De Tapia de Casariego a Ribadeo
Continuamos este día percorrendo a rasa litoral bordeando o mar ata chegar á ría de Ribadeo. Comezamos no mesmo núcleo urbano de Tapia (que leva engadido o nome de Casariego dende 1916 na honra do primeiro Marqués de Casariego que, ademáis de benefactor, deulle entidade municipal), e o itinerario vai pola fermosa liña costeira en dirección Oeste, cara a Ribadeo, onde chegamos logo de cruzar a Ponte dos Santos o que permite ter unha curiosa perspectiva da ría do Eo e a súa desembocadura.
- Lonxitude da ruta: 18 km aprox.
- Desnivel: medio-baixo.
- Dificultade: media (pola lonxitude)
- mide Tapia a Ribadeo [pdf – 84 kb][Actualizado: 27/5/14]
Domingo, sete da mañá. Todo o mundo durme agás Suso e mais eu, que decidimos ir dar unha volta polo entorno do porto antes do almorzo, programado para as 8:30. A decisión non puido ser máis acaída: a vila, e sobre todo o porto de Tapia para nós os dous! agardándonos os distintos matices de azuis, o murmurio do mar, o sinal dos faros, a luz do amencer… Nesta mañá espléndida chegamos ata o Faro Isla de Tapia e o Muelle de Fóra tendo toda a vila de Tapia fronte a nós… había ben tempo que non me erguía tan cedo para contemplar unhas augas e unhas paisaxes tan limpas, tirando de cámara e de móbil querendo atesourar esas imaxes impagables que quedan na mente (creo que fixen máis fotos que durante toda a ruta!).
Despois do almorzar moi ben e de deixar o hotel, comezamos a camiñar polo paseo marítimo de Tapia de Casariego sobre as praias de Ribeiría, das Furadas, de Maleguas e bordeando a praia e o esteiro de Campos, imos polo tramo final (ou de comezo) da chamada “Senda Costera, GR.E-9”, que remata en Figueras (ou Castropol ou Vegadeo), pero que nós adaptamos ata Ribadeo.
Seguimos camiñando por espazos de alto nivel medioambiental e de singularidade cultural, que notamos por exemplo na orixinalidade dos seus hórreos nesta terra de transición, ou na fala dos seus habitantes. Hai que primar os sentidos, percibindo o rumor do mar, o canto do paspallás (grazas Chus!), o ciclo da terra, coas impresionantes estensións de plantacións de millo para forraxe. Seica os primeiros cultivos de millo en Europa tras a súa chegada de América, se ensaiaron aquí cara ao 1604 e, como en Galicia, foi decisiva a súa aportación á dieta campesiña xunto coa pataca.
Os camiños en xeral son cómodos e case non hai desnivel. A paisaxe volve a xogar un papel importante ao longo do percorrido. Imos por pistas de concentración parcelaria acondicionadas e sinalizadas ata o desvío a Punta Picón, onde se encontra un punto de observación, pero nós continuamos avanzando, pasando por diante da ermita de San Lorenzo, e divisar dende a súa atalaia a fermosa praia de Penarronda, entre os concellos de Castropol e Tapia, unha das praias máis extensas, 600 m, e fermosas do occidente asturiano.
Ao pé da praia Víctor tíñanos preparada unha pequena sorpresa, pois íamos moi ben de tempo e decidiu facer un descanso nela o que aproveitamos para percorrela, mollar os pés e disfrutar do areal. Ao reiniciar a andaina colleunos unha pequena chuvieira e tamén un par de peregrinas a Santiago despistadas que viñan desde Muros de Nalón, que nos deixaron unha vez atoparon de novo os sinais da ruta xacobea da costa.
Xa no tramo final da ruta, pola Campa de Arnao continuamos polo camiño que bordea a Área Recreativa (non deixan de soar os disparos de escopeta do campo de tiro!), e imos bordeando a enseada Lagosteiro ata chegar e acceder ao Faro de La Cruz, desde onde temos unhas vistas fermosísimas da ría do Eo desembocando ao mar. E que mellor lugar que este para facernos a foto de grupo!
Desde aquí volvemos a sair ao camiño para continuar por unha pista que nos conducirá ata a área recreativa de Campa Arnao, lugar onde aproveitamos para descansar e xantar, tendo en fronte o faro de Ribadeo na Illa Pancha.
Quédanos a traca final da andaina: os 600 m da Ponte dos Santos, punto panorámico que permite unha vista da ría do Eo única e incomparable. Cruzámola en dous grupos, pois uns optaron facelo pola dereita e ir vendo a desembocadura do Eo no mar, illa Pancha… e outros decidimos a esquerda da ponte para ir vendo o interior da ría: Figueras, de marcada vocación naval, a máis alonxada Castropol, Ribadeo, a altura da ponte…
Xa en Ribadeo agardábanos o bus, pero antes de subir a el, fun co Suso ata o pequeno porto pesqueiro, onde tivemos a oportunidade de marabillarnos coa pequena embarcación de pasaxe da ría. A conversa coa patroa do barco fixo que nos retrasáramos e que estiveran agardando por nós no bus…
Mágoa ter que marchar tras esta fantástica fin de semana!
Ver De Tapia de Casariego a Ribadeo nun mapa máis grande
Creo que foron dúas rutas moi boas. A costa asturiana é dunha extraordinaria beleza (case tanta como a nosa 🙂 )
As túas fotos Fran, son boísimas (unha vez máis). Grazas ¡
Estamos case no remate do curso.¡ Carafio ¡ Qué rápido pasou !
Se queredes vémonos mañán polo Ulla adiante..¡