De Viavélez a Tapia de Casariego
O ano pasado fixemos dúas rutas na zona de Navia e unha delas rematámola en Viavélez. Nesta ocasión voltamos para continuar percorrendo a costa asturiana cara o oeste, dende Viavélez ata Ribadeo, ocasión de volver e continuar a facer esta impresionante senda costeira. Haberá que seguir percorrendo esta costa cara o leste desde Navia!
- Lonxitude da ruta: 19 km aprox.
- Desnivel: medio-baixo.
- Dificultade: media (pola lonxitude. Os camiños son bos)
- mide Viavélez a Tapia [pdf – 85 kb] [Actualizado: 27/5/14]
Este sábado fixemos o tramo entre os portos de Viavélez, no concello de El Franco, e Tapia de Casariego. Aloxámonos no Hotel San Antón, en Tapia, en réxime de media pensión: a atención, as instalacións e o almorzo moi ben, anque a cea un pouco escasa. Recomendable.
Antes de iniciar a ruta paramos en La Caridad para estirar un pouco as pernas e tomar un café. Xusto ao baixar do autocar topeime co sinal do Camiño de Santiago, o que me lembrou que estabamos no final do tramo asturiano do Camiño da costa, ou do norte, antes de entrar en Galicia.
Despois dunha viaxe dende Santiago sen para de chover, o que presaxiaba unha andaina pasada por auga, comezamos no mesmo porto de Viavélez, ao principio subindo ao mirador sobre este fermoso porto pesqueiro, onde hai bancos e mesas de pedra (como en moitos lugares da ruta), e logo xa percorrendo toda a costa pasando por praias, cantís e algunha zona máis interior. O día portouse, e foi abrindo dende os primeiros momentos, o que nos permitiu desfrutar do alto valor paisaxístico e natural que ten esta ruta.
Para min, un dos puntos máis importantes e fermosos desta ruta é o Cabo Blanco, no que se asenta un castro costeiro. Neste lugar os fosos para defensa do castro son impresionantes e de grande valor histórico.
Sobre a costa occidental asturiana e oriental galega distribúense un conxunto notable de asentamentos castrexos que tomaron como localización preferente penínsulas e frontes de cantís con amplo dominio visual, tanto sobre o horizonte mariño como sobre a rasa continental. Todos eles están moi fortificados, con sucesivas liñas de fosos e parapetos que protexen o flanco aberto cara a terra.
O castro de Cabo Blanco é pola súa extensión o máis importante da comarca e un dos máis destacados de Asturias. En orixe, o espazo protexido limitábase ao estreito brazo de terra que constitúe o cabo, para co tempo, probablemente en época romana, extenderse sobre o continente, conformando así un vasto recinto defendido por un parapeto de dimensións monumentais que, nos tramos que aínda se conservan, superan os 6 m de altura.
Tras o foso discurre o camiño directo de acceso ao castro, ubicado no lugar máis septentrional do cabo. O Castro ocupa este promontorio dende onde se ofrecen moi boas panorámicas da costa occidental asturiana. Un lugar máxico e impresionante!
Tras a visita, que fixemos con moita calma, continuamos ata o promontorio de Campo Redondo onde se ubica unha placa con toda a descrición do castro do Cabo Blanco que asoma cara ao leste. Seguimos camiñando sen apenas esforzo pola rasa costeira e subimos lixeiramente ata onde se emplaza o vértice xeodésico de La Atalaya.
A praia e a enseada de Porcía (nela o ano pasado demos por rematada a estadía desfrutando dun baño e un paseo polo areal) é outro dos sitios nos que paga a pena pasalo con calma, o que aproveitamos para xantar no merendeiro instalado sobre a praia, pero Suso e mais eu decidimos baixar ata a area para admirar a súa fermosura, pero a marea estaba subindo e non nos arriscamos a cruzala, por se quedabamos aillados, xantando ao pé das escaleiras de acceso. Como comentara o ano pasado, a praia ten nunha posición central un resalte aplanado denominado A Pedra Imán por crerse que atrae as descargas eléctricas durante as treboadas. Desde a praia son visibles restos do embarcadeiro de mineral de ferro e diversos norays nas rochas para amarre dos barcos.
De novo na ruta, imos cara ao interior introducíndonos nun ambiente marcadamente rural, ademais de pasar polos restos das minas romanas de Salave, explotación a ceo aberto. Estamos en zona mineira e non é de estranar a cantidade de carteis e pintadas que atopamos en contra da mina de ouro, como o do noso Corcoesto, vamos!
Retomamos despois o perfil costeiro en dirección oeste, e imos contémplando unha fermosa paisaxe mariña con multitude de calas que se estende xa ata Tapia de Casariego.
Só nos queda chegar a Tapia, que nos recibe con chuvia, pero que desaparece definitivamente no momento en que accedemos ao seu fermoso porto pesqueiro, que cruzamos camiño do hotel, onde demos por rematada a ruta.
Despois de instalarnos, e antes de cear, aínda houbo quen decidiu darse un baño na praia de Tapia, mentres outros decidimos dar un paseo pola vila e mollarnos por dentro cuns culines de sidra. Logo da cea, como nos soubo a pouco o paseo aínda fomos dar outro pola vila ata o porto, aproveitando unha noite ben fermosa e pechar un día completo. Que sorte estamos tendo co tempo!
Ver De Viavélez a Tapia de Casariego nun mapa máis grande