De Dombate a Laxe

De Dombate a Laxe

Iniciamos xa as saídas de sendeirismo neste setembro e que millor que facelo onde rematei en xullo, pola Costa da Morte, por Laxe, concello adscrito na actualidade ás pondalianas terras de Bergantiños.

¡Ouh, terra da Bergantiños,
roxo ó arar, nobre e testa,
doce á vista desde lonxe,
donde vin a lus primeira! (QP‡
12.1-4)

Que gañas tiña de volver camiñar por estas terras, pois había máis de dous anos que estivéramos facendo unha ruta ata o Castro de Borneiro … e que gañas tiña de comezar as rutas e sobre todo de reencontrarme coa xente despois deste verán, digamos tráxico, que nos tocou vivir despois do suceso de Angrois ou desta vaga de incendios que estamos a padecer por todo o país e, novamente, afectando na súa totalidade a un dos nosos lugares máis máxicos, o Monte Pindo. Aínda lembro que hai precisamente un ano iniciáramos a “tempada” co ascenso á Moa dende Vadebois, e ver hoxe todo calcinado éncheme de indignación!

  • Lonxitude da ruta: 17 km  aprox.
  • Desnivel: medio (algo máis de subida que de baixada)
  • Dificultade: media

Sen faltar á tradición, fixemos parada para tomar café en Baio e botar unhas paroladas. Desta vez veu xente nova nos dous sentidos, primeirizos e novos de idade, personificados no erasmus alemán (non sei o seu nome), que quedou marabillado do noso. Da gusto ver como mozos doutros países valoran o que temos! Por certo, grande en Baio a decoración do Mané, cos seus deuses exipcios facendo garda na entrada a unha cervexaría… abraiante!

Antes de iniciar a ruta fixemos unha visita ao Dolmen de Dombate, en Cabana de Bergantiños, magnífico exemplo do megalitismo na Costa da Morte… e do norte da Península Ibérica. En Galicia só existen tres xacementos que teñen un plan especial de protección: Dombate, o castro de Elviña e o de Baroña. O Dolmen de Dombate, despois de levar máis de catorce anos cuberto cunha lona como único elemento de protección do valioso contido deste monumento, especialmente das súas insólitas e únicas pinturas murais da cámara funeraria e do corredor, e de aprobar o plan para a musealización no ano 2004 pola Deputación da Coruña, fíxose un edificio que envolve o monumento. Non son técnico nisto, pero non hai que ser moi avispado para ver que o resultado é decepcionante. Non me gustou nada! Primeiro, parece máis importante o continente que o contido. A ambientación é moi atificial, e o dolmen parece de mentira, mesmo puderon facelo todo de cartón pedra e ubicalo na Cidade da Cultura… supoño que será todo consecuencia e cando eramos ricos e de vivir “por riba das nosas posibilidades”.

Semella que estou describindo o país dos despropósitos máis cunha ruta de sendeirismo… Vou ao rego. Unha vez rematada a visita, iniciamos a ruta dende o mesmo Centro de Interpretación (a saber o que custou), cara ao Alto das Penas, dende onde temos unha estupenda panorámica da vila de Laxe, o Roncudo, Corme.. Logo descendemos ao lugar da Torre, na parroquia de Sarces, animados polas oracións fisterráns de Suso…

Choca miñoca
pan de masoca
leite de lebre
para que nunca máis medre

Ou

Hai mosa
ques que che cosa
cunha hebra
de fío neghro
pra que che conosa

Un luxo… E, entre conto e conto, imos admirando unha paisaxe variada e sorprendente en moitos puntos do camiño, que transcorre principalmente por pistas, camiños e algún curto tramo de asfalto; e con estas, sen decatarnos, continuamos percorrido cara ao Monte Chan onde desfrutamos das vistas sobre a Agra de Traba e a súa praia, cara onde nos diriximos. Pasamos perto da igrexa de Santiago de Traba, con fermosa fachada-retablo barroca cunhas toscas columnas salomónicas e cun Santiago Matamouros sobre o dintel da entrada. Estamos tamén perto do derradeiro figueiral da Costa da Morte, o figueiral de Mórdomo, lugar de intensa presenza literaria na obra de Eduardo Pondal (¡ouh, figueiredo de Mórdomo, de Mórdomo, ouh, figueiral!… ), Está situado xa no areal de Traba, e parcialmente soterrado baixo as dunas.

O punto de encontro entre o val de Traba e o mar prodúcese a través dunha importante formación dunar, que admiramos a través dunha pasarela que percorremos sobre a lagoa de Traba, case sen auga nesta época do ano; ao final da mesma agárdanos unha área de descanso onde xantamos e repoñemos forzas mentres admiramos o mar e a algún que outro surfista.

A partires de aquí, a ruta lévanos pola costa, a paisaxe cambia radicalmente: praias, coídos, cantís, ata a praia de Soesto, praia fermosa como poucas e paradiso dos surfistas. Nesta praia, mírese para onde se mire, non se ve nin unha soa edificación de ningún tipo. Natureza pura, como a de Traba. En lugar de optar percorrela pola pasarela de madeira que leva a un mirardor de aves, fixémolo pola mesma praia en marea baixa. E de ahi, camiño en ascenso comendo moras, ata atoparnos con Laxe aos nosos pés.

Ao rematar a ruta, houbo tempo para darse un baño na praia de Laxe, pero eu preferín ir dar unha volta pola Atalaia e tomar unha cervexa, antes de regresar a Santiago.

 


Ver De Dombate a Laxe nun mapa máis grande

Ruta do val do río Aviouga

13 comentarios sobre “De Dombate a Laxe”

  1. Volves con forzas renovadas e moitas ganas, Fran, nótase ben…ademais dunha completa reportaxe fotográfica, o relato e os pés de foto son realmente interesantes. Concordo en todo o que dis! Oxalá desfrutemos de moitas máis, coma esta polo menos! 😉

    1. Grazas polo comentario! A verdade é que non sei se un está máis sensible debido ao que nos está a acontecer, pero por min seguía desbardallando… En canto ás rutas, se as da tempada pasada foron espectaculares, creo que nos agardan unhas cantas de auténtico luxo!

    1. Grazas! Pois non o sabía… supoño que nos tempos de María Castaña, non? Non sei se fuches velo dende que está cuberto, pero a min deume moita pena velo así.

  2. Xeniais todas as fotos… algunhas francamente fermosas. É moi especial poder ver a ruta que un vive mirando hacia adiante dende un punto de vista sempre descoñecido. Unha aperta.

    1. Grazas Uruloki! E non sabes a alegría que me deu volver verte camiñar con nós despois dese parón obrigado. Unha aperta

  3. Que ruta máis chula ¡
    Creo que foi un bo xeito de comezar o curso. Espero que vos gustase tanto como a mín, e, si queredes vémonos este sábado por terras de Outes.

    Grazas Fran por estas fotos.

    Apertas

  4. Felipe Rivero de Aguilar

    Estupendo comezo das rutas de sendeirismo do 2013/2014 e como sempre cunha detallada e amena explicación desta e unhas marabillosas fotografías cos seus correspondentes pé de foto. Comparto o que comentas do Dolmen de Dombate. É unha pena chegar a ese extremo e ter que velo como un nacemento en nadal.

Deixar un comentario

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Scroll ao inicio