Toques
- Lonxitude: 21 km aprox.
- Desnivel: medio
- Dificultade: media-alta (ven dada polo desnivel, a lonxitude da ruta e a lama que se pode atopar no percorrido invernal)
A primeira ruta do ano 2011 fixémola polo concello de Toques, onde pasamos por numerosos puntos de interese, ademais de gozar da beleza e variedade da paisaxe. Gran parte do concello de Toques está integrado dentro da rede Natura 2000, polo seu alto valor natural.
Primeiramente, fixemos un pequeno desvío da ruta para visitar o castro excavado da Graña, e logo volvendo un pouco sobre os nosos pasos enfiamos cara aos restos do mosteiro de Santo Antoniño, onde se está a restaurar a capela de Santa María, símbolo do prerrománico galego. Tivemos a fortuna de coincidir, xa cando marchabamos do lugar, co cura párroco que nos abriu a igrexa para poder admirala e ver, de paso, o estado da súa restauración, moi deficiente ao meu parecer. Isto alterou un pouco os plans sobre o horario previsto, pero pagou a pena!
Continuamos ruta ata divisar a Pena Moura, onde paramos para xantar e repoñer forzas. Dende aquí hai unha vista espectacular das terras de Sobrado dos Monxes, montes de Bocelo… Outra sorpresa para min foi o dolmen de A Muruxosa (o Forno dos Mouros), un dos dólmens máis fermosos e en perfecto estado de conservación. No verán de 2009, arqueólogos do C.S.I.C. estiveron restaurándoo e eliminando as vigas de ferro que suxeitaban a lousa do teito.
Sen pararnos practicamente, pois a noite viñasenos enriba, chegamos a abraiante Fervenza de Brañas, espectacular salto do río Furelos, con moita auga nesta época do ano, debido ás precipitacións caídas en Galicia durante os últimos días, polo que o caudal de agua que se despeñaba polo acantilado desta marabillosa obra da natureza resulta espectacular, como atronador é o seu ruxido. De aquí continuamos camiño pola beira do río Furelos ata o punto de partida en Souto, a capital municipal de Toques, onde demos por rematada a ruta cunha boa cervexa!