Camiño polo val de Sorrosal
Hoxe fixemos a nosa primeira ruta, e é a ruta máis sinxela das que imos facer. O val do Sorrosal nace ao pé da serra de Tendeñera, unha espectacular mole caliza que acada os 2800 m de altura. Unha moi bonita ruta para comezar a nosa estadía polas terras do Parque Nacional de Ordesa.
- Lonxitude: 13 km
- Dificultade: media
- Desnivel: medio
Para facer este percorrido tivemos que desprazarnos en bus ata o pobo de Linás de Broto, a 15 minutos de Broto. É un percorrido cun alto interese paisaxístico e natural. Esta primeira andaina foi pequena en distancia pero intensa en todos os sentidos. Saímos de preto de Linás, en sentido inverso da ruta sinalizada, por unha cómoda pista que nos leva case ata o fondo do val, ao refuxio de La Faja, ao pé da Serra de Tendeñera, que levamos sempre de fronte. Ao pouco de comezar houbo a primeira baixa, pois non aguantaba co ritmo da subida. Non entendo como te podes apuntar a unha actividade coma esta sen ningún tipo de preparación…
O tempo acompaña, e vaino facer durante toda a nosa estadía por Ordesa, cunha temperatura alta polo día e cunhas noites en Broto moi agradables.
O punto alto da ruta é o refuxio de La Faja, sinxela cabana que os días de mal tempo dá refuxio a pastores e montañeiros. Aproveitamos para descansar, pois dende aquí as vistas son espectaculares, xa que temos o val aos nosos pés e a serra de Tendeñera ás nosas costas. Estamos ante unha gráfica lección de xeoloxía… sedimentos, pregamentos, fallas… impresionante!
O regreso facémolo por un carreiro que sae do refuxio ata acadar un sendeiro que baixa próximo ao río Sorrosal. A baixada é fermosa, pasamos por unha fervenza no Barranco de Las Sarriesas e, xa na compaña de Víctor, pola Ponte de Soaso ou Ponte de La Mercera e máis adiante sentármonos á beira do río e poder xantar placidamente. Bueno, o de placidamente é un dicir, pois o Jaime non foi pousar os seus reais enrriba dun formigueiro!?
Despois de reubicarnos, e de poñer os pés a mollo na auga ben fresquiña, quédanos pouco camiño para rematar a andaina en Linás de Broto: estiramentos, pequena visita e cervexa no Las Nieves. Inenarrable, o home non daba feito, e iso que só era poñer cervexas, refrescos e algún café… A verdade é que a hostelería en xeral deixou moito que desexar!
Finalizamos o día visitando o interesante Centro de Interpretación do Parque Nacional de Ordesa, en Torla. Antes de regresar a Broto deixamos mercados os billetes de autobús lanzadeira que nos leva ao comezo do Parque Nacional, pois é o único medio de transporte permitido para acceder a él e mañá toca erguerse ás 5 da mañá xa que imos facer a ruta polo Val de Ordesa ata a Cola de Caballo e o Refuxio de Góriz…