Sendeiro do Río Castro. O Cal (San Sadurniño)

25-11-2023
Fervenza de Naraío

O río Castro é un afluente do río Grande de Xuvia, que nace na serra do Forgoselo. Comezamos a ruta polo río Castro no lugar de Pereiras, onde faremos un percorrido duns 11 km de lonxitude. Durante o mesmo poderemos ver bosques de ribeira e fermosas zonas rurais e algún que outro muíño moi ben conservado. Logo de visitar a pequena fervenza de Naraío, a ruta lévanos ata o castelo de Naraío. Logo de visitalo, faremos un pequeno tramo máis río arriba ata a Ponte da Pedreira. Dende aquí, xa por estrada, iremos ata o lugar da Fraguela onde damos por rematada a andaina.

En Fraguela recóllenos o bus para levarnos ata a parroquia de Ferreira, onde visitamos O Cal, Espazo Natural. O Cal é un proxecto persoal de conservación medioambiental que ten por finalidade a recuperación ambiental dun espazo natural degradado, o aproveitamento sostible dos recursos, e a sensibilización da cidadanía ante o problema que supón o monocultivo desaforado do eucalipto. A visita foi guiada por Álvaro Barros, doutor en bioloxía pola Universidade de Vigo.

MIDE

  • Horario: 3:05 h
  • Desnivel de subida: 200 m
  • Desnivel de baixada: 75 m
  • Distancia horizontal: 11 km
  • Tipo de percorrido: Travesía
  • Severidade do medio natural: 3
  • Orientación no itinerario: 2
  • Dificultade no desprazamento: 2
  • Cantidade de esforzo necesario: 3
  • Dificultade: Media/Baixa

Comezamos a camiñar…

Hoxe imos camiñar por primeira vez polo concello de San Sadurniño. Eu xa tiña visitado este concello, pero nunca fixera unha andaina por el. Como sempre, antes de comezar a ruta paramos para tomar un café e estirar un pouco as pernas despois da viaxe, o que aproveito para visitar o Convento do Rosario, no que había moitísimos anos que non entraba, situado no centro urbano de San Sadurniño.

Convento do Rosario ergueuse sobre as ruínas dun antigo hospital templario, auspiciado polos primeiros señores de San Sadurniño, Fernando de Andrade e a súa dona Inés de Castro e Lanzós, filla do líder irmandiño Alonso de Lanzós. Estivo xestionado nun principio por agustinianos, logo por franciscanos e, desde 1570 por dominicos, que o levarán durante os seguintes 250 anos. A partir da desamortización de Mendizábal en 1835 foi empregado como casa reitoral, ata que en 1863 se ampliaron os usos a escola, casa dos mestres e Casa do Concello. De feito, a ala oeste do antigo convento sería casa consistorial ata o 2014.

Claustro do Convento do Rosario
Fachada principal da igrexa
Sartegos de Fernando de Andrade e Inés de Castro e Lanzós
Sartego de Juan Freire de Andrade, II Señor de San Sadurniño

As edificacións que hoxe vemos -claustro e igrexa- rematáronse en 1755 e de aí que se mesturen algúns elementos góticos, barrocos e neoclásicos. O claustro, ata hai pouco, rodeaba un xardín interior con buxos e árbores froiteiras. Nunha das esquinas aínda conserva un reloxo de sol. Desde 2014 o entorno está presidido pola figura de bronce do Sagrado Corazón de Xesús.

Xa na igrexa, a fachada e o retablo maior son barrocos, no presbiterio consérvase un arco e crucería do século XVI, mentres que nos brazos e en parte da nave os retablos xa son neoclásicos. Pero o que destacan nela son as tumbas dos fundadores do convento: Fernando de Andrade, I Señor de San Sadurniño, e Inés de Castro nun lado do presbiterio e o sartego de Juan Freire de Andrade, II Señor de San Sadurniño, no outro.

Sendeiro do río Castro

De seguido, o bus achegounos ata o lugar de Pereiras, xa na parroquia de Naraío. Un cartel co plano do sendeiro amósanos que está dividido en dous tramos e nós iniciaremos a andaina dende o primeiro e percorreremos unha pequena parte do segundo, rematando na ponte da Pedreira. Tamén hai referencias ao máis destacado que nos atoparemos ao longo da andaina. A paisaxe de ribeira sorprende nun primeiro momento, pois esta está dominada practicamente na súa totalidade por grandes extensións de eucaliptais.

O camiño está moi ben sinalizado e sen dificultades destacables, a pesar de levarmos un outono tan chuvioso, imos practicamente por un sendeiro alfombrado de follas. Pronto damos con dous dos elementos destacados na ruta na Ponte da Ferraría. Nun dos seus extremos figura unha escultura zoomorfa que non sabemos se se trata da figura dun oso ou dun xabaril, animais ambos ligados á simboloxía dos Andrade, señores feudais da bisbarra, que adoitaban colocar os seus emblemas  -o oso e o xabaril- en cada extremo das pontes que levantaban. Neste caso consérvase só un, que foi rescatado do fondo do río e cóntannos que en Naraío sempre se coñeceu como “o porco”.

Gran parte do percorrido inicial facémolo por un sendeiro alfombrado
O Porco nun dos extremos da Ponte da Ferraría
Camiñar polo sendeiro á beira do río é unha gozada

Do tempo dos Andrade tamén é a mesma Ponte da Ferraría, que cruzamos para continuar pola outra beira do río. A ponte, con trazos de carácter medieval, conta cun só ollo de arco gótico e a finais dos anos 60 do século pasado foi remodelada engadíndolle unha prancha de formigón, como lle sucedeu a outras moitas pontes do país.

A partir de aquí, camiñamos máis á beira do río nun entorno moi fermoso. Cruzamos o Rego de Neiros na mesma desembocadura sobre o Castro, ante a mirada atónita dun veciño que está a pasear os cans comentándome que non é moi frecuente ver tanta xente por esta ruta. Cruzamos de novo á outra beira do río e traspasamos unha cancela que nos advirte que entramos en propiedade privada. Estamos no entorno do Muíño de Pielas, coa vivenda da familia muiñeira formando parte da estrutura, e hoxe convertido en vivenda na súa totalidade; no seu xardín vemos expostos moitos elementos tradicionais como arados, potes… destacando o carro tirado por unha parella de vacas feitas en fibra de vidro. En fin.

Muíño de Pielas, hoxe convertido en vivenda na súa totalidade
As augas do río remánsanse para aportar auga ao muíño a través da canle 

Continuamos pola beira do río sen sair do carreiro respectando a propiedade, e imos en paralelo á canle que aportaba a auga ao muíño. Cruzamos unha nova ponte e recuperamos a pista para camiñar practicamente por ela ata a base do castelo. Na zona de Naraío, o río forma unha sucesión de fermosos rápidos, pozas e fervenzas, ao discorrer por un estreito canón aproveitado polo muíño do castelo, en estado ruinoso e, un pouco máis adiante, por unha minicentral eléctrica.

Moi preto de aquí, a uns 150 m está a fermosísima Fervenza do río Castro ou de Naraío. Así, antes de iniciar a subida cara ao castelo, facemos un pequeno desvío e achegámonos ata a pequena fervenza seguindo o carreiro que ascende, entre un pequeno bosque de piñeiros e eucliptos, entre outros exemplares, abríndonos paso entre os fentos e o pico dos pinos de cor vermella. Temos sorte pois admiramos a fervenza, un salto de auga duns 6 m de altura, que baixa cun caudal bastante considerable, grazas ás chuvias que estamos a ter neste outono.

O castelo de Naraío sobre unha rocha, co seu aspecto macizo e escaseza de vans
Fervenza do río Castro ou de Naraío

Regresamos sobre os nosos pasos e iniciamos a subida ao Castelo de Naraío, o desnivel máis grande que temos que salvar na xornada. Áchase levantado sobre a rocha a 155 m de altitude e, mentres ascendemos, imos apreciando o seu aspecto macizo con escaseza de vans e planta irregular. Accedemos á fortaleza a través de pasarelas metálicas. Os restos das murallas aparecen en dous niveis, coas portas de acceso formadas por arcos de medio punto e interesantes pasadizos abovedados. Xa no centro do patio de armas, accedemos en pequenos grupos á torre da homenaxe polas escaleiras habilitadas, onde se sitúa o alxibe.

Dende a plataforma habilitada na parte superior da torre da homenaxe, apreciamos a paisaxe dominada practicamente por pastos e polo monocultivo desaforado do eucalipto, mentres que cara abaixo, o río Castro amósanos unha imaxe cargada de beleza, nun agradable espazo natural.

Iniciando a subida ao Castelo de Naraío
O acceso á torre da homenaxe faise a través de escaleiras metálicas
Xunto cos pastos, o eucalipto domina practicamente a paisaxe

Descendemos e continuamos río arriba cara a área recreativa do castelo coa idea de facer un pequeno tramo de ida e volta. O camiño ata o merendeiro está moi embarrado, froito da chuvia e do paso de tractores e grandes máquinas. Como imos con tempo, avanzamos e decidimos continuar. Neste treito, o camiño vai estar moi encharcado en todo momento polo que cando chegamos á Ponte da Pedreira decidimos parar e buscar un lugar para xantar. Dende aquí, xa por estrada, subimos ata o lugar da Fraguela onde damos por rematada a andaina ao pé da capela de Santa Mariña, xantando e facendo o descanso no seu entorno.

O Cal

Subímonos de novo ao bus para que nos leve ata a parroquia de Ferreira, onde nos agarda Álvaro Barros, un doutor en bioloxía que nos vai guiar polo espazo natural O Cal. Desde hai uns meses fai visitas guiadas gratuítas nas que explica o seu proxecto e comenta as características do bosque. A ruta ten un total duns 2 km nos que fai doce paradas explicativas. O terreo é algo incómodo, así que é recomendable baixar con bo calzado e bastón.

Mentres imos baixando cara a fraga, cóntanos Álvaro como acometeu un programa de rexeneración dos valores naturais deste espazo. Partindo da pequena historia do lugar, que foi perdendo pouco a pouco os usos da agricultura tradicional (ata había viñas e producíase viño nas casas), sobre todo herba para as vacas e cereal, fundamentalmente centeo. Co abandono dos usos, a natureza acabou recuperando o seu e o espazo converteuse nun bosque mixto, nunha fraga. O que estamos a ver é un pequeno oasis de biodiversidade rodeado de plantacións de eucaliptos.

Álvaro Barros, fantástico!
Unha das doce estacións que hai no percorrido
Carballo O Vixía

Todo O Cal ofrece un incomparable espazo para deixarse ir polos seus carreiros que debuxan as súas abas. No pequeno percorrido que nos ofrece vai debullando en pequenas paradas de tres/cinco minutos as distintas vicisitudes e momentos ata o presente en que decidiu comezar a amosar O Cal. Dende a relación cos propietarios limítrofes, a problemática de mercar terreos, as distintas árbores que imos vendo como os carballos ou as cañotas, vestixios de castiñeiros centenarios, a rexeneración da fraga, ata o nome do lugar… amosan a cantidade de tempo que está investindo nesta experiencia tan ilusionante.

Mentres baixamos cara o Rego dos Sapos, que cruza a fraga, coméntanos que o proxecto non trata da substitución masiva de eucaliptos, especie de forte carácter invasor, por árbores autóctonas. Oxalá! O obxectivo é a recuperación ambiental dun espazo natural degradado e concienciar e poder reverter o proceso de eucaliptización, a conservación e ampliación da fraga e a conformación dun espazo natural coa plantación e mantemento de especies autóctonas diversas. Amósanos ata maceiras, das que aínda podemos apañar mazás do chan!

Atendendo as explicacións de Álvaro ante unha enorme cañota
Rego dos Sapos

Recupérase así un terreo que impide a expansión de especies forestais de parcelas lindeiras e reforestacións, polo que as intervencións enlazáronse harmonicamente en texturas, cores, materiais e volume, co emprazamento. As intervencións en materia de vexetación orientáronse a incrementar a diversidade de especies e cromatismo, ocultar impactos e restablecer o equilibrio ecolóxico.

Pareceume unha experiencia tan interesante e entretida que teño que recomendala. É todo moi informal, non ten web nin nada similar, pero quen queira contactar con el para concertar unha visita, pode facelo a través da súa Facebook persoal. Moitos parabéns e moita sorte!

Deixar un comentario

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Scroll ao inicio