Polos Montes de Becerreá. Aciñeiral de Cruzul


1.995 visitas – 1 estrela2 estrelas3 estrelas4 estrelas5 estrelas (3 votos, media: 4.33 de 5)
Loading...

 

Polos Montes de Becerreá. Aciñeiral de Cruzul

Foto: Suso Devesa

  • Lonxitude: 17 km aprox.
  • Dificultade: media-alta
  • Desnivel: medio-alto

A ruta comeza mesmo na vila de Becerreá (638 m de altitude), cun percorrido por zonas de media montaña do concello. Ao pouco de comezar, con 5 km de constante subida, acádase o alto da Serra da Pena do Pico, case a 1200 m na caseta forestal, e logo, despois dun forte desnivel, vaise descendendo atravesando vales, aldeas e bosques ou soutos espectaculares.

O tempo non acompañou moito en gran parte do percorrido, pois a chuvia e a néboa non nos permitiron disfrutar dunha ruta que ten un alto interese natural e paisaxístico, xa que conta cunhas abraiantes vistas. Unha mágoa as paisaxes que nos estamos a perder… Que lle imos facer! Pero tivemos a sorte de que un pouco antes de chegar á aldea de Ousón, perto xa do Aciñeiral de Cruzul, o tempo deunos unha tregua e permitiunos disfrutar dunha fermosa paisaxe de media montaña con vales fluviais profundamente encaixados.

 O que sí acompañou, coma sempre, foi a calor coa que nos reciben os veciños cando pasamos polas aldeas, como nos pasou en Tortes, onde un veciño nos acubillou na súa casa ao calor do lume e baixo os xamóns mentres xantábamos. Non era cuestión de invadirlla e a maioría optamos por quedar fóra. O home insistiu en que fósemos visitar a capela de Santo Antonio de Eixibrón, que tiña máis de 300 anos, cousa que fixemos, pois quedaba de camiño. A igrexa non está en moi bó estado (nada raro neste país), e destaca o frontis, formado por unha rexa torre cadradAa cunha impresionante grieta, de dous corpos, o inferior fai de pórtico e o superior é o campanario cunha seteira en cada lateral. Destaca tamén no conxunto un fermoso cruceiro.

E de aquí ata Ousón por camiños enlamados, soutos centenarios impresionantes, aldeas despoboadas… En Santo Adrao de Ousón atopámonos con outra vella igrexa na que nos sorpendeu o que atopamos no seu pórtico, pois acubillaba unha padiola sobre a que se dispuña un ataúde, que usaban os do lugar, segundo nos explicaron os veciños, para transportar os mortos ao cemiterio pois ata non hai moito tempo non tiñan comunicacións axeitadas para chegaren os coches ata alí. Nunca vira un tan ben conservado!

E fomos dende Ousón por unha curta e fermosa estrada, que nos leva ata A Ponte Vella de Cruzul, sobre o río Narón, nos permite observalo dende fóra. O Aciñeiral de Cruzul é un pequeno tesouro do noso país que forma parte da Rede Galega de Espazos Protexidos. Este aciñeiral non ten camiños para poder disfrutar del dende dentro, hai algunha senda que o cruza pero algo perigosa e, ademáis, coido que non é bo andar en grupo por zonas sensibles coma esta.

En Galicia hai aciñeirais nas dúas provincias orientais. Son pequenas formacións que se sitúan preferentemente nos vales fluviais encaixados sobre rocas silíceas ou calizas. O de Cruzul é o bosque de aciñeiras máis septentrional de Galicia, situado a 600 m de altitude e fortes pendentes, o que lle proporciona a sequedade edáfica que precisan as aciñeiras.

A pesares dos inconvenientes meteorolóxicos, tivemos un fermoso roteiro que nos permitiu gozar da beleza da paisaxe invernal, das conversas coas xentes, de ver como os nosos islandeses Helmut e Jóhanna xa falan de brétema ou lama… paga a pena achegarse ata estas terras!



Galería

Polos Montes de Becerreá. Aciñeiral de Cruzul


3 comments

  1. Responder

    Mariví

    Un alivio ver estas fotos despois das do roteiro do Xistral, con esas ¡case morro de angustia por tanta néboa e tanta humidade!!!!. Garda a foto do galo na carreteira para a mostra do Museo do Pobo. Bicos

Deixar un comentario

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

*