidimos facer o descanso nas ruinas da parte alta da antiga central, sobre o muro da canle pois non había moito máis espazo, e ata impresionaba o desnivel que había, anque non acertabas a ver o fondo do val, polo mesto que estaba todo.
Continuamos co descenso en zig zag e unha vez abaixo, ao pé da vella central (unha boa mostra de arqueoloxía industrial, por certo), cruzamos a ponte e seguimos o curso do río pola súa marxe esquerda por un fermoso tramo duns 3,5 km, que hai que facer con coidado polo esbaradizo do terreo xa que a humidade é moi alta; pasamos pola Central hidroeléctrica do Eume, a minicentral hidroeléctrica do Parrote, un lugar agradable onde poder pararse a tomar forzas. O camiño transcorre por unha típica senda de pescadores ata desembocar nunha pista ancha de terra que nos leva ata a ponte de Santa Cristina; ao chegar aquí intuimos que o mosteiro está cheo de visitantes pois a zona está ateigada de coches. Cruzamos a ponte e tomamos o empinado camiño de chapacuña para poder visitar o mosteiro de san Xoán de Caaveiro.
O mosteiro está situado nun promontorio entre os ríos Eume e Sesín, e cada vez que veño impresióname moito a súa ubicación, aproveitando a última luz do día no val, o seu gran adro de entrada de forma alongada, a escalinata que dá acceso, a gran torre barroca, a ábsida románica da igrexa á dereita… e no medio dunha impresionante fraga!
“Conta a lenda que unha chuviosa mañá de inverno en Caaveiro, San Rosendo levantouse e vendo o mal día que facía queixouse contrariado. Ao momento decatouse do seu pecado xa que o tempo era vontade divina. Decidiu tirar ao río Eume o seu anel episcopal como penitencia. Sete anos despois, mentres o cociñeiro de Caaveiro preparaba o xantar para os monxes, abriu un salmón e, dentro dos intestinos do peixe, atopou o anel de San Rosendo. Rapidamente comunicoullo ao bispo, quen dando grazas a deus deuse conta de que o seu pecado fora redimido”.
O día acompañou e o mosteiro estaba ateigado de xente, polo que non enredamos moito nel. Despois duns quince minutos para repoñer forzas, iniciamos a forte subida que hai ata a ponte da Mazoca, preto das Neves, onde rematamos a ruta. Aínda quedou tempo de marabillarnos dende este outeiro da fermosa ubicación do mosteiro, xa coa luz do día apagándose polo oeste.
P.S. Nestas últimas rutas está vindo con nós un rapaz de Ribeira, o Suso, que está facendo prácticas de monitor de actividades ao aire libre, un home ben espabilado que, coido que vai ser un magnífico profesional. Parabéns polo bo facer Suso!
Precioso pero e as Cores do outono onde estan? Parece primavera!!
Tés razón, as cores do outono na fraga xa case se esvaeceron; ademais tivemos moi bo día, pero moi malo para facer fotos, pois levamos o sol de fronte durante toda a andaina. Bicos