De Dumbría a Muxía. Camiño de Fisterra

De Dumbría a Muxía. Camiño de Fisterra

Nova etapa do Camiño de Fisterra, na que imos ver o mar por primeira vez desde que comezáramos a camiñar dende Santiago. Así que hoxe nos agrupamos en Dumbría coa intención de chegar ata Muxía. O principal motivo polo que optamos en Hospital de vir cara a Muxía e non a Fisterra é precisamente pola etapa que imos facer hoxe, pois paga moito a pena pasar por Vilastose ou Quintáns e coñecer Ozón e Moraime. Teño que dicir que o groso do grupo fixo esta etapa o pasado día 6, polo que mezclarei as dúas xornadas e algunhas fotos da andaina de hoxe coas que fixeron Suso e Jaime o primeiro día.

Así que hoxe nos agrupamos en Dumbría, tomando un café na do Truanés, coa intención de chegar a Muxía e xuntarnos alí de novo en torno a unha boa mesa.

Datos técnicos

  • Lonxitude: 21,5 km
  • Desnivel: Medio
  • Dificultade: Media

A ruta que estamos a percorrer é asequible para moita xente, incluso teño amigos que a fixeron con nenos de 6 anos polo que, para alguén habituado, o Camiño é unha anécdota, pero se non se está afeito a camiñar, non hai que infravalorar esta actividade, pois teño visto xente pouco preparada para acometer as andainas, e coido que ese é o perigo que teñen rutas como estas que son tan coñecidas.

Comezamos a camiñar…

Aproveitando que era festivo en Santiago pola Ascensión, este xoves animeime a percorrer este tramo que non puidera facer co grupo o sábado 6. E non o fixen só, pois tiven a sorte de que me acompañaron o Xerardo, Jaime e máis Antón. Moitas grazas!

Nada máis pasar pola casa do concello dumbriés, chámanos a atención a pancarta denunciando a posta á venda das centrais hidroeléctricas que operan en Dumbría, pois os alcaldes da Costa da Morte desconfían das intencións de Ferroatlántica e pensan, e pensamos, que Villar Mir só quere facer caixa sen importarlle a situación dos traballadores nin o futuro da comarca.

O día está perfecto para camiñar e o ritmo que levamos é moi bo, a pesares de que nesta etapa hai que ver cousas moi interesantes, o que nos vai obrigar a facer algunha parada un pouco máis longa do normal e algún que outro desvío. Supoño que chegaremos con tempo a Muxía para xantar.

De Dumbría a Muxía. Camiño de Fisterra

Como nas etapas anteriores, por estas terras do Xallas e Soneira seguimos atopando abundancia de lacenas en case todas as casas das aldeas polas que pasamos.

Vilastose

Xa no concello de Muxía, o primeiro punto de interese témolo ao chegar a Vilastose, onde hai un conxunto arquitectónico relixioso moi interesante, coa igrexa parroquial de san Ciprián de estilo barroco ecléctico do s. XVIII; unha espadana exenta, tamén barroca, de tipo priorial, feita con piares robustos e con escalinata de acceso e patín no alto; e finalmente un cruceiro de base cuadrangular con tres gradas e mesa, capitel decorado e cruz con imaxes en ambas caras, Virxe e Cristo crucificado.

De Dumbría a Muxía. Camiño de Fisterra

En Vilastose topámosnos co primeiro preregrino da xornada, solitario, que debeu quedar moi aliviado cando o deixamos atrás pois o Antón e Xerardo levaban un bo rato falando do novo gps que mercara o Antón… se o home quería recollimento, a nosa non era a mellor compaña! Este camiñante solitario lémbrame a profunda reflexión de Manuel Vilar a propósito do perigo do éxito deste camiño a Fisterra e Muxía, lembrándose que a comezos da década de 1990 un peregrino por estas terras “era unha cousa rara, algo que chamaba a atención. Sería o ano 2000 cando atravesando o lugar de Vilaserío (Negreira) unha velliña preguntounos a onde íamos. Cando lle dixemos que a Fisterra e viu que seguíamos adiante, berrou “ah tuliños, tuliños, en Fisterra non hai nada que ver, non hai máis que agua” […]. Hoxe o raro sería non ver un peregrino deambulando por Negreira, Vilaserío ou Olveiroa, e xa non digamos por Fisterra”. Paga moito a pena lerlle o artigo.

Quintáns

En Quintáns facemos parada e o Suso alértame para que non deixe de admirar unha rareza por estas terras, un peto de ánimas! No exterior norte da capela de San Sidre hai colocado un fornelo que ten no seu interior un relevo que representa tres almas, tres cabezas, entre as lapas do Purgatorio. Disque a peza estaba coroada por unha cruz e tiña petitorio. A cruz mantena, pero vese que é nova.

De Dumbría a Muxía. Camiño de Fisterra

Atravesamos Quintáns e vemos como foi un lugar que medrou ao redor do campo da feira, unha feira historicamente importante e que hoxe en día está dividido en dúas metades ao estar atravesado pola estrada. Presídeo no extremo norte un fermoso cruceiro, no que chama a atención o tamaño do seu capitel, decorado con volutas, cuncas e anxos con ás. A cruz, con brazos en chaflán, ten dúas imaxes de feitura non moi lograda, un Cristo crucificado e unha piedade no reverso.

Ozón

Se na primeira parte da ruta practicamente non fixemos paradas, dende que pasamos por Vilastose estas son cada vez máis frecuentes. E nesta de Ozón, coméntame Jaime que xa se parou antes de baixar a San Martiño, pois unha palilleira saiunos ao paso ao sentir tanto balbordo polo camiño. Ensinounos o xénero e aínda lle mercamos algo, unhas pulseiras de bolillos. Modernización da artesanía.

De Dumbría a Muxía. Camiño de Fisterra

Dende o lonxe destaca o hórreo que hai en San Martiño, pois trátase dun hórreo de grandes dimensións, que o sitúa entre os de maior tamaño de Galicia (aproximadamente 27 m). Está realizado en granito na súa totalidade e aséntase sobre pés e tornarratos circulares. Está situado xunto ao conxunto arquitectónico de San Martiño de Ozón e nel gardábanse as abundantes rendas que cobraba o mosteiro.

De Dumbría a Muxía. Camiño de Fisterra

Unha asociación chamada Aurora del Camino recuperou e abriu o antigo mosteiro románico, que agora é un albergue de camiñantes. Pero é algo máis, xa que entre os fins da asociación está a de ter as portas abertas a todo o mundo, local para actividades culturais, clases, e cun modelo afastado da hostelería ao uso, xa que aquí non hai ánimo de lucro nin portas pechadas. Coido que neste peculiar mosteiro non se cobra por nada, todo é a vontade do que chega.

Moraime

Logo de ver o mar por primeira vez ao chegar a Merexo, coa vila de Camariñas na outra beira da ría, chegamos a Moraime! O mosteiro de Moraime é o gran organizador deste territorio no comezo da baixa idade Media e que nesa organización entra tamén o territorio do simbólico e do imaxinario colectivo, ainda que Moraime non era unha illa perdida no medio do finisterre da Gallaecia romana.

Os monxes aproveitaron a situación para prolongar o camiño de Santiago ata a Costa da Morte, e ofrecer hospedaxe aos peregrinos. Sigo co amigo Manuel Vilar como referencia, pois cre que foron eles os artífices de Duio, a cidade mítica que aparece no Códice Calixtino. E tamén os que esaxeraron os milagres da Virxe da Barca, para atraer romeiros a abalar a súa pedra.

De Dumbría a Muxía. Camiño de Fisterra

A consagración das súas lendas conseguiu que un dos seus párrocos, Juan Bautista Durán, prohibise compartir a súa tumba con calquera herdeiro ou estrano, e selou a sentenza cun busto tallado polo escultor Francisco Asorey. Entre os misterios das pedras de Muxía está tamén o do tímpano da porta sur da igrexa de Moraime, onde só aparecen labrados seis dos doce apóstolos de Xesús.

De Dumbría a Muxía. Camiño de Fisterra

E animámonos a ir ata o alto de Pedra da Forca, dende onde podemos contemplar xa a vila de Muxía. Alí, facendo honor ao seu nome e utilizando a elevación dunha mámoa, era onde o poder dos monxes bieitos de Moraime volvíase máis rotundo. Aínda lembro á finada de Selvita, moi aberta aos peregrinos e camiñantes á que non lle importaba estar falando durante horas, e como nos ten contado en anteriores visitas a Moraime, dos sartegos que hai no adro, do cárcere que tiñan os monxes e que ela ubicaba nas casas en ruina que hai ao lado da igrexa…

De Dumbría a Muxía. Camiño de Fisterra

Continuamos e facemos un pequeno desvío ata Oruxo, pois paga a pena ver un dous poucos hórreos en L que hai en Galicia (eu coñezo catro), aproveitando e adaptándose as estreiteces do terreo onde se ubicaban.

De Dumbría a Muxía. Camiño de Fisterra

Muxía

E chegamos a Muxía case sen decatarnos pois dende a Pedra da Forca é todo baixada e, ademáis, tiñamos pensado xantar na Casa do Peixe, que está mesmo á entrada da vila. Os que me acompañan traen gañas de caldeirada de pinto, e animámonos a probala. Exquisita! O día de andaina do grupo quedaron a xantar na D’Alvaro, moi ben, que lles puxo sobre a mesa unhas boas talladas de carne.

De Dumbría a Muxía. Camiño de Fisterra

E despois de xantar, como non, hai que ir ata a Barca! Pero non por esa especie de paseo que vai ata o cabo. Recomendo subir ata o monte Corpiño, un pequeno outeiro granítico que se accede polo campanario da igrexa parroquial, e que nos permite observar unha espléndida panorámica de toda a paixase de arredor: cabo e faro Vilán (hoxe cubertos pola borraxeira), a ría de Muxía-Camariñas, praia de Leis, praia do Lago, Monte Facho de Lourido, punta Cachelmo e punta da Buitra… e a vila de Muxía.

O outeiro foi cantado polo poeta muxián López Abente. Anoto os versos que hai no cartel informativo instalado no cumio: “Penedos, altos penedos / do Corpiño vixiante; / sodes, com’o meu amor, / tristes, barudos e grandes.”

De Dumbría a Muxía. Camiño de Fisterra

Tamén dende aquí, detéñome a observar como este espazo singular pola situación extrema foi tamén a despensa de Muxía, un lugar con minúsculas hortas, tan ben fotografadas polo Suso, onde a xente de Muxía creou unha paisaxe especial de pequenísimas hortas con paredes para protexer os escasos e cativos cultivos do vento e do salitre. Pero coido que este espazo non se protexe. Primeiro converteuse o vello camiño de acceso, o camiño da Pel, nunha especie de promenade ou paseo estilo Benidorm. Despois as casas foron invadindo pouco a pouco este espazo, ata algunha recorda o monumento que ergueron na Barca cando o Prestige. Todo isto está a borrar as pegadas dunha memoria, a memoria da supervivenza nunha xeografía difícil que valeron para crear solo cultivable onde só había rocha.

De Dumbría a Muxía. Camiño de Fisterra

E entre foto e foto descendemos ata o santuario da Barca. Hai infinitas referencias á pedra d´Abalar e ao lugar no que se asenta ao pé do santuario da Virxe da Barca e, sempre, a mesma cantarela: que no lugar se realizaban cultos pagáns polos antigos poboadores da zona, que é un santuario neolítico, polo que o santuario actual foi levantado pola igrexa católica para cristianizar ese espazo sagrado. Que o cristianismo non foi quen de destruír o culto pagán, de xeito que o culto ás pedras está aínda moi presente na zona, que os celtas utilizábana para xulgar, como lugar de culto á fertilidade… O santuario está neste espazo pola súa singularidade, singularidade que lle vén dada pola paisaxe rochosa, pola situación ao pé do mar no extremo dunha punta.

De Dumbría a Muxía. Camiño de Fisterra

Sigo sen afacerme a esas dúas pedras que puxeron cando o Prestige que feriron a paisaxe e que se erguen cal torres xemelgas. Todo para pór “bonito” o lugar. Mais o lugar xa é bonito de por si, grazas á natureza e á historia. Non hai que esquecerse que estamos nun santuario e estas son feridas nunha paisaxe sacra.

De Dumbría a Muxía. Camiño de Fisterra

A tarde vénsenos enriba, e hai que ir preparándose para o regreso polo que voltamos cara a vila, tomamos unha auga e damos por rematada esta andaina. Como prestou!

Ruta do val do río Aviouga

Deixar un comentario

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Scroll ao inicio