Esta é unha ruta que comeza e remata na parroquia de Esteiro (Santa Mariña), no concello de Muros, e tamén pasa en parte polo concello de Outes. É un percorrido circular que nos leva por diferentes puntos de interese da zona, como a desembocadura do río Maior, o Pico do Castelo Grande, muíños, bosques, miradoiros, e lugares como O Maio, Riomaior, Arestiño…
O Pico do Castelo Grande, situado a 357 metros de altitude, é un miradoiro perfecto sobre todo o val desta parroquia de Muros, conformado polos ríos Maior e Arestiño e parte da ría.
É unha ruta sen grandes dificultades aínda que ten algo de desnivel, e lévanos por zonas ben fermosas.
Sorprendente ruta preto de Esteiro, desde onde se sae xusto á beira da ponte do rio Maior. Primeiramente, decidimos dar unha pequena volta pola localidade e imos cara ao mar polo paseo marítimo, cruzamos a ponte de Evaristo e imos regresando pola Insuela, a beirarrúa da N-550 ata que chegamos de novo ao punto de partida, na ponte sobre o río. Nestes primeiros pasos a desembocadura do río está afectada pola baixamar, o que nos dá unha imaxe moi fermosa do esteiro, cheo de pequenas embarcacións varadas na area.
A baixamar ofrece imaxes moi fermosas de Esteiro
Cruzada a ponte sobre o Río Maior, dirixímonos polo paseo río arriba, pasando polo pavillón deportivo e o campo de fútbol de Esteiro. Superado este, subimos ata O Maio. Na aldea, unha veciña coméntanos que temos auga na fonte da Pontella, un pouco máis abaixo, pois cre que estamos a facer o camiño de Santiago pola ría de Muros. Cando lle aclaramos o noso destino, continuamos na dirección contraria á que ela pensaba.
Superada a ponte, imos río arriba na baixamar
Metémonos polo medio da aldea da que saímos xa por camiño de terra e en constante baixada. Descendemos na busca do Rio Maior, agora xa no seu pequeno curso, sen verse afectado polas mareas. Que momento tan fermoso nos agasallou o día cando chegamos ao río! Un espectacular bosque de ribeira primaveral, trinos de paxaros por todas partes, pequenos saltos de auga… unha auténtica delicia.
Espectacular bosque de ribeira que nos atopamos río arriba
Non dura moito este tramo e chegamos a un punto no que hai como unha fervenza moi pequena, preciosa, no río que ven pola dereita, o Arestiño, e nós seguimos polo río da esquerda, o río Maior ata chegar á aldea de Riomaior. Iniciamos aquí a subida polo val do río Maior, que nos vai levar ao alto de monte Castelo.
A subida facémola lenta pois hai unha humidade no ambiente fóra do normal. Levo a camisa empapada! Tamén, a medida que imos gañando altura, comezan a abundar grandes bolos graníticos dun tamaño descomunal. Esta paisaxe terémola durante toda a parte alta do percorrido.
A medida que ascendemos ímonos atopando con grandes bolos graníticos
Facemos unha pequena parada e ao pouco desviámonos do camiño e comezas a andar por outro camiño máis ancheado que polo que viñemos subindo. E, de súpeto, os penedos comezan a abundar. Víctor párase dende o alto e comézanos a explicar o que temos ante nós. Sobre todo, un paso natural só en parte, pois o entrarmos ollamos con sorpresa que alí, no seu tempo, debeu haber unha robusta porta.
Logo das explicacións, achegámonos amodiño ao Castelo gozando do entorno. Seguimos andando uns trescentos metros ata que chegamos ao que é o Pico. O último tramo temos que ver cómo está porque é bastante esvaradío o acceso e, se está mollado, é mellor non arriscarse, porque a caída é considerable; pero imos comprobar se se pode subir ou non porque ben paga pena. Sen problema. Axudándonos coas máns nalgún punto, e valéndonos dalgún chanzo tallado na rocha, superámolo e coroamos unha pequena meseta verde rodeada de granito. O lugar é tan maxestuoso que non paramos de facer fotos e non dubidamos en facernos unha con todo o grupo.
Entrada natural ao Castelo Grande
Interior do recinto do Castelo Grande
Alquerque do nove gravado na pedra
O Castelo Grande dende Arestiño
Desde o Castelo distinguimos perfectamente o trazado da ruta de hoxe, con Esteiro e a ría ao fondo. Dende esta dorsal na que temos á nosa dereita o val formado polo Rio Maior, polo que acabamos de subir, e máis á nosa dereita a Pedra do Cadro, na que xa estivemos de ruta hai anos. Á esquerda, o Tremuzo alá ao fondo, e o val formado polo río Arestiño, polo que descenderemos. Na atalaia na que estamos, cara á vertente por onde viñemos subindo, distinguimos perfectamente unha zona onde predomina sobre todo o piñeiro, molito piñeiro, mentres que pola nosa esquerda vense unhas masas enormes de eucaliptos que invaden todo case ata chegar á costa, pero tamén aí hai un bosque estupendo, xusto das aldeas para abaixo, que chega ata o río Arestiño, e parte del ímolo gozar despois camiñando por el.
No Castelo Grande hai bastantes sinais e restos que indican que no seu día houbo algún tipo de fortaleza ou torreón defensivo. Desde aquí, inicialmente, poderíase pensar que estaba feito para a defensa da ría, pero realmente está bastante afastado do mar e tampouco é que teña unha vista moi grande de toda a ría de Muros e Noia; entón é de supor que estaba aquí por outro tipo de motivos.
Sábese que dende tempos remotos e lonxanos había unha serie de camiños que comunicaban toda esta zona da costa coa parte alta, entrada ás terras de Soneira e pode ser que, dalgunha maneira, houbera unha vía de comunicación importante durante moitos séculos entre esa zona de terras xa mais altas da provincia con esta zona da costa. Posiblemente este torreón estaba para controlar o paso da xente, ben para garantir a seguridade, ou tamén para cobrar algún tipo de peaxe dos diferentes tipos de actividade comercial que podería haber. Pero todo isto está moito mellor narrado por Manuel Gago no seu artigo O Bico do Castelo Grande, a fortaleza dos humildes tesouros agachados. Aconséllovolo ler.
Pouco a pouco imos regresando e decidimos xantar ao pé da entrada a esta fortaleza, ao abrigo destes enormes rochas. Pero antes de deixar este espazo tan maxestuoso, Víctor aínda nos amosa unha curiosidade, que non se distingue moi ben, que non agardabamos ver. Nunha laxe hay gravado un Alquerque do nove, o xogo máis antigo que se coñece. Supónse que é unha especie de tres en raia e que valía para entretemento da xente que estaba nesta fortaleza.
Fermoso descenso polo val do río Arestiño
Logo desfacemos este camiño, continuamos cara aos eólicos e iniciamos xa o descenso polo val do Arestiño. Na baixada imos vendo á nosa dereita a magnitude desta defensa natural… e a caída que ten! Superamos a aldea de Arestiño e imos cara a de Catadoiro, todo por unha estrada moi pouco transitada. Será na terceira aldea, na Penseira, onde nos internamos por ela camiño do río Arestiño, por un bosque moi fermoso, e nalgún tramo, con moita pendente, polo que hai que ir atentos e sen présas. Volvemos gozar dun entorno espectacular!
Chegados á beira do río, este vainos acompañar por un sendeiro practicamente sen pendente ata que chegamos ao punto onde desemboca no río Maior.
A pleamar penetra ata ben entrado o río
Estamos xa sobre o camiño que fixéramos pola mañá. Baixamos un pouco e ao cabo dun quilómetro mais ou menos volvemos andar por bos camiños. Comeza xa a subida ata o Maio e o asfalto e, en nada, poñémonos no Paseo Marítimo, fronte á estatua na honra de Xosé Agrelo Hermo, onde damos por finalizada esta fermosa andaina.
Descendendo polo lugar do Maio, antes de finalizar a ruta en Esteiro
A ruta é moi recomendable, a pesares de que tivemos un día con moita humidade no ambiente e pouco despexado, tanto polo tramo á beira do río Maior, a baixada pola fraga como polas vistas desde a peneda, merecedoras de todo o esforzo.
2 comentarios sobre “De Esteiro ao Pico do Castelo Grande”
Víctor
Dende logo descubrir esta ruta foi unha agradable sorpresa ¡ Desas cousas que están ahí, preto de nós, e non coñecemos, Un percorrido cheo de pequenos tesouros: o esteiro, o río, a fraga, as aldeíñas, o castelo, os penedos…. máis que recomendable.
Grazas polas túas fotos e as túas descricións Fran.¡
Dende logo descubrir esta ruta foi unha agradable sorpresa ¡ Desas cousas que están ahí, preto de nós, e non coñecemos, Un percorrido cheo de pequenos tesouros: o esteiro, o río, a fraga, as aldeíñas, o castelo, os penedos…. máis que recomendable.
Grazas polas túas fotos e as túas descricións Fran.¡
Levas moita razón, e a historia e conxeturas que hai arredor do castelo son moi interesantes. Moitas grazas, Víctor.