De Olveiroa a Ézaro

21-04-2012
De Olveiroa a Ézaro
19 quilómetros de lonxitude. Este é o treito da ruta de sendeirismo a discorrer nunha fermosa zona do país, entre Olveiroa e Ézaro, en terras do Xallas.
  • Lonxitude da ruta: 19  km aprox.
  • Desnivel: medio (sobre todo de baixada)
  • Dificultade: media (en xeral os camiños son bós)

A ruta comeza en Olveiroa, parroquia do concello de Dumbría. É esta aldea un lugar de paso obrigado para os peregrinos que se dirixen cara a Fisterra e Muxía. O lugar é moi interesante pois conserva o aspecto das aldeas galegas, con rueiros apretados e corredoiras entre casas de mampostería, nas que se fixeron importantes traballos de restauración así coma nos hórreos. É destacable tamén a igrexa de Santiago, de finais do s. XII. Pudemos observar tanto aquí, como noutras aldeas polas que pasamos, un importantísimo elemento etnográfico pouco coñecido: as lacenas que nos trasladan ao modo que tiñan de cultivar o mel.

As lacenas son bastante frecuentes nesta zona, mesmo en Olveiroa hai boas mostras. As lacenas son uns ocos nas paredes interiores das casas onde as abellas facían o mel, como se fosen colmeas. Estes ocos tiñan o acceso pola parte exterior da casa (como amoso en varias fotos), que identificaremos polo burato que hai na fachada que é o acceso das abellas á lacena. Outro elemento característico é o pousadoiro para as abellas, algún moi traballado e, finalmente, o teito que non sempre aparece. Polo que se ve, era frecuente que houbera certa convicencia entre as abellas e os moradores das casas, cousa que hoxe en día resulta impensable.

Durante gran parte do itinerario temos como referencia o río Xallas e os seus encoros, aínda que nós, camiñamos por zonas altas, entre muíños de vento, avanzando pola ladeira da montaña cunhas vistas incribles do Xallas, que flúe encaixado por unha mesta vexetación. Outro elemento importante que nos axuda a guiarnos é o maxestuoso Monte Pindo, que podemos observar ao lonxe, ao principio da xornada un pouco tapado polas nubes pero logo acompañándonos con todo o seu esplendor.

O percorrido fixémolo por lugares fermosos e sitios de gran interés; na parroquia de Buxantes atopámonos coa Pedra Brazal, impresionante, curioso e diría que descoñecido fenómeno da Natureza, na que se manteñen dúas enormes rochas nun imposible equilibrio. Outro momento bonito do día foi o paso pola aldea de Xestosa, na que algúns aproveitaron o reparto do panadeiro para mercar pan para o xantar ( ou para traer para Santiago). Un pouco máis de camiño e xa chega o momento de comer e descansar un pouco, antes de enfrontarnos ao punto máis alto da ruta, que o acadamos nos

Montes de Buxantes, a case 500 m de altura. Dende aquí a paisaxe cambia radicalmente: temos frente a nós o mar, o cabo de Fisterra e a ría de Corcubión…. Comentábame Xerardo que era a quinta vez que viña camiñar por estas terras e nunca pudo disfrutar das vistas, pois sempre lle coincidiu con néboas ou chuvia… pois desta vez tivo premio!

 Só nos queda descender ata O Ézaro, onde rematamos a xornada disfrutando e observando a súa famosa fervenza, un dos lugareses máis fermosos da Galicia costeira. O río

Xallas nace no monte Castelo (Coristanco), discorrendo polos concellos de Coristanco, Santa Comba, A Baña, Zas, e formando límite entre Mazaricos, Carnota e Dumbría. Finalmente, desemboca na enseada do Ézaro, precipitándoase ao mar en forma de fervenza desde 40 m de altura (único en Europa), dando lugar a unha enseada encanonada polo Monte Pindo. Por desgraza a construcción da presa de Santa Uxía permite ver o salto de auga moi minguado. Debido ao enorme interese turístico que suscita, desde abril de 2011 xa se pode ver todos os días, sen necesidade de estar pendente do calendario de aperturas programado para os meses de verán e determinados días festivos ao ano. Ademais, o encoro solta agora un caudal ecolóxico próximo aos dous metros cúbicos por segundo.

Hoxe quero rematar o post cunha novidade que incorporarei a partir de agora, e suxerida por Antonio Aguilera, de destacar o positivo e o negativo de cada ruta. Anímovos para que me propoñades elementos positivos e nagativos das rutas. Nesta, en concreto, teño moitos destaques positivos (chuvia, Olveiroa, Pedra Brazal, fervenza…), e non sei por cal decantarme, pero sí teño claro o negativo, para que quede a modo de denuncia: Os cabalos que vimos polos

montes de Buxantes camiñando cunha tranca (ou cepo) atada a unha das patas, coa finalidade de reducir a súa mobilidade e que, polo xeral, lles provoca grandes feridas. Nas constantes saídas ao monte nunca o vira. Hai que con seguir que se deixe de torturar, dunha vez por todas, aos cabalos que viven nos nosos montes.

 


Ver De Olveiroa a O Ézaro nun mapa máis grande

Ruta do val do río Aviouga

5 comentarios sobre “De Olveiroa a Ézaro”

  1. Fran, aínda non secaron as miñas botas e ti xa colgaches esta estupenda reportaxe..¡ Así da gusto.

    Sobre o tema dos cabalos: non hai palabras. Hai unha ONG que está levando estes temas en Galicia. Ti lles envías as fotos como proba gráfica do asunto e eles encárganse de facer os trámites da denuncia.

    Outro tema, dende o meu punto de vista indignante, é o dos residuos da fábrica de carburo de Cee. Van espallando esa escoria por todas partes. Xa o vimos o curso pasado na ruta de Lira a Carnota, este mesmo curso na ruta que fixemos por Fisterra e o sábado en Dumbria. Como se pode actuar con tal impunidade? Eses residuos, sexan nocivos ou non, teñen que ter un tratamento axeitado.

    Vémonos nas vindeiras rutas, se vos parece¡¡ (Eu vou seguro )

    1. Claro! O tema é que non teño ningunha foto do sábado con esta terrible imaxe que poder mandarlles. Suso comentoume que tiña un par delas, que me enviará, nas que se aprecia un pouco e, incluso, díxome que o fermoso caballo que poño na foto do blog cando foi contigo tamén tiña unha cadea atada entre as patas.
      Con respecto aos resíduos non sei quen comentou que aínda era máis vergoñento o tema, pois creo que a fábrica llos vendía a propio ministerio de Villar Mir para botalos polos camiños…. e anque non sexan nocivos e incluso bonitos pola súa cor, non deixan de ser resíduos.
      Vémonos o xoves. Apertas.
      Acaba de mandarme Suso un par de fotos disto que falamos.

  2. Rocío Ramos

    Son unas fotos increiblemente bonitas, Fran. Te superas a cada paso que damos. Bicos e ata o xoves

  3. Toni Ibañez

    Hola Fran, bonita ruta, onde estabas metido jeje. Mira que hay cousas fermosas o noso redor. A lástima é que sempre nos atopamos con algunha historia penosa en contra da nosa natureza. Estamos contigo na denuncia que fas na entrada.
    Un abrazo, vémonos no camiño

    1. Grazas Toni. Pois no que levamos de mes só fixen esta ruta, pero pagou a pena!
      Grazas e… vémonos no camiño!

Deixar un comentario

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Scroll ao inicio