De Capileira á central hidroeléctrica de Poqueira. La Alpujarra

20-07-2025
Capileira
Entrando en Capileira, rematando a primeira parte da andaina

A nosa primeira ruta polo parque nacional de Serra Nevada empeza a remata en Capileira. É un percorrido que transcorre polo val de Poqueira e consta de dous bucles* (uns poucos fixemos o primeiro deles, mentres o resto completaron a andaina). O primeiro lévanos en dirección norte, cara o fondo do val, aínda que sen chegar ata el. Vai ata a central hidroeléctrica de Poqueira e de aí regresa a Capileira. O val do río Poqueira é unha fermosura. O río nace ao pé dos cumios máis altos da serra e vaise encaixando polo profundo val ata formar case un canón. A ruta discorre por antigas zonas de labranza. Uns tramos transcorren pola marxe dereita e outros pola esquerda o que facilita ir vendo as diferentes e bonitas paisaxes.

O segundo bucle vai na outra dirección, seguindo o río Poqueira ata Bubión, e regresa ao punto de saída. Neste tramo poderemos ver o pobo de Bubión, que ten interesantes mostras de arquitectura tradicional desta zona de montaña, igual que Capileira.

O camiño ten tramos algo máis estreitos e outros máis anchos, uns máis cómodos e outros menos, onde teremos que ir amodo, alternando subidas e baixadas.

*O MIDE está confeccionado cos dous bucles da ruta. Facendo só o primeiro bucle, a duración sería de 3:30 h. e uns 9 km de distancia.

MIDE

  • Horario: 5:35 h.
  • Desnivel de subida: 800 m
  • Desnivel de baixada: 800 m
  • Distancia horizontal: 15,7 km
  • Tipo de percorrido: Circular
  • Severidade do medio natural: 3
  • Orientación no itinerario: 2
  • Dificultade no desprazamento: 2
  • Cantidade de esforzo necesario: 3
  • Dificultade: Media

Comezamos a camiñar…

Logo da viaxe de onte de quince horas de autobús, hoxe tocaba facer un percorrido de toma de contacto co entorno. Para iso, Víctor pensou que a nosa primeira ruta por Serra Nevada comezase a rematase en Capileira, a 1436 m de altitude, unha das poboacións máis altas da península. Estamos aloxados no hotel rural Finca Los Llanos e a impresión non pode ser máis boa. Menudos almorzos nos tíñan preparados ás 7:30 h. da mañá! A única pega que lle poño é que me tocou compartir con Jaime un cuarto no que a calor non me deixou durmir ben en toda a estadía.

Ás 8:30 h. saímos camiñando do hotel, na parte alta da vila, e dirixímonos cara o Barrio del Castillo, para tomar dende alí o camiño sinalizado que vai hacia a Cebadilla, pequeno poboado da central hidroeléctrica do Poqueira. O paso polo núcleo urbano é unha marabilla. Desde o principio imos gozando das súas características chemineas asentadas nos terraos das casas, nome co que se denominan os teitos planos das vivendas recubertas cunha terra arxilosa de cor gris. Todo en descenso, pasamos xunto á fonte do Carril e seguimos á dereita por camiño pavimentado cara o aparcadoiro e, posteriormente, o miradoiro de Eras de Aldeire, unhas antigas eiras acondicionadas como miradoiro desde onde se teñen unhas excelentes vistas do barranco do Poqueira e dos cumios de Serra Nevada.

Chemineas características asentadas nos terraos das casas
Deixando á esquerda a fonte do Carril
Á esquerda, o Pico Veleta (3394 m) e á dereita o Pico del Púlpito (2804 m)

No miradoiro, Víctor reúnenos para explicarnos o desenvolvemento da ruta e sinalarnos tamén a imaxe que temos ante nós, un profundo e escarpado val polo que discorre o río Poqueira no seu tramo medio. Na parte baixa, o val ten bastante desnivel e chaman a atención os socalcos de cultivo en ámbalas dúas ladeiras. Por riba deles, observamos piñeirais de repoboación e xestas. Achegámonos a un panel alí instalado e identificamos o pico Veleta e o Mulhacén, entre outros de menor altura. A verdade é que a paisaxe é impresionante!

Iniciamos a andaina e continuamos por camiño ancho, logo de deixar pasar un todoterreo que se dirixe ás fincas de labor. Seguimos baixando cara o río seguindo o PR A 69 por camiño principal, logo viramos á esquerda zigzagueando ata ir por camiño voado sobre o río que nos conduce á Ponte de Abuchite, permitíndonos cruzar o Poqueira e continuar pola senda que sobe pola vertente oposta.

O tramo de baixada é cómodo e un contínuo reviravoltas ata chegar ao río
A Ponte de Abuchite dende a outra beira, xa iniciando a subida

Facemos unha pequena parada baixo a sombra da vexetación de ribeira que hai no entorno da ponte pois agora toca iniciar a subida. O camiño vai ascendendo entre bancais de cultivo e próximo a algúns cortijos coas súa eiras, perfectamente adaptados á topografía do lugar. Esta zona do val é moi fermosa e ten tramos de vexetación interesantes como algunha mancha de carballo cerqueiro (Quercus pyrenaica), a medida que avanzamos remontando o río Poqueira.

Se botamos unha ollada cara atrás, temos unha excelente vista do barranco do Poqueira cara abaixo e tamén observamos perfectamente o outro lado do barranco todo socalcado, froito do inmenso traballo levado a cabo ao longo de varios séculos para facer produtivas estas ladeiras. E cara adiante, sen ser unha ruta de alta montaña, asómanse os cumios máis altos da península. Unha delicia!

Restos dunha eira e cortijo en estado ruinoso
Pequenos tramos da subida baixo a sombra de carballo cerqueiro

En pouco máis dunha hora de subida dende a ponte saímos a camiño ancho, polo que continuamos en descenso, xa máis relaxados, en dirección á Cebadilla, o antigo poboado da central hidroeléctrica que se atopa a 1540 m. Dende esta beira, vemos como as casas están deshabitadas e o lugar é angosto e umbrío. Tamén temos á fronte o maxestuoso Mulhacén, ao que subiremos pasado mañá, aínda que o cumio non o podemos ver pois estaría un pouco máis retirado.

Ao chegar á Cebadilla seguimos por camiño cementado río arriba, pasamos polo edificio da Central Hidroeléctrica de Poqueira e continuamos ata a ponte sobre a confluencia dos ríos Naute e Toril. Desta unión nace o río Poqueira, que dá nome a un dos maiores barrancos da Alpujarra, tal como nos conta Víctor. Á sombra dunhas rochas descansamos un anaco para hidratarnos e tomar algo de froita mentres vemos como o camiño do PR sube remontando o río Naute. Nós damos a volta!

No descenso temos á fronte o maxestuoso Mulhacén
Poboado da Cebadilla
Camiño da unión dos ríos Naute e Toril

Iniciamos o camiño de volta, cruzamos o río Poqueira pola ponte e pasamos polo medio do poboado todo por pista bastante cómoda e, aínda que imos val abaixo, a pista segue subindo. Un poste indícanos a senda que hai que tomar de regreso a Capileira. Esta senda descende suavemente durante dous quilómetros entre antigos cortijos e bancais de cultivo. Algún deles restaurado como o denominado El Albercón, que semella estar destinado a aluguer vacacional. En gran parte deste tramo imos paralelos á Acequia dos Lugares, que nalgún punto temos que sortear. Que marabilla ver e escoitar correr a auga en gran parte do percorrido!

Xusto á entrada de Capileira xa a dereita do camiño, vemos dende o alto as Eras de Aldeire, onde comezáramos a camiñar pola mañá. Se botamos unha mirada á fronte, ademais de gozar de Capileira, temos una excelente vista do barranco do Poqueira, pechado pola serra de Lújar, que forma parte dunha aliñación costeira de serras menores que separan Serra Nevada do mar. Ante esta imaxe non paramos de facernos fotos e Rocío avísanos de que nos deamos presa.

Cortijo rehabilitándose
Salvando a Acequia dos Lugares
Entrando en Capileira, coa serra de Lújar ao fondo

Só queda seguir descendendo e ruar por Capileira ata a fonte do Carril, onde nos reunimos aproveitando a sombra das casas. Aquí é onde toca decidir se continúo co segundo bucle da xornada, para o que compriría baixar de novo ata o fondo do val, cruzar á outra beira pasando pola zona onde vai máis encaixado o río, cruzalo de novo e subir a Bublión, para regresar a Capileira, onde rematariamos a andaina.

Decido quedar en Capileira, pois a calor e o mal durmir desta noite estánme afectando. Os pouco que quedamos despedímonos do grupo e eu decido completar o percorrido polas súas rúas para descubrir curiosos recunchos da peculiar arquitectura alpujarreña. Subo cara o hotel, pero enredo con Elena, Celia e Domingo e tomámoslle unha caña ben fresquiña. Por certo, que rica a tapa que nos puxeron!

Concentrándonos en torno á fonte do Carril, aproveitando a sombra das casas
Ruar por Capileira é moi agradable, con interesantes mostras de arquitectura tradicional
Bubión e Pampaneira sobre o profundo e escarpado val polo que discorre o Poqueira

E como non, comentamos o fermoso camiño panorámico xunto a cortijos, acequias e eiras. Foi unha andaina agradable e moi relaxante. Non estivo mal para comezar esta estadía na Alpujarra granadina!

Deixar un comentario

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Scroll ao inicio