Val de Las Tejedas
Fin de semana no Bierzo! Achegarse ata o Bierzo, máis se cabe no outono, sempre é unha moi boa opción para camiñar inmerso na natureza. Nesta ocasión desprazámonos ata o concello de Molinaseca, quizais nunha das mellores épocas do ano para facelo. Coma sempre que imos de fin de semana, levamos contratado o aloxamento, e desta vez fixémolo no hotel El Castillo, en Ponferrada, en réxime de media pensión.
Val de Las Tejedas
- Lonxitude: 19 km
- Dificultade: Media-alta
- Desnivel: medio-forte
Desprazámonos de novo ata o concello de Molinaseca, para percorrer un dos vales menos coñecidos do Bierzo e quizais un dos máis impresionantes polas dimensións do seu bosque de carballos.
O bus deixounos nun alto, nunha explanada que hai á esquerda da estrada unha vez pasado Riego de Ambrós, lugar onde comeza a ruta, o que nos permite ver as dimensións do val que imos percorrer; logo vai baixando cara ao río e segue polo fondo do mesmo ata o final, onde se atopa, no medio da natureza, o pobo abandonado de Las Tejedas. O bosque é unha fermosura, ten moitisima biodiversidade e unhas dimensións enormes.
En xeral o camiño é cómodo, polo que imos dando un tranquilo paseo por unha pista á beira do río que percorre lonxitudinalmente o val, no que o murmurio das súas augas case non se deixa oir pois o seu cauce é verdadeiramente escaso. A seca que estamos a padecer é moi preocupante e, en espazos coma este moito máis, pois a vexetación e a fauna do val é moi abundante.
Temos que cruzar o pequeno río en tres puntos, que non presentan o máis mínimo perigo nin complicación pois, como dixen, baixa case seco. Coido que a cousa cambia noutras épocas do ano, cando aumenta o caudal por mor das chuvias e do desxeo, pois non hai pontes por onde cruzalo.
En Las Tejedas atopamos certa actividade, pois vemos xente moza que decidiu instalarse nestas ruinosas vivendas, supoño que para fuxir do mundanal ruido. Como lle comentei despois a Pilar, no fixen ningunha foto destas xentes nin dos signos de ocupación da aldea abandonada (casiña, galiñeiro, horta…), por unha cuestión de respecto, ao ser xente que optou polo retiro e por afastarse do mundo.
Dende aquí abandonamos o val ascendendo por outro que sae pola dereita, que deberemos escoller para chegar a Manjarín. Hai que vadear de novo o río e subir por este novo val polo lado esquerdo.
Comezamos o ascenso, con algún treito algo pechado pola vexetación, onde hai un último tramo de algo máis de 2,5 quilómetros de dura subida nos que se salvan 350 metros de desnivel, que nos deixa no lugariño de Manjarín, pobo practicamente abandonado, situado no Camiño Francés que entra no Bierzo dende a Maragatería.
Por certo, atopamos ao final do ascenso cantidade de plásticos estercados polo camiño, que supoño serán dos habitantes deste lugar… Se son xente que quere vivir nun entorno natural, deberían ter máis respeto pola natureza!
En Manjarín camiñamos un pouco pola mesma estrada; aqui ten sona entre os peregrinos o bar/centro de interpretación/tenda Templaria, digamos que son “Hospitaleiros” do Camiño de Santiago, instalada á beira da estrada, coa súa colección de carteis indicando as distancias coas cidades do mundo desde este punto. Por certo, Santiago está a 222 km. Entro con María en busca dun pano que nos encargaron, pero non lle quedan… curioso o lugariño.
Abandonamos este pequeno treito de estrada para ir polo Camiño Real, tendo á vista os repetidores instalados en Pena Llabaya. Toca subir un pouco máis e decidimos xantar e repoñer forzas na mesma beira do camiño, mentres pasa entre nós algún que outro peregrino que ata nos saca fotos!
En vez de continuar polo Camiño, nas abas de Peña LLabaya volvemos entrar no bosque pola parte alta, que nos levará sempre en baixada ata a aldea de El Acebo. A baixada é unha delicia, pois permítenos ir comodamente por unha pista alfombrada polas follas e pola sombra todo o tempo, cos carballos dourados e iluminados por un sol que xa comeza a ir baixo e que lles dá unha luz marabillosa.
Damos tamén con algún espazo aberto, a modo de mirador, dende onde temos unhas boas vistas da hoya berciana e dende onde podemos divisar, ao fondo, todo o cordal da serra de Ancares. A visibilidade é moi boa e Víctor aproveita para indicarnos cal é cada pico.
A ruta é circular, pero en vez de continuar cara ao punto de partida na explanada de Riego de Ambrós, a uns tres quilómetros pola estrada, nós damos por rematada a andaina en El Acebo, onde nos recolleu o bus, pois hai que regresar a Santiago con tempo xa que hoxe houbo cambio horario e xa estamos entre lusco e fusco.
As terras de León sempre sorprenden gratamente aos que gustamos do monte e da montaña. Unha delicia de fin de semana.
PS: O relato das dúas rutas feitas no Bierzo está baseado no blog Rutinas Varias, que recomendo aos que gosten da natureza, da montaña, do sendeirismo e da fotografía, onde podedes ver esta andaina Por el valle de las Tejedas, con algunha variante.
Nivelazo, unha aperta.