Ribeira de Ladrões

Ribeira de Ladrões
A de Ribeira de Ladrões é unha ruta moi relaxada sen apenas desnivel, e rodeados de fermosas paisaxes.

Houbo tempo pola mañá para visitar Vinhais, pois o Suso e mais eu erguémonos cedo e fomos dar unha volta pola vila, aproveitando para facer unhas fotos tranquilamente antes do almorzo. Percorremos o seu castelo, un conxunto arquitectónico de planta irregular onde, no seu interior, a fisonomía urbana desenvóvese de forma desordenada, que se estructura ao longo dunha praza irregular onde se encontra o pelourinho. Neste recinto tamén está ubicado o Centro de interpretación do Parque Natural de Montesinho.

Ribeira de Ladrões

Logo, achegámonos ata unha pequena tenda de produtos típicos… e cargamos pois, como digo sempre, hai que consumir produtos da zona. Eu, unha peciña de queixo de cabra e outra de chouriça e salpicão de porco bísaro do fumeiro, que por certo ten un centro de interpretación, o Centro Interpretativo do Porco e do Fumeiro.

Ribeira de Ladrões

O Suso, ademais, trouxo un par de máscaras transmontanas, coido que son Caretos de Ousilhão, unhas máscaras rudimentarias feitas en madeira de ameneiro, onde sobresae o nariz puntiagudo. Unha fermosura!

É hora de subir a recoller a maleta e prepararse para a pequena ruta de hoxe.

Datos técnicos

  • Lonxitude: 11,5 km
  • Desnivel: baixo-medio
  • Dificultade: baixa-media

O itinerario de Ribeira de Ladrões comeza na aldea de Río de Fornos, moi preto de Vinhais. É unha pequena ruta cun fermoso e relaxante percorrido entre zonas agrícolas e de bosques. O Ladrões é un afluente do río Tuela.

Ribeira de Ladrões

O percorrido presenta dúas variantes, e nós escollemos para camiñar a máis longa, ata a Tapada d’A Ponte, que chega ás portas da aldea de Travanca. A paisaxe está dominada por extensas masas de carballo negral e por pastizais delimitados por vexetación de ribeira, na que predomina o breixo e o ameneiro.

Comezamos a camiñar…

 

Ribeira de Ladrões

O bus deixóunos ao pé do Solar dos Morgados, de finais do s. XVII que, xunto coa igrexa parroquial, é o edificio máis notable de Río de Fornos; logo dun pequeno treito camiñando pola beira da estrada adentrámonos no núcleo máis compacto da aldea, que é onde realmente comeza a ruta, cunha mezcla de construccións vernáculas con outras máis modernas e impersoais.

Ribeira de Ladrões

A medida que ascendemos, os espazos libres entre as casas ocúpanse por hortas adicadas ao autoconsumo, seguidas por un extenso e coidado souto a ambas beiras do camiño.

Ribeira de Ladrões

Ribeira de Ladrões

Tamén vemos algunha árbore froiteira, pereiras e cerdeiras, e algunhas leiras con viña orientadas ao leste. No fondo do val, que segue o camiño, comezamos a vislumbrar a ribeira de Ladrões.

Ribeira de Ladrões

Imos gañando altura e o camiño lévanos entre prados, que ocupan significativamente parte das abas que flanquean a ribeira de Ladrões. Estes prados permanentes son excelentes pastos para o gando ou terreos adicados á produción de feo.

Ribeira de Ladrões

Continuamos camiñando placidamente por este entorno, acompañados polas formacións vexetais que delimitan os prados, ou mesmo cubertos e protexidos do sol por estas, nunha fermosa alternancia entre as áreas abertas e pechadas. Na ribeira, e ao longo do seu curso, organízase unha galería de vexetación propia dos entornos ribeireños, constituída por chopos, salgueiros, ameneiros e freixos que se entremezclan.

Ribeira de Ladrões

A medida que nos achegamos á aldea de Travanca as costas do camiño van sendo máis suaves. A división das leiras, adicadas fundamentalmente ao cultivo do cereal, faise aproveitando os desniveis do terreo, marcados con especies de porte arbustivo, nomeadamente carballos (carvalhiças) e cerdeiras bravas, cando seguen a curva de nivel, e por muros de pedra no sentido oposto, descendendo as costas.

Ribeira de Ladrões

Castiñeiros, nogueiras e chopos enchen a paisaxe, e xa cando a ruta se orienta no sentido de regreso, despois de cruzada a ribeira de Ladrões na Tapada d’A Ponte, vemos no alto a aldea de Travanca, coas súas instalacións agrícolas en primeiro termo. Aproveitamos para reagruparnos e descansar un pouco.

No regreso, na dirección de Río de Fornos, avanzamos pola aba oposta. A determinada altura aparece destacado un gran afloramento cuarcítico. Foi o espazo escollido, pola súa posición xeoestratéxica e de control visual, para asentar un poboado fortificado da Idade do Ferro: o Castrilhão de Río de Fornos. Na silueta do monte adivíñanse as dúas plataformas que o forman, delimitadas por murallas que, xunto cun foxo, conforman a súa arquitectura defensiva.

Ribeira de Ladrões

Antes de internarnos definitivamente na carballeira, o camiño atravesa áreas de matogueira, nos que domina a xesta e a carvalhiça, pero tamén as uces brancas e vermellas están presentes.

Ribeira de Ladrões

Ás nosas costas quédanos a silueta da serra da Coroa e, ao frente, sucesivas superficies aplanadas de perfil redondeado, nas que o rexistro paisaxístico faise pola alternancia entre prados, terras agrícolas e áreas forestais. Achegándonos xa a Río de Fornos, cruzamos por segunda vez a ribeira de Ladrões con algunha que outra axuda e só queda chegar de novo á aldea baixo carballos, toxos, xestas… e volvendo a encontrarnos cos espazos libres ocupados por hortas antes de entrar na aldea.

Ribeira de Ladrões

Sen dúbida, un bonito colofón a esta estadía de fin de semana, pois foi unha ruta moi relaxada sen apenas desnivel, e rodeados de fermosas paisaxes.

Ribeira de Ladrões

Máis información sobre a ruta: http://www.icnf.pt/portal/turnatur/visit-ap/pn/pnm/pr5-6-ladroes

Ruta do val do río Aviouga

Deixar un comentario

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Scroll ao inicio