De La Iruela a Cazorla. Ruta do Río Cerezuelo

17-05-2023

Saímos camiñando dende La Iruela, un pobo moi fermoso que ten un bo estado de conservación. Nel podemos ver típicas mostras de arquitectura tradicional e aproveitamos para visitar o seu castelo. Logo da visita, seguimos camiñando ata chegar a Cazorla onde faremos un percorrido polo pobo que nos leva á praza de Santa María, onde se atopa a oficina de turismo. Aquí fixemos unha visita guiada moi interesante na que nos contan a curiosa historia da igrexa de Santa María.

Ao rematar a visita faremos a ruta de sendeirismo do río Cerezuelo (5 km), un percorrido circular polos arredores de Cazorla no que gozaremos de diferentes paisaxes. A ruta polo río ten algún tramo incómodo pola beira do río e algún de certo desnivel. Rematamos novamente en Cazorla.

MIDE

  • Horario: 2:55 h.
  • Desnivel de subida: 420
  • Desnivel de baixada: 500
  • Distancia horizontal: 8 km
  • Tipo de percorrido: Travesía
  • Severidade do medio natural: 2
  • Orientación no itinerario: 2
  • Dificultade no desprazamento: 2
  • Cantidade de esforzo necesario: 2
  • Dificultade: Media

Comezamos a camiñar…

A ruta de hoxe é unha mixtura de carácter cultural pois, ademais de percorrer os núcleos de La Iruela e de Cazorla, tamén visitaremos, xa pola tarde, Oleotour Cazorla, un novo concepto de turismo sostible, no que participaremos en actividades relacionadas coa oliveira e o aceite de oliva. Pero tamén ten o seu lado de exercicio físico coa pequena, pero intensa, ruta polo río Cerezuelo.

Saímos do hotel onde estamos aloxados en La Iruela e dende onde temos unha fermosa vista de todo o val sementado de oliveirais e onde destaca a presenza das ruínas do Castelo de La Iruela. Logo dun pequeno treito pola estrada, iniciamos a subida cara ao pobo, que se carácteriza pola cor branca das súas casas, ata que chegamos á Fuente del Molino, unha fonte monumental con catro canos, realizada en 1870. Neste punto desviámonos da rúa principal que atravesa lonxitudinalmente o pobo e iniciamos a subida cara ao castelo, que abre as súas portas a partir das dez da mañá.

Grandes extensións de oliveirais dominan a paisaxe
La Iruela
Fuente del Molino

Xa dentro, e antes de percorrer o castelo, o guía explícanos o que nos imos encontrar no interior do recinto. Primeiramente, as ruínas da Igrexa de San Domingos, mandada a construír no século XVI baixo a orde de don Francisco de los Cobos e na honra ao patrón de La Iruela, San Domingos de Silos. A igrexa denota trazas do inconfundible estilo de Vandelvira, que veremos na igrexa de Santa María de Cazorla.

O Castelo, de reducidas dimensións, é dunha beleza singular, pois está situado na parte superior dunha gran pena, desde onde se poden gozar das impresionantes vistas tanto da localidade como do territorio próximo. Dende a torre da homenaxe, o elemento máis destacado de todo o conxunto, podemos apreciar mellor a localidade e a paisaxe que a rodea. Tras unha restauración no recinto do castelo no século pasado, construíuse un teatro ao aire libre similar aos teatros gregos clásicos, onde levar a cabo actividades artísticas e culturais.

Torre da Homenaxe
Vistas de La Iruela dende o castelo
Cruzando La Iruela, camiño de Cazorla

Deixamos o castelo e emprendemos camiño cara a Cazorla, cruzando o núcleo urbano de La Iruela por empinadas e estreitas rúas, pequenas casas brancas e balconadas con macetas e parras. Fermosa a Casa Consistorial, un magnífico edificio de estilo mudéxar toledano que nos fala do poderío que tivo a vila nos séculos XVI e XVII. Paisaxe característica é a fusión entre oliveiral e piñeiral. Unha fermosura!

O camiño ata Cazorla é un paseo pois faise todo costa abaixo e, case sen decatarnos, entramos polo alto de Cazorla ata a praza Corredera e, de aí, ao Balcón de Zabaleta, un miradoiro cunha panorámica fermosa da vila de Cazorla. Nestas rúas estreitas convivimos cos coches, polo que máis dunha vez temos que pegar o cú ás paredes das casas, ata que chegamos á praza de Santa María.

Atendendo as explicacións de Alba na igrexa de Santa María
Pinturas no interior dunha das torres da igrexa
A igrexa, de dimensións monumentais, nunca chegou a rematarse
Accedendo ao túnel do río Cerezuelo

No recinto da igrexa de Santa María agárdanos Alba, técnica da Oficina de Turismo ubicada na mesma igrexa, que nos conta magníficamente a historia da creación deste templo (edificado sobre o río Cerezuelo, o que obrigou a canalizalo previamente), así como das ruínas da igrexa, pois foi un edificio que dende o seu inicio xa estivo sinalado como ruína, xa que nunca se rematou; visitamos o Centro Temático de Especies Ameazadas, que nos achegou aos ecosistemas máis representativos de Andalucía e á situación dalgunhas das súas especies máis emblemáticas, como o alimoche e o quebraosos, e o túnel do río Cerezuelo, un percorrido subterráneo baixo a igrexa e parte da vila que chama a atención pola magnitude da obra.

Achegámonos de novo ata a igrexa e descansamos un pouco. Neste momento o recinto xa está ateigado de xente e eu aproveito para admirar os frescos e subir á torre onde se atopa a Oficina de Turismo, cuns chanzos un tanto incómodos, pero que compensa polas estupendas vistas que hai da vila de Cazorla.

Ruta do Río Cerezuelo

Preparámonos e dirixímonos ata o punto de partida do percorrido circular polo río Cerezuelo (SL-A 266), un sendeiro que sube e baixa sorteando o cauce do río, cruzándoo ás veces, baixo a sombra de grandes nogueiras, chopos, figueiras… chámanos moito a atención a gran cantidade de figueiras que hai por estas terras.

No percorrido polo río hai unha sucesión de pozas que invitan ao baño, pero tamén se embarranca e precipítase por pequenas fervenzas. Subimos por uns chanzos excavados na rocha ata chegar ao inicio do desnivel, antiga zona de captación onde comeza a canle que dirixe a auga á pequena central eléctrica que hai río abaixo á entrada da vila.

Cruzamos de novo o río, fixémolo ata cinco veces a través de pontes de madeira, ata chegarmos a unha bifurcación, próxima ao antigo muíño de Tíscar. Tomamos o camiño da dereita e comezamos a subir. Temos uns trescentos metros de subida por un camiño pedregoso, pero cunhas impresionantes vistas dos arredores de Cazorla para acadar o punto máis alto do percorrido. A calor aquí comeza a apretar. Menuda subida… e menudas vistas!

A forte pendente fai que enseguida gañemos altitude, sempre nun ambiente moi frondoso, entre casas, hortas e chalés, enlazando diversos camiños. Continuamos ata chegarmos a unha caleira baixo unha montaña rochosa, onde podemos observar un panel explicativo sobre a extracción do cal e da conversión da pedra caliza en cal. Uns metros máis adiante o camiño pasa á beira da Fervenza de la Malena, onde a auga cae dende o alto da montaña, pero hoxe a fervenza non é nada espectacular pois só nos deleita cun plácido son de pingueiras constantes sobre a pequena charca formada na base.

Acadando o punto máis alto do percorrido
As vistas sobre Cazorla son espectaculares
Fervenza de la Malena

Continuamos por un sendeiro ben definido no que, máis adiante, vemos que hai unha bifurcación que sube, á esquerda, en dirección ao Castelo das Cinco Esquinas, ou de Salvatierra, unha fortaleza asentada nun cerro rochoso que se pode contemplar desde a maioría de rincóns de Cazorla. Nós continuamos polo da dereita cara ao outro castelo que domina a vila, o da Yedra.

Camiñamos a media ladeira e imos superando unha zona cercada, unha alberca de auga e tramos de barranco pola dereita, ata que chegamos a unha última bifurcación. Unha bifurcación que indica que para chegar ao castelo da Yedra hai que tomar o da dereita, comezando o descenso por un sendeiro pedregoso, algo complicado e esvaradío, polo que hai que tomalo con moita calma e con sentidiño para evitar algunha posible cuada.

Camiñando a media ladeira na última parte do percorrido
Iniciando o descenso cara ao castelo de Yedra
Na baixada, imos tendo o castelo á fronte
Superado o castelo, ímonos adentrando na vila

Pouco a pouco imos chegando ao castelo onde nos reagrupamos. O castelo acolle o Museo de Artes y Costumbre Populares del Alto Guadalquivir, que a estas horas está pechado. Son horas de xantar e este é un posible lugar para facelo, pero decidimos continuar co descenso e aproveitarnos da hostalaría de Cazorla e tapear algún plato típico. A min encantoume o rin-ran acompañado dunha cervexa El Alcázar ben fresquiña!

Antes de ir á estación a que nos recolla o bus (temos unha visita concertada en Oleotour de Cazorla), paro de novo no Balcón de Zabaleta. Que fermosas as vistas cara ao Castelo da Yedra, coas montañas detrás e o casco vello coas casas brancas, baixo unhas nubes negras a punto de rebentar!

Deixar un comentario

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Scroll ao inicio